sábado, 29 de outubro de 2016

SAMAÍN 2016 - PETISCOS TERRORÍFICOS E HORA DE LER MUSICAL

Antes do recreo, elaboramos no comedor os petiscos terroríficos que serían a nosa merenda desta mañá. Eliximos algúns dos que xa coñeciamos de cursos anteriores, pero outros eran novos. Tanto uns coma outros quedaron cunha pinta tan estupenda que non sobrou nadiña: (Premendo sobre a imaxe podedes ver todas as fotos)

https://goo.gl/photos/XLWyFNMqaZggkc6U7
Ao regreso do recreo, a "Hora de ler" tamén estivo marcada pola temática do Samaín e da Música. O profesorado organizou un conto para quitarnos todos os medos que temos cada unha/un de nós, e foi moi bonito comprobar que ata as persoas máis fortes e valentes teñen medos, pero tamén descubrimos que non hai que darlles excesiva importancia... Baseado na historia de "Fiz, o coleccionista de medos", a banda sonora estivo a cargo de Rubén, Andrea e Óscar.
E rematamos todos cantando e bailando: primeiro, os grupos de 1º e 2º, que nos interpretaron unha fermosa canción co seu mestre Óscar á guitarra. Titulada "Buajajajajá", ademais de cantar a letra, ían engadindo xestos e sons en cada mensaxe da canción, e fixéronnos pasar un rato estupendo. Despois, todos os grupos cantaron ao unísono "Xa chegou Samaín", acompañados polas turutas que tocaron os nenos e nenas de 5º e 6º e o ukelele de Jorge e Aroa que tocou o profe Óscar. A letra da canción, especial para esta data, escribiuna tamén o profe Óscar. (Premendo na imaxe podedes ver o resto das fotografías):

https://goo.gl/photos/fDwgDkdr9UzSWARb7

Pola tarde, pasámolo de medo asustando a todas as persoas que andaban polo colexio, para o cal nos pintamos coma vampiros, monstros, zombies, etc. E xogamos no patio aproveitando esta fermosa xornada de sol!

SAMAÍN 2016 - CONCURSO DE CABAZAS E RELATOS DE MEDO

Rematamos a semana celebrando o Samaín. Adicamos gran parte do día a esta festa, e pasámolo verdadeiramente ben. Contámosvolo?
Ao chegar ao cole reunímonos na biblioteca, para anunciar os premios das cabazas gañadoras. Tanto rapazas e rapaces coma o profesorado eliximos a que máis nos gusta; as tres cabazas que maior número de votos reciban, son as premiadas. E no 2016 os premios foron para:
UXÍA GRILLE SUÁREZ, de Ed. Infantil; ANDREA ALVELA RODRÍGUEZ, de 2º de Primaria e PAULA MANEIRO BERGANTIÑOS, de 4º de Primaria.

Así de guapas saíron as tres gañadoras, pero seguro que queredes ver todas as cabazas presentadas, que estaban todas moi ben! Ademais, participastes case todas e todos vós, polo que queremos tamén mandar as nosas felicitacións para todas as familias, xa que son parte tamén deste concurso decorativo. NORABOA A TODAS!!!! (Premendo aquí podedes ver todas as vosas creacións).

Despois entregáronse os premios ás historias de terror. Todas as persoas que participastes sodes merecedoras dun premio, xa que os concursos non teñen razón de ser sen o voso traballo. Pero nesta ocasión entregáronse uns premios especiais e, como nos gustaron tanto, aquí volos deixamos para que poidades lelos cantas veces queirades:
-AULA DE EDUCACIÓN DE INFANTIL, polo seu conto "Cabeza Tola":

-ALBA LAGO GARCÍA (2º de Primaria), pola historia "O vampiro":

-DANIELA MATO BERMÚDEZ (4º de Primaria), co seu conto "A casa encantada":

-AINHOA CAL CURRAIS (5º de Primaria), coa historia titulada "A desaparición de Susi":

-MIGUEL BARRUL IGLESIAS (3º de Primaria), co conto "O vampiro Beethoven":


