A clase de 3º e 4º preséntanos o blog que creou a súa titora Alba para ir contando moitas das cousiñas que queren compartir con todas as persoas que o visiten. Boa parte delas coincidirán coas realizadas por todo o cole, pero outras serán idea deste grupiño de Primaria e da súa profe. Para poder acceder a el, só tedes que premer sobre a imaxe que delas aparece na barra lateral do noso blog. Seguro que vos gusta moitísimo!!!!
sábado, 30 de novembro de 2019
luns, 25 de novembro de 2019
TÍTERES CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO
A xornada de hoxe estivo marcada polo "Día contra a violencia cara á muller". Aínda que xa falamos sobre este tema cando recibimos a visita de Palmira e construímos unhas fermosas anduriñas, o certo é que tamén hoxe era preciso reflexionar sobre algo que nos preocupa moitísimo, xa que todos os días aparecen noticias relacionadas coa violencia.
Nas clases de música aproveitaron para falar das nosas "matriarcas", aproveitando unha canción de Guadi Galego que forma parte xa da nosa historia; unha homenaxe a todas as mulleres que nos rodean (nais, avoas, irmás, fillas, netas, amigas, noivas...)
Nas aulas fixestes tamén traballos en grupo para falar da igualdade entre homes e mulleres, e mesmo expuxestes algúns traballos en diferentes recunchos do cole, que quedaron moi fermosos.
E pola tarde recibimos aos Títeres Cascanueces, que nos contaron a historia "Unha armadura con ferruxe", onde trataron de transmitir unha mensaxe sobre a igualdade de xénero. Premendo sobre a imaxe podedes ver as fotos desta sesión de títeres.
O cabaleiro estaba preso na súa armadura. |
Etiquetas:
celebracións,
Curso 2019-20,
teatro,
violencia de xénero,
visitas
CHARLA PARA NAIS E PAIS
A semana pasada rematamos celebrando unha charla sobre como educar con afecto e firmeza.
Celebrouse no noso cole ás 12 da mañá, e estivo impartida pola Psicóloga Begoña Rial Calvo, quen compartiu un ratiño coas persoas que se achegaron ao centro para falar sobre algo tan importante como a práctica da disciplina positiva.
Premendo AQUÍ podedes ver as fotos desta sesión orientada ás nais e pais do alumnado do centro, e queremos agradecer a presenza de todas aquelas que amosaron o seu interese por ela e fixeron o esforzo de asistir á mesma.
Etiquetas:
charlas para pais,
Curso 2019-20
domingo, 24 de novembro de 2019
RELATOS DE MEDO DE 1º E 2º EN RADIO ROSIÑA
As nenas e nenos de 1º e 2º de Primaria estaban moi ilusionadas e ilusionados en gravar os relatos que escribiron para o concurso literario do Samaín. Por ese motivo, acudiron ao estudio de Radio Rosiña e puxéronse mans á obra...
Aquí podedes escoitalos todos, ademais do que xa gravou Pablo na entrada adicada aos relatos premiados. Comprobaredes que todos estaban moi ben, e que son merecedores de saír nas nosas ondas e de que se escoiten en todos os recunchos aos que chega a nosa radio.
Comezamos co de Ainhoa:O seguinte é o de Alejandro:
Seguimos co de Alicia:
Aquí podedes escoitar o de Anxo:
O de Laura aparece no seguinte enlace:
Lucía gravouno así de ben:
O de Luzdivina é o seguinte:
Aquí podedes escoitar o de Olalla:
A continuación temos o de Paulina:
E, por último, o de Uxía:
NORABOA, RAPACIÑOS E RAPACIÑAS!!!
Espero que vos gusten tanto como a min e que sigades atentos ás novidades de Radio Rosiña!!!!
xoves, 21 de novembro de 2019
VISITA Á RADIO GALEGA
Hoxe os grupos de 4 e 5 anos de Infantil e o de 1º e 2º de Primaria fixemos unha saída moi especial: estivemos na RADIO GALEGA!!!! Esta visita foi parte do premio que recibimos por gañar o curso pasado un premio no "I Concurso de Podcasts Radio na Biblio", e tiñamos moitísimas ganas de facelo realidade. Nas instalacións da Radio Galega recibiunos Lola, unha muller encantadora que nos acompañou durante todo o tempo que durou a visita. Tamén coñecemos a Carlos, quen con moita amabilidade nos foi explicando cales eran algúns dos recunchos que formaban parte deste lugar no que a maxia existe: os estudios, os aparatos que neles hai, que é unha pecera, por que as portas son tan fortes, o código das luces para saber se están gravando, etc. O técnico de son Quique tamén nos ensinou a súa mesa de mezclas, moito máis complicada ca da nosa Radio Rosiña...
