Amosando publicacións coa etiqueta violencia de xénero. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta violencia de xénero. Amosar todas as publicacións

xoves, 25 de novembro de 2021

DÍA CONTRA A VIOLENCIA CARA A MULLER: "DEIXÁDEAS BRILLAR"

Ola!!! 

Que bonito vos quedou o mural que realizastes para celebrar o "Día contra a violencia cara a muller". A actividade proposta, "DEIXÁDEAS BRILLAR", consistiu en escribir nunha estrela o nome de cada unha das nenas do cole, das nais, das avoas, das mestras e doutras mulleres que coñecerades e quixerades para incluílas nun ceo que quedou verdadeiramente fermoso, coma se dun universo cheo de esperanza e liberdade se tratara.

O mural atópase no corredor do colexio, formando parte da decoración deste curso.

Ese día, ademais, adicámolo a facer varios obradoiros coa compañía Dinamo nas diferentes aulas: unha xincana sobre as tarefas da casa, un xogo sobre as profesións que mesturaba a carreira de relevos e o coñecido memory, ou un xogo para averiguar palabras, algunhas das cales descoñeciamos, como sororidade, que fai referencia á solidaridade entre mulleres, especialmente ante situacións relacionadas co machismo.

E, pola tardiña, Carmen Domech contounos unha versión do coñecido conto "Artur e Clementina", de Adela Turin e Nella Bosnia que podedes ver de novo premendo aquí.

Desafortunadamente, este é un tema moi duro do que non debemos evitar falar, para percatarnos da súa problemática a todos os niveis e cambiar e denunciar todas aquelas cousas que observemos e que non permiten que as nenas e as mulleres de calquera lugar do mundo brillen libremente. 

Unha aperta enorme,

Rosiña


mércores, 25 de novembro de 2020

"QUE NINGUÉN TE ENGAIOLE" - ACTIVIDADE DO 25 de NOVEMBRO

Este curso celebramos o "Día contra a violencia cara a muller" realizando unha actividade titulada "Que ninguén te engaiole", a través da cal manifestamos a nosa preocupación por todas as actuacións que prohíben ás mulleres tomar decisións, facer as cousas que elas queren..., ser libres!!! Sabemos que esta é unha tarefa de todas as persoas, non só de mulleres, por iso todo o alumnado e o profesorado nos sumamos con forza para conseguir este dereito tan fundamental. 

Ademais de traballalo nas aulas, realizamos dúas actividades colectivas: unha delas foi deseñar unha gaiola en cada grupo, que expuxemos no corredor e tamén podedes ver aquí:

A outra, como podedes imaxinar, foi realizar un programa en Radio Rosiña, onde as presentadoras Martina (5º) e Alba (6º) vos contan máis cousiñas polo miúdo. Aquí vos deixo tamén o enlace para que o escoitedes e descarguedes:

 

 Unha forte aperta,



mércores, 18 de novembro de 2020

ACTIVIDADE PARA CELEBRAR O DÍA CONTRA A VIOLENCIA CARA A MULLER

OLA, RAPACIÑOS E RAPACIÑAS!!!

Como estades? Eu, sinceramente, moi contenta de vervos polo cole, de saber que seguides sans e coas enerxía que vos caracteriza!!! Lembrade que é moi importante que sigamos tomando todas as precaucións acordadas.

Hoxe escríbovos para contarvos a próxima celebración que realizaremos no cole, que terá lugar o vindeiro 25 de novembro. Esa data aparece sinalada no calendario como o "Día contra a violencia cara a muller", aprobado pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas en 1999. Desde entón xa pasaron 21 anos, pero aínda seguimos vivindo situacións que amosan que moitas persoas seguen a sufrir diferentes tipos de violencia.

Eu quero convidarvos a realizar unha actividade na aula que logo expoñeremos por todo o cole. Leva por título “QUE NINGUÉN TE ENGAIOLE” e consiste en realizar unha gaiola na que se atope a silueta dunha ave que vós elixades e na que os seus barrotes estean compostos por oracións que falen daqueles dereitos que ninguén debe quitarche. Tede en conta que hai moitas maneiras de violencia, non só pegar fisicamente é maltrato… Poden comezar con “Ninguén ten dereito a…” 

E as nenas e nenos de Infantil, que estades aprendendo a escribir, podedes construír a gaiola empregando as vosas pegadas dactilares.

Na súa portiña, podemos escribir o número 016, que é o número de teléfono de atención a víctimas de violencia de xénero.  

Agardo ver os vosos traballos!!!