As fotos da entrega de premios podedes velas premendo na seguinte imaxe:

https://goo.gl/photos/XYSbToVs9PxTuKV77

luns, 24 de outubro de 2016

OBRADOIRO DE PERCUSIÓN CON REFUGALLO

Deste xeito celebramos o "Día da Biblioteca" no noso cole. Aproveitando que o noso proxecto este curso xirará arredor da música, para esta ocasión invitamos a José Troncoso Barros. José presentounos un obradoiro moi especial, baseado en ritmos interpretados con instrumentos musicais feitos con obxectos de refugallo: desde botellas de plástico ata latas de conserva ou globos e paus de vasoira, mantiveron a nosa atención durante toda unha mañá na que José tamén nos deu un bo consello: LER moito!!!
Aprendemos moito, pasámolo moi ben e agradecemos a paciencia que José tivo con todos e todas nós. 
Aquí podedes ver as fotos que fixemos esta mañá (preme sobre a imaxe):

https://goo.gl/photos/dWE5jquyiFHB3Mv88
E aquí tedes un vídeo gravado noutra escola, pero onde se pode ver o tipo de actividade que fixemos esta mañá.


DÍA DA BIBLIOTECA 2016

 Hoxe é 24 de outubro, e dende o ano 1997, esta data conmemora o DÍA DA BIBLIOTECA. Isto foi unha iniciativa da "Asociación Española de Amigos do Libro Infantil e Xuvenil", en recordo da destrución da Biblioteca de Saraxevo incendiada durante a Guerra dos Balcáns no ano 1992.
 
Cada ano escríbese e ilústrase un pregón, que nesta ocasión é moi especial: por un lado, porque as dúas encargadas de facelo son mulleres (Ledicia Costas e Elena Odriozola); polo outro, porque a escritora é galega. Ámbalas dúas foron premiadas recentemente: Ledicia Costas gañou o Premio Nacional por "Escarlatina, a cociñeira defunta" e o Premio Lazarillo por "Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta"; Elena Odriozola foi galardonada co Premio Nacional de Ilustración 2015.

https://drive.google.com/file/d/0B4hTHqLU5nrXczB0SFo3QU04eXc/view?usp=sharing
Esta é a ilustración realizada por Elena Odriozola. Non vos recorda a alguén?
Se premedes sobre a imaxe, poderedes ler o pregón que escribiu Ledicia Costas para celebrar este día tan especial, no que no cole temos tamén unha sorpresiña...
Desfrutádeo!!! 

venres, 21 de outubro de 2016

A NOSA AXENDA PARA O SAMAÍN

Un ano máis, chega a primeira festa do curso, unha festa que nos atrapa a todos polo misterio e a fantasía que a acompañan: o Samaín!!! 
E a min, coma outras veces, ocorréuseme a idea de convocar o VII Concurso de Relatos de Medo, porque sei que é un momento estupendo para deixar voar a vosa imaxinación. (Premendo sobre as palabras subliñadas podes reler a carta que vos enviei coa convocatoria)
 Pero tamén sei que decorar as cabazas é algo que vos apaixona, e se o facedes en compañía da vosa familia, aínda ten un valor máis especial. Así que tamén queda aberto o prazo para participar no Concurso de Cabazas. (Premendo sobre as palabras subliñadas podes ler as bases e a axenda da semana).

E mentras tanto, lembrade que xa tedes dende esta semana todos os libros relacionados co medo na exposición da biblioteca, colocada no corredor do colexio, para que, aínda que pasedes algo de medo, leades moito!!!


O venres, día 28, celebrarémolo todos xuntos con moitas actividades, así que preparádevos para pasalo de medo!!!

venres, 14 de outubro de 2016

VISITOUNOS ÁNGEL CARRACEDO!!!!

Outra sorpresa marabillosa para despedir a semana: estivo con nós Ángel Carracedo, o padriño da nosa Biblioteca! Claro que Ángel é moito máis que iso. Ademais de ser un recoñecido investigador experto en xenética a nivel mundial, tamén é unha recarga de enerxía positiva cada vez que nos visita. Se non, como explicar o que supón para nós que unha persoa tan especial viaxe ata Ponte do Porto para dar unha conferencia e, na viaxe de regreso, nos adique uns minutos na súa apretada axenda? Un auténtico luxo!!! 
Deu tempo para pouco, e algunha persoa incluso marcou o seu récord en carreira para poder despedirse del, pero canto nos prestou este xantar con Ángel. 
Sabemos que lle encanta o tema que eliximos este ano, así que ao mellor conseguimos descubrir ao músico que leva dentro!!! 
Moitísimas grazas, Ángel!!! 

