Amosando publicacións coa etiqueta Novas tecnoloxías. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Novas tecnoloxías. Amosar todas as publicacións

luns, 2 de maio de 2022

EXPOSICIÓN "MULLERES QUE FIXERON HISTORIA NO ÁMBITO DA TECNOLOXÍA"

Bo día!!! Hoxe iniciamos o mes de maio no cole cunha noticia marabillosa que chega en forma de podcast!!! Cóntovos:

O pasado 28 de abril celebrouse o Día Internacional das Rapazas nas TIC, e como xa sabedes, en Primaria andan facendo varios traballos arredor desta temática. Para este último prepararon unha exposición que podedes visitar no corredor do colexio: "Mulleres que fixeron historia no ámbito da tecnoloxía". Ademais de incluír a ficha realizada por cada neno e nena, tamén conta cun código QR, ao que agora engadimos os podcasts que gravaron en "Radio Rosiña". Cada un está adicado a unha das mulleres que foron centro da súa investigación, polo que premendo sobre o seu nome poderedes escoitar a gravación. É posible que non as coñezades a todas, así que aproveitade tamén para aprender moito a través deste traballo grupal. As protagonistas son:

ADA LOVELACE

ÁNGELA RUIZ ROBLES

ANTONIA FERRÍN MOREIRAS

BEGOÑA VILA

CAROL SHAW

EVELYN BEREZIN

FRANCES E ALLEN

HEDY LAMARR

MARY KENNETH KELLER

RADIA JOY PERLMAN

Ademais, investigaron sobre un grupo de mulleres que en 1942 foron contratadas polo exército estadounidense para programar unha das primeiras computadoras, e que se coñecen como "Top Secret Rosies". Sobre esta asociación e as súas integrantes podedes saber máis premendo nos seguintes enlaces:

"TOP SECRET ROSIES"

BETTY SNYDER

FRANCES BILAS

JEAN JENNINGS

KATHLEEN McNULTY

MARLYN WESCOFF

RUTH LICHTERMAN

O 28 de abril, ademais, asistiron a un coloquio online organizado polo CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia), no que catro mulleres galegas que se adican ao campo das TIC lles falaron sobre as súas profesións.

Cartel da exposición "Rapazas emprendedoras nas TIC".
 

En hora boa por todo este traballo,

Rosiña



martes, 15 de marzo de 2022

OBRADOIRO "PROGRAMANDO O UNIVERSO"

Este martes o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria realizou un obradoiro no cole moi interesante. Baixo o título "Programando o Universo", e coa axuda de Eloy ("Naturnova"), fixeron un pequeno repaso das características dos planetas do sistema solar: tamaños, composición, distancias, satélites, etc. Despois elixiron un planeta, puxéronlle un nome e describírono brevemente para facer unha programación empregando a aplicación gratuíta Scratch

A verdade é que sempre desfrutades moito con estas propostas, nas que cada vez sodes máis autónomas/os. Podedes ver as fotos e algúns vídeos premendo na imaxe.

O destinatario deste obradoiro foi o alumnado de 3º a 6º de Primaria.

Rosiña

mércores, 9 de marzo de 2022

A SEMANA DA PRENSA NO COLE

Ao longo destes días celebrouse a "Semana da prensa", e na aula de 3º e 4º fixeron un traballo estupendo que comparten con todas nós a través do blog da biblioteca e de "Radio Rosiña". A actividade consistiu en redactar unha noticia na que falan dun dos programas nos que estamos participando este curso, que leva por título "Rapazas emprendedoras nas TIC". 

Ademais da imaxe da noticia escrita, aquí vos queda o enlace para que escoitedes tamén o programa de radio:

En hora boa polo traballo, rapaciñas e rapaciños!!!


Apertas,

Rosiña

luns, 24 de xaneiro de 2022

"DJ MAKEY MAKEY", UN OBRADOIRO MOI INTERESANTE

Esta semana de xaneiro rematou dun xeito especial para o alumnado de 3º a 6º de Primaria, xa que no cole recibimos a Vanesa e Laura, as encargadas de impartir un obradoiro moi interesante sobre programación, robótica, arte e música, chamado "DJ Makey Makey". Esta é unha das actividades STEAM (Science, Technology, Engineering, Arts and Maths) de Afundación, coa que desfrutamos e aprendemos moitísimo. Partindo do significado de sinestesia, traballamos a poesía e fixemos unha curiosa creación en grupo. Se queredes ver o resultado deste interesante obradoiro, premede na seguinte imaxe: 

Un equipo de 5º e 6º explorando "DJ Makey Makey".

Rosiña

 

xoves, 23 de decembro de 2021

RAPAZAS EMPRENDEDORAS NAS TIC

Ola a todas!!!

Comezaron as vacacións de Nadal, pero non por iso o noso blog está inactivo. Todo o contrario, xa que sei que o visitaredes para lembrar moitos dos momentos que celebramos no cole, ou para descubrir cousas ben interesantes como esta que nos conta o alumnado de primaria

Como sabedes as tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) son un dos sectores máis importantes na actualidade, pois permiten unha comunicación eficiente, rápida e clara, favorecendo sectores vitais como a educación, a saúde ou a economía.

A inmensa maioría dos traballos actuais requiren algún grao de coñecemento destas tecnoloxías aínda que, segundo a Comisión Europea, só o 30% do sector TIC está formado por mulleres.

Por esta razón, este curso o alumnado de educación primaria está a participar no programa “Rapazas emprendedoras nas TIC” do Plan Proxecta+. Este ten como obxectivo principal fomentar o uso das TIC no alumnado e no resto da comunidade educativa, poñendo especial atención no rol das nenas, rapazas e mulleres como referentes do sector e como creadoras de contidos. 