Unha aperta,

 

luns, 25 de novembro de 2019

TÍTERES CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

A xornada de hoxe estivo marcada polo "Día contra a violencia cara á muller". Aínda que xa falamos sobre este tema cando recibimos a visita de Palmira e construímos unhas fermosas anduriñas, o certo é que tamén hoxe era preciso reflexionar sobre algo que nos preocupa moitísimo, xa que todos os días aparecen noticias relacionadas coa violencia.
Nas clases de música aproveitaron para falar das nosas "matriarcas", aproveitando unha canción de Guadi Galego que forma parte xa da nosa historia; unha homenaxe a todas as mulleres que nos rodean (nais, avoas, irmás, fillas, netas, amigas, noivas...)
Nas aulas fixestes tamén traballos en grupo para falar da igualdade entre homes e mulleres, e mesmo expuxestes algúns traballos en diferentes recunchos do cole, que quedaron moi fermosos. 
E pola tarde recibimos aos Títeres Cascanueces, que nos contaron a historia "Unha armadura con ferruxe", onde trataron de transmitir unha mensaxe sobre a igualdade de xénero. Premendo sobre a imaxe podedes ver as fotos desta sesión de títeres.

O cabaleiro estaba preso na súa armadura.

xoves, 21 de novembro de 2019

EXCURSIÓN A SANTIAGO DE COMPOSTELA

Hoxe viaxamos ata Santiago de Compostela en dous autobuses. O primeiro deles, co alumnado de 3º a 6º de Primaria, con rumbo ao Auditorio de Galicia, onde asistiron a un concerto didáctico no Auditorio de Galicia. O concerto, titulado "Clásicos á galega", é idea de Xosé Lois Romero e Suso Vaamonde, e foi ofrecido pola Banda Municipal de Música de Santiago. Nel interpretaron melodías moi coñecidas da música clásica, pero dándolles un "acento galego" ao incorporar instrumentos populares galegos (noz, charrasco, tarabela, culleres, pandeiro, pandeira, tixola, lata, zanfona, requinta, asubío, gaita, sacho...). Así, a Banda e a narración de Suso Vaamonde achegáronnos obras de Beethoven, Strauss, Bizet, Grieg, Rossini, Ravel ou Brahms, entre as cales incluso soou algún paxariño. 
O grupo de 3º a 6º de Primaria diante do cartel da exposición.
E despois da música, fixemos unha visita guiada á exposición "I̶N̶ ̶VISIBLE WOM@RTS", centrada na obra de mulleres artistas que parten dunha realidade cultural e xeracional propia. A través das súas creacións presentan cuestións tan interesantes como a "natureza" da muller, o arraigo social, a historia ou os pasos futuros. Unha exposición moi interesante que nos fará reflexionar tamén de cara ao vindeiro 25 de novembro, "Día contra a violencia cara á muller".
Gustáronnos moito as dúas actividades!!! Premendo sobre a imaxe podedes ver as fotos que fixemos no Auditorio de Galicia.
 

venres, 15 de novembro de 2019

ANDURIÑAS DE PAPEL


Despedimos esta semana de novembro cunha actividade moi fermosa que achegou ao noso cole PALMIRA. Esta rapaza de Fisterra xa estivo en San Cosme hai varios cursos facendo moitos e coloridos barquiños de papel. Tamén nesta ocasión foi a papiroflexia ou origami unha das partes do obradoiro que nos presentou hoxe.
Achégase o 25 de novembro, unha data na que se celebra o Día contra a violencia cara á muller, algo que, tristemente, segue a formar parte das noticias do noso país día tras día. Por este motivo, Palmira estivo connosco conversando sobre o que é o feminismo, en que situacións se dá violencia de xénero, qué podemos facer nós para axudar a que eses feitos desaparezan... Aínda que pareza incríble, dánse casos en moitos e diferentes contextos (fogares, lugares de traballo, lugares de ocio, etc.), e non hai que ir nada lonxe para coñecer a algunha muller, rapaza ou nena que sufra situacións de violencia. Sen ir máis lonxe, Palmira lembrounos que dúas meniñas de Carballo sufriran o ataque de varios rapaces polo simple feito de bicarse. 
Despois desta primeira parte de conversar, a nosa invitada contounos dúas lendas moi bonitas e apropiadas para esta temática: a historia xaponesa das mil grúas e a das tatuaxes de anduriñas nunha man. E da unión de ámbalas dúas, Palmira deseñou unha anduriña que realizamos coa técnica da papiroflexia. Quedaron moi bonitas e pasamos unha mañá inesquecible con Palmira, á que tanto cariño temos no noso cole. Moitísimas grazas por todo o compartido con nós, Palmira!!!
Se queredes, premendo AQUÍ ou sobre a imaxe podedes ver as fotos deste obradoiro, e practicade a facer miles de anduriñas para que non se vos esquezan os pasos e, quen sabe, ao mellor tamén se vos cumpren os vosos desexos!!!