E grazas tamén a Andrea, a encargada de retratar a parte do profesorado do cole con Ángel.

xoves, 13 de outubro de 2016

UN NOBEL DE LITERATURA MOI MUSICAL

Resultado de imagen de bob dylanMenuda sorpresa!!! E vaia casualidade tamén que nesta ocasión o Nobel de Literatura fora concedido a un músico (por primeira vez na historia), xusto o curso no que adicamos o proxecto do centro á música!!! Pois si, no 2016 o premio foi para BOB DYLAN. Pero imaxino que non todas e todos vós o coñeceredes, así que quero contarvos un pouquiño quen é este músico.
Bob Dylan naceu en Minnesota no ano 1941, e desde os anos 60 adícase á música. A influencia de Bob Dylan nesta arte é recoñecida por grandes músicos do rock e do pop, coma os Beatles, os Rolling Stones, Bruce Springsteen, etc. A partir da súa relación con grandes cantautores desa época comezou a compoñer, inspirándose tamén nos poetas franceses e nas noticias do momento, que o animaron a iniciarse no mundo da canción protesta (criticaba a situación social e política). Todo isto revolucionou o mundo do folk, que abandonaría polo pop e no que tamén deixou unha pegada imborrable.
O certo é que as letras das súas cancións son poesía, aínda que a el non lle gustaba que lle chamaran poeta; definíase como "un artista do trapecio". 
Aquí vos deixamos unha das súas cancións máis coñecidas, "Blowin' in the wind", cos subtítulos en castelán para que poidades descubrir ao músico-poeta, acompañado de guitarra e harmónica:




EMILIO PRESÉNTANOS INSTRUMENTOS DE MÚSICA TRADICIONAL

Esta tarde visitounos Emilio, acompañado de Irene, que é a presidenta da Asociación de Amas de Casa de San Cosme. Emilio é músico e presentounos varios instrumentos musicais, para animarnos a asistir ás clases que a Asociación oferta para este curso: acordeón, frauta, pandeireta, tambor, gaita... Seguro que se vos animades desfrutaredes moitísimo tocando pezas como as que nos interpretou Emilio!!! Moitísimas grazas aos dous pola proposta!!! Desexamos que se poida formar un grupo ben xeitoso para que a música se instale na actividade diaria do noso entorno; ánimo!!!
Aquí tedes as fotos desta tardiña (preme sobre a imaxe para acceder ao álbum):

https://goo.gl/photos/k6UuGDXTEeNHCcuVA

mércores, 12 de outubro de 2016

PARA MIN, A MÚSICA É...

Con esta actividade rematamos a primeira semana de outubro. Tratábase de contar o que é a música para cada unha/un de nós, sen ter en conta o que din os dicionarios e enciclopedias. E deste xeito luciu o taboleiro do corredor, con todas as vosas aportacións!!! Premendo sobre a imaxe poderedes ler todas as vosas definicións:
https://goo.gl/photos/n8HxkTExgUnHv6Tc7

domingo, 2 de outubro de 2016

A MUSITECA COMEZA A SOAR!!!

Vaia alegría levei esta mañá nada máis entrar no colexio!!! Si, xa sei que é domingo, pero cheguei onte á noitiña a San Cosme e non puiden aguantar un día máis para ver como estaba o cole e a nosa biblioteca. Entrei a modiño, e nada máis crucei a porta xa vin o taboleiro cos lemas que propuxestes para o proxecto deste curso. Boísimos!!! E tamén me fixei en que votarades polo que máis vos gustou e, de todos eles, un adiantouse un chisco: A MUSITECA. Gústame!!! Non sei cal votaría eu no caso de que chegara a tempo, pero alegreime moito de que participara todo o cole na proposta do lema e que elixirades aquel que vos soaba mellor, porque diso se trata. Dá igual quen o ideara, o importante é que, a partir de agora, xa é de todas e todos nós, así que...
Damos a benvida á nosa MUSITECA!!!