Entre as actividades que realizaron está este vídeo no que as nenas e nenos de 3º a 6º nos explican aspectos relacionados co ámbito científico-tecnolóxico (que tamén inclúe o outro proxecto que estamos a desenvolver no cole: o Universo) e con este proxecto (que é o emprendemento, que son as TIC…). 

Tamén asistiron a unha charla virtual sobre ciberseguridade enmarcada dentro do ciclo de conferencias “Educación século XXI” de Afundación TV. 

Bernardo Viqueira explicou ao alumnado como enfrentarse aos dispositivos dixitais que manexamos diariamente. 
Bernardo é "hacker" e deu consellos sobre como mellorar as nosas condicións de seguridade ante ese tipo de dispositivos.

Por último, entre todo o alumnado de primaria gravaron un “Rosiñapalabra” con palabras do “A” ao “Z” relacionadas co campo da ciencia e da tecnoloxía. 

En hora boa por este traballo tan completo e interesante, ademais de moi necesario!!!

Agardo impaciente as vosas novidades a partir de xaneiro, que sei que nos ensinarán moitísimo a todas as persoas que visitan o noso blog.  

Aperta enorme,

Rosiña


mércores, 12 de maio de 2021

PROGRAMA ITINERANTE AULA STEAM

Ola!!! Hoxe estou aquí para contarvos que participamos nun programa de actividades que o Servizo Educativo Afundación impartiu no noso cole. Unha delas estivo dirixida ao alumnado de Educación Infantil e 1º e 2º de Primaria e chamábase "De cando o pincel e o lapis se enfurruñaron e non quixeron compartir cadro". Comezou cunha proxección na que nos falaba do salto na historia da arte da pintura clásica á pintura máis contemporánea. Nas nosas aulas desfrutamos moito descubrindo que todas as épocas artísticas están cheas de talento, e construímos un robot pintor!!!!

Os robots pintores funcionan perfectamente!!!
 

Nos cursos de 3º a 6º desenvolveron "A arte das emocións": tamén comezaron cunha proxección sobre un instagramer que pensa que con ter seguidores xa o ten todo na vida, ata que un día queda ao descuberto e todo se vén abaixo, xa que o acusan de non ter emocións. Partindo desta historia aprendemos a programar tarxetas microbit a través de MakeCode, unha aplicación gratuíta que nos pareceu moi interesante e divertida.

Premendo sobre a imaxe podedes ver as fotos desta actividade e algúns vídeos.

Desde aquí agradecemos ás persoas responsables desta actividade o seu bo facer e a súa atención coa rapazada do centro. Gustounos moitísimo e pareceunos moi interesante!!!!

Rosiña

martes, 9 de febreiro de 2021

SAÍMOS NO DIARIO DIXITAL DA COSTA DA MORTE

"Que pasa na Costa" é un diario dixital que recolle as noticias da Costa da Morte. Hoxe publicaron un artigo no que falan do noso cole como un exemplo de adaptación á vida cultural virtual. E, como podedes imaxinar, baixo o titular recollen o vídeo que gravaron en 3º e 4º para "Rosiña TV". Tamén fixeron unha pequena entrevista a Xavier, o noso director, e o resumo desa conversa podedes lela no premendo AQUÍ. Non vola perdades!!! 

Rosiña
 




mércores, 31 de outubro de 2018

CHARLA SOBRE INTERNET

Onte recibimos a Adrián Brañas Castro, quen veu ofrecernos unha charla dentro do programa "Navega con Rumbo polo Ciberespazo", unha iniciativa encamiñada a que as rapazas e rapaces naveguen coa maior seguridade posible pola rede, evitando riscos de Internet. Esta charla, á que estabades convidadas/os tamén todas/os as nais e pais do alumnado, foi entretida e moi interesante, e aínda que foron poucas as persoas que asistiron á mesma, pensamos que é moi importante coñecer moitas das recomendacións que expertos como Adrián nos ofrecen, antes de que calquera de nós se vexa nunha situación de ciberacoso ou outro risco. Prever nunca está de máis; seguro que pensamos todas o mesmo!!!
Se queredes coñecer o programa podedes acceder premendo aquí. 
Para ver as imaxes da charla no cole, premede AQUÍ.

Un saúdo, 




xoves, 27 de marzo de 2014

CHARLA SOBRE RISCOS ASOCIADOS ÁS NOVAS TECNOLOXÍAS


O curso pasado recibimos unha charla dirixida ao alumnado sobre os Usos correctos das novas tecnoloxías dentro do chamado "Plan director para a conviencia e a mellora da seguridade nos centros educativos e nos seus contornos" organizada pola Delegación do Goberno en Galicia e impartida por un experto das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.

Hoxe, 23 de marzo, volvemos a recibir ao mesmo experto que viñera o curso pasado para impartir unha charla dirixida ás familias e as profesores  e titulada "Riscos de seguridade asociados ás novas tecnoloxías e ao uso de redes sociais, especialmente acoso sexual ou difusión de contidos de natureza sexual por teléfonos móbiles e a utilización de nenos na pornografía". A charla foi impartida por un membro da Garda Civil de Noia en horario de 13:30 á 15 horas.

Foi unha charla moi interesante e pais, nais e profes quedaron con ganas de máis.
De seguro repertiremos!!

martes, 29 de outubro de 2013

PAPEL CONTRA TABLET

Curioso vídeo sobre a importancia do papel frente as novas tecnoloxías.
Para reflexionar na clase.