Pois si que foi especial o noso Magosto nesta ocasión: por un lado, coincidiu co Día de San Martiño, no que a cultura popular nos ensina refráns coma "polo San Martiño mata o teu porquiño" ou "polo San Martiño, deixa a auga e bebe o viño". E o certo é que neste mes de novembro, coñecido tamén como o mes de San Martiño e incluso Castañal (nas terras lucenses de Quiroga e O Incio), teñen lugar as últimas colleitas do ano, antes de que o frío do inverno faga que nos recollamos nos nosos fogares. Ademais dos cogomelos ou os primeiros grelos, chegan as castañas!!!
Este ano tamén no cole probamos unha nova maneira de celebralo. Xa que as previsións atmosféricas non eran moi favorables para asalas no patio, asáronnolas as cociñeiras Lourdes e Mariví na cociña. Moitísimas grazas!!! E xa que non habería xogos tradicionais ao aire libre, trouxemos unha actividade musical e máxica á vez: "A ilusión dun músico", no que o fantástico baixista ÁLVARO MURAS interpretaba temas curtos de diferentes estilos mentras un mago conseguía atraer toda a atención do público reunido na biblioteca do centro: cartas que desaparecían e volvían aparecer, papeis que se convertían en gorros e bolsos fermosos, cordas que semellaban ser de goma, etc. E o mellor de todo isto foi poder compartilo con todas as persoas que se sumaron á festiña: nais, pais, avoas, o grupiño de alumnas e alumnos que xa están no instituto e viñeron ata o cole (Tatiana, Martín, Rocío, Noelia, Érika, Uxía, Julia, Mario, Raúl, Samuel, Fran e Diego). Moitísimas grazas por vir!!!
Ningún comentario:
Publicar un comentario