venres, 26 de marzo de 2021

DESPEDIMOS O 2º TRIMESTRE CON PETER PUNK

Peter Punk, con Gaza, no patio do cole.
Peter Punk é un dos pallasos máis destacados de Galicia, pero ademais dos seus propios espectáculos tamén participa coa Asociación Cultural e de Cooperación Internacional "Pallasos en Rebeldía", onde artistas de diferentes nacionalidades promoven a risa e a solidariedade como ferramenta para a liberación de pobos oprimidos (Sahara, Palestina, México). Nós tamén quixemos despedir este trimestre con alegría, porque nos sentimos moi afortunadas de poder continuar asistindo á escola, de poder vernos sen unha pantalla de intermediaria... E aínda que teñamos que seguir mantendo certas distancias, empregando a máscara e sendo máis esixentes na limpeza, desexamos que o terceiro trimestre continúe así ou mellor!!!! Aquí vos deixo as fotos dunha mañá na que, a pesar do frío, rimos moitísimo con este súper artista. Moitas grazas, Peter Punk!!!! Tamén por presentarnos á túa cadeliña Gaza e por deixarnos o avance do teu último espectáculo, "Concerto Punkinfantil", que xa anda soando no cole!!!!

Apertas, 

Rosiña

xoves, 25 de marzo de 2021

DÍA MUNDIAL DA AUGA

O 22 de marzo celebrouse o "Día Internacional da Auga", e na aula de 5º e 6º quixeron adicarlle un programa en "Radio Rosiña", un programa que realizaron durante a "Semana da Prensa". Esperamos que vos guste moito e que todas coidemos este ben tan valioso, sen o cal sería imposible vivir, como nos contan as nenas e nenos de 5º e 6º:

 

 Tamén vos deixo aquí algúns vídeos que nos gustaron moito sobre a auga:


Apertas,

              Rosiña

venres, 12 de marzo de 2021

SEMANA DA PRENSA

A noticia maquetada polo alumnado.
No centro recibimos o periódico "La Voz de Galicia" a diario, e os mércores, ademais, un exemplar para o alumnado de 4º a 6º de Primaria dentro do programa "Prensa-Escola", para adicar un tempo na aula a comentar algunhas noticias, facer algún traballo determinado e aprender a manexar este medio de comunicación, entre outras cousas. Ademais disto, no calendario escolar aparece sinalada unha semana para traballar a prensa, que neste curso rematou hoxe. Por este motivo, nas aulas de 3º, 4º, 5º e 6º estiveron realizando algunhas tarefas moi concretas. 
En 5º e 6º están elaborando un traballiño sobre a auga, que publicarán o vindeiro 22 de marzo, Día Mundial da Auga, pero en 3º e 4º xa a remataron e preséntana para todo o público no noso blog. Consistiu na redacción dunha noticia sobre o proxecto que estamos desenvolvendo no cole sobre as aves, que maquetaron tendo en conta o formato dun xornal: título, subtítulo, fotografías e pé de foto, texto en columnas, etc. Despois lérona en Radio Rosiña, para que tamén a través das ondas chegue a todos os fogares. Podedes escoitala aquí:


En hora boa, rapaciñas e rapaciños!!!
Rosiña



xoves, 11 de marzo de 2021

XINCANA DA IGUALDADE

Un momento da xincana no patio.
Con motivo da celebración do "Día da Muller", a compañía Dinamo desarrollou unha actividade no centro durante esta xornada dirixida a todo o alumnado en diferentes quendas. A través de xogos diferentes, as rapazas e rapaces do cole falamos da necesidade de coidar a nosa linguaxe, de eliminar estereotipos, de aceptar as diferenzas respectándoas e non para discriminar, etc. Foi unha sesión moi interesante e participativa, ademais de moi necesaria...

Deixámosvos aquí as fotos.


 

Rosiña


luns, 8 de marzo de 2021

DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

Hoxe, 8 de marzo, celebramos o "Día Internacional da Muller", unha data moi importante que debe ser tida en conta cada día do ano se queremos conseguir a igualdade entre homes e mulleres. No cole traballamos día tras día este tema, pero para esta celebración fixemos uns traballos determinados que queremos compartir no noso blog. Hoxe chega o resultado do realizado en 3º e 4º de Primaria, no que investigaron sobre algunhas "Galegas que fixeron historia", buscando información na aula de informática, elaboraron unha ficha sobre elas que expuxeron no corredor e gravaron un programa radiofónico para facer un vídeo que lles quedou así de ben:

Mural realizado polo alumnado de 3º e 4º.

Seguramente coñezades a todas ou a moitas das protagonistas deste vídeo, pero aínda que sexa así merece moito a pena ver esta estupenda montaxe das nenas e nenos de 3º e 4º, polo que quero darlle a en hora boa a todo o grupo!!! Canto aprendemos con todas as vosas aportacións!!!
 
En 1º e 2º gravaron un programa para "Radio Rosiña", que podedes escoitar a continuación:
 
 

Nas aulas de Infantil partiron do conto "¿Hay algo más aburrido que ser una princesa rosa?" . Como na maioría dos contos os príncipes visten de azul e as princesas de rosa decidiron cambiar o conto: vestiron de rosa ao príncipe e de azul á princesa, e escribiron que cousas poden facer uns e outros. Todo isto tendo en conta que non hai cores de nenos e cores de nenas, así que as persoas podemos vertirnos das cores que queiramos!!! E tamén temos a liberdade de facer as tarefas que nos gustan, así como axudar naquelas que ao mellor nos custan un pouquiño máis. Nada mellor para que entendamos todo isto que vendo as fotos que reflexan todo este traballo premendo aquí, así como o estupendo vídeo que gravaron na aula de 3 e 4 anos:

Aínda chegarán algunhas cousiñas máis, pero mentras tanto, recibide un montón de apertas, 

Rosiña

venres, 5 de marzo de 2021

CELEBRACIÓN DO DÍA DE ROSALÍA

Hoxe estou aquí para compartir con todas vós as actividades que realizamos para conmemorar o "Día de Rosalía". En primeiro lugar, aquí tedes o podcast que gravaron en Radio Rosiña as nenas e nenos da aula de Infantil de 4 e 5 anos coa mestra Patri:

E en segundo lugar, a montaxe coas cancións que aprenderon nas diferentes clases, partindo da proposta que nos fixeron na Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Esperamos que vos gusten moito... Nós pasámolo moi ben gravándoas e lembrando a esta grande escritora da nosa lingua:

Rosiña