Amosando as nosas anduriñas de papel na biblioteca do cole.


luns, 26 de novembro de 2018

PROBETAS CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

https://photos.app.goo.gl/SkeXr53HFJUZDdbG7Pois xa temos as nosas probetas preparadas contra a violencia. Estou convencida de que calquera persoa maltratadora deixaría de selo se as probara!!!! Están cheas de abrazos, bicos, axuda, empatía... Ao tempo que lemos todas as fórmulas, tamén falamos de dúas diferentes maneiras que hai de agredir aos demais: as agresións verbais (empregando a palabra para insultar ou para contar mentiras sobre outras persoas, por exemplo) e as agresións físicas (escupir, pegar, etc.), entre outras. Pero neste 25 de novembro quixemos tamén centrar a atención na violencia cara á muller, xa que son moitas as mulleres que a sofren, e nunha porcentaxe moi elevada provocada polos homes máis achegados a elas: maridos e pais. Un momento de reflexión que rematamos cunha chea de apertas entre todas e todas!!!! Premede sobre a imaxe para ver todas as fotos.
Tamén vos deixo un vídeo moi interesante que relaciona a desigualdade de homes e mulleres en moitas das actividades da vida cotiá co dereito á saúde, para que reflexionemos sobre algo que nos afecta a todas as persoas:



xoves, 22 de novembro de 2018

25 DE NOVEMBRO-DÍA CONTRA A VIOLENCIA CARA A MULLER

OLA, RAPACIÑAS E RAPACIÑOS!!!!
Aquí vos deixo a carta que vos escribín hoxe para a actividade coa que imos celebrar entre mañá e o luns o "Día contra a violencia cara á muller". Espero as vosas fórmulas máxicas!!!



Unha aperta,


sábado, 25 de novembro de 2017

CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO, CHEAS DE VIDA!!!

Esta fermosa canción de Guadi Galego foi a elixida no CPI Plurilingüe Eusebio Lorenzo Baleirón (Dodro) polo alumnado de 4º da ESO para realizar un videoclip ben fermoso!!! Quero compartilo convosco hoxe, 25 de novembro, Día Internacional contra a violencia cara á muller, e adicarllo a todas esas persoas que loitan polos dereitos en tantos recunchos do mundo, conseguindo que non deixen de estar cheas de vida!!! NORABOA tamén a todas as persoas que participaron na realización deste fermoso traballo:


martes, 29 de novembro de 2016

ESPECTÁCULO TEATRAL EN SANTA COMBA

Ata o Concello veciño viaxamos esta mañá, para asistir a un espectáculo teatral que nos encantou: "ROEDORES"
A historia cóntanos as aventuras do hámster Peludiño, que escapou da súa gaiola para vivir aventuras na cidade, e da rata Munda, unha soñadora que pasa as noites rebuscando no lixo para levar comida aos seus irmáns. Estes dous roedores terán que deixar atrás os seus prexuízos e traballar en equipo para vencer ao temido Gato!!! Xuntos aprenderán que son máis parecidos do que eles pensaban, e que as diferenzas os fan especiais. 
Encantounos a posta en escea deste espectáculo dirixido por Álex Sampayo e protagonizado polos actores Guillermo Carbajo, Sheyla Fariña e Carlos Álvarez-Ossorio. Ademais, Peludiño tocaba nada máis e nada menos que o ukelele!!! Menuda casualidade!!!
Por último, lembrarvos que a obra está relacionada co conto escrito por Álex Sampayo e Borja F. Caamaño, e ilustrado por Rodrigo Chao, que desde hoxe forma parte tamén dos fondos da nosa biblioteca.
Noraboa por este traballo a todas as persoas implicadas nel e moitas grazas ao Concello de Santa Comba por invitarnos!!!
Aquí tedes as fotos desta mañá (preme AQUÍ):

https://photos.google.com/album/AF1QipPT6XheYwd6P-bmBQkpIgZcfdxK5s0Ni0e6ywXh

sábado, 26 de novembro de 2016

AS NOSAS CLAVES CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Aquí está o resultado da actividade realizada con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero. As claves quedaron moi fermosas, pero o verdadeiramente importante é que se cumplan cada unha das cousiñas que nelas escribimos!!! Premendo AQUÍ podedes velas todas:

https://photos.google.com/album/AF1QipOn0f8kUDogIN_HgYvi1b0OtnFzOJrQZdDzFZuK

venres, 25 de novembro de 2016

CLAVES CONTRA A VIOLENCIA Á MULLER

O Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller foi aprobado pola Asamblea Xeral das Nacións Unidas no ano 1999. A proposta para celebrar esta data realizouna a República Dominicana.
Durante esta semana, no cole estivemos falando das distintos ámbitos nos que se pode presentar a violencia contra as mulleres: física, sexual, psicolóxica, económica... A violencia contra as mulleres afecta á súa saúde, pero vai moito máis alá, xa que as súas familias e as comunidades nas que viven tamén sofren este ataque contra os dereitos da muller.
No cole reflexionamos moito sobre isto, e pensamos que era unha boa idea aportar algo feito por nós. Xa que a nosa Musiteca está en pleno funcionamento, pensamos que estaría ben pensar nalgunhas claves para amosar o noso rexeitamento á violencia cara as mulleres. Esta mañá expoñerémolas no corredor do cole durante a "Hora de Ler", cando falaremos tamén desta data todos xuntos.
Mentras tanto, tamén vos recordamos que na Biblioteca temos varios libros que tratan este tema, e podedes lelos nas aulas ou levalos para as vosas casas.
https://drive.google.com/file/d/0B4hTHqLU5nrXbWFTZmQ4LVY5cXM/view?usp=sharingAdemais das actividades recollidas no blog para traballar a violencia cara a muller (preme AQUÍ), tamén podedes consultar unha guía de lectura infantil e xuvenil editada pola Deputación de Granada. Titulada "La mochila violeta", nela poderás atopar moitas recomendacións por idades, algunhas das cales tamén están publicadas en galego. 

mércores, 25 de novembro de 2015

DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

O certo é que é moi triste que teñamos que celebrar datas coma esta. O "Día Internacional da eliminación da violencia contra a muller", débese, segundo á Organización das Nacións Unidas (ONU), a datos tan horribles coma os seguintes:
-a violencia contra a muller é unha violación dos dereitos humanos;
-a violencia contra a muller é consecuencia da discriminación que sofre, tanto en leis como na práctica, e nas desigualdades pola razón de xénero;
-a violencia contra a muller afecta e impide o avance en moitas áreas, incluídas a eliminación da pobreza, a loita contra a paz e a seguridade, etc.;
-a violencia contra a muller pódese evitar. A prevención é posible e indispensable;
-a violencia contra a muller segue sendo unha pandemia global. Ata un 70% das mulleres sofren violencia na súa vida.
O caso é verdadeiramente grave e alarmante!!!!
A ONU decidiu poñer en marcha a campaña "16 días contra a violencia de xénero", que comeza o 25 de novembro e remata o 10 de decembro, Día dos Dereitos Humanos. Esta campaña ten como obxectivo chamar á acción para poñer fin á violencia contra as mulleres e as nenas en todo o mundo.
Este ano, a campaña invita á participación na iniciativa "Pinta o mundo de laranxa: pon fin á violencia contra mulleres e nenas".
Ademais de pintar o mundo de laranxa, tamén podedes ver algúns dos seguintes vídeos, que tratan en profundidade este tema tan preocupante:

UN XOGO PARA OS RAPACIÑOS E RAPACIÑAS DE ED. INFANTIL:


"LITTLE MERMAID"
Esta curta conta a historia de Saúl, un meniño de 5 anos que decide vestirse de "Sereo" para a festa de Entroido do seu cole, e a súa nai comeza a preocuparse en exceso... 


"SEIS GRADOS"
Un anuncio publicitario que gañou un premio no ano 2009.


"NO ES AMOR"
Este anuncio tamén obtivo un premio no ano 2013.


E QUE SUCEDE NO DEPORTE? Aproveitando que as Olimpíadas é o tema principal do noso proxecto este curso, non queremos deixar pasar esta data sen telo en conta. Vós que pensades? Hai diferencias nos deportes entre homes e mulleres? E no cole? Que sucede cando xogades? Estas preguntas son unha invitación á reflexión para os rapaces e rapazas de 5º e 6º. Para todos, aquí van algúns vídeos que tratan este tema a partir de mulleres deportistas:

-VÍDEO QUE RESUME BREVEMENTE A PRESENCIA DA MULLER NOS XOGOS OLÍMPICOS



-VÍDEO POLA IGUALDADE DE MULLERES DEPORTISTAS ESPAÑOLAS


-VÍDEO REALIZADO PARA CELEBRAR AS "II XORNADAS DE DEPORTE, IGUALDADE E VIOLENCIA DE XÉNERO", ELABORADO POR UN EQUIPO FEMININO DE RUGBY