A cara de alegría indica o ben que nos trataron na Radio Galega. |
E despois vimos como emitían en directo o programa "Galicia por diante", que dirixe Kiko Novoa. E foi aquí onde vivimos un momento inesquecible: o mesmísimo Kiko invitounos a entrar no seu estudio!!!!! A todas as persoas!!!!! En directo!!!! Puxémonos algo nerviosas porque non contabamos con ese agasallo extra, e porque non todos os días podemos contar cousas así de sorprendentes... Kiko e a súa compañeira Cristina abriron os micrófonos para nós, así que nas ondas da Radio Galega soaron as voces dalgunhas das nenas e nenos do cole: Óliver, Betty, Luzdivina, Krasimir, Víctor... Pero tamén de todas as persoas á vez!!! Queredes velo? Premendo aquí tedes a proba auditiva e visual.
Despois, Lola acompañounos para que viramos o boneco Xabarín e o coche dos Picapedra, onde tamén quixemos facernos varios retratos.
E no momento da despedida agasalláronnos cun libro sobre animais que nos encantou!!!
A verdade é que esta foi unha visita desas inesquecibles, por todo o que vivimos esta mañá na Radio Galega: moitísimas grazas a todas as persoas que compartiron connosco este ratiño, con tanta paciencia e amabilidade... Regresamos encantadas!!!
EXCURSIÓN A SANTIAGO DE COMPOSTELA
Hoxe viaxamos ata Santiago de Compostela en dous autobuses. O primeiro deles, co alumnado de 3º a 6º de Primaria, con rumbo ao Auditorio de Galicia, onde asistiron a un concerto didáctico no Auditorio de Galicia. O concerto, titulado "Clásicos á galega", é idea de Xosé Lois Romero e Suso Vaamonde, e foi ofrecido pola Banda Municipal de Música de Santiago. Nel interpretaron melodías moi coñecidas da música clásica, pero dándolles un "acento galego" ao incorporar instrumentos populares galegos (noz, charrasco, tarabela, culleres, pandeiro, pandeira, tixola, lata,
zanfona, requinta, asubío, gaita, sacho...). Así, a Banda e a narración de Suso Vaamonde achegáronnos obras de Beethoven, Strauss, Bizet, Grieg,
Rossini, Ravel ou Brahms, entre as cales incluso soou algún paxariño.
O grupo de 3º a 6º de Primaria diante do cartel da exposición. |
E despois da música, fixemos unha visita guiada á exposición "I̶N̶ ̶VISIBLE WOM@RTS", centrada na obra de mulleres artistas que parten dunha realidade cultural e xeracional propia. A través das súas creacións presentan cuestións tan interesantes como a "natureza" da muller, o arraigo social, a historia ou os pasos futuros. Unha exposición moi interesante que nos fará reflexionar tamén de cara ao vindeiro 25 de novembro, "Día contra a violencia cara á muller".
Gustáronnos moito as dúas actividades!!! Premendo sobre a imaxe podedes ver as fotos que fixemos no Auditorio de Galicia.
Etiquetas:
concerto didáctico,
Curso 2019-20,
exposicións,
música,
saídas didácticas,
violencia de xénero
RELATOS DE MEDO PREMIADOS NO CONCURSO DO SAMAÍN 2019
Xa están nas ondas os relatos premiados no "X Concurso de Relatos de Medo", que foron entregados na pasada celebración do Samaín. Seguro que tedes moitísimas ganas de escoitalos, así que non me vou estender nas presentacións...
Aquí podedes escoitar ao alumnado de 4 e 5 anos de Infantil, que gravou o seu conto "A bruxa comenenos e o dragón aterrador":
O seguinte é o de Pablo Arosa Antelo (2º curso), que o titulou "A bruxa":
A continuación tedes o de Ángel Grille Calvelo (3º curso), que o titulou "O moucho, a bruxa e as tres curuxas":
E por último, o de Jorge Lema Zamora (6º curso), que deixou no meu buzón a historia "O misterio das andoriñas meixa":
Seguro que vos gustaron tanto como a min!!!! Lembrade que podedes descargalos e gardalos para escoitar sempre que queirades!!!
A POBOACIÓN DE MAZARICOS EN RADIO ROSIÑA
Mural elaborado en 3º e 4º coa información recollida. |
Nas últimas semanas, o alumnado de 3º e 4º estivo a traballar sobre a poboación de Mazaricos. Para tal fin, puxéronse en contacto co Concello, solicitándolle algúns datos sobre o padrón municipal, quenes responderon de contado con moita amabilidade, polo que queren darlles as grazas dende aquí.
Se queredes coñecer como é a poboación do noso Concello, non perdades o programa que prepararon os rapaces e rapazas para "Radio Rosiña"!
Podedes escoitalo aquí:
martes, 19 de novembro de 2019
TEATRO EN INGLÉS
Esta mañá viaxamos ata A Picota para asistir a dúas sesións de teatro en inglés. A compañía "Face 2 face", que xa coñecemos dende hai varios cursos, ofreceu dous espectáculos diferentes na Casa da Cultura. O primeiro deles, para o alumnado de Infantil e 1º e 2º de Primaria titulábase "Under the sea", onde a serea Milly nos convidou a acompañala nas súas aventuras no fondo do mar e axudarlle a atopar o que máis desexaba: unhas pernas!!! Para iso contou coa axuda dalgunhas das nenas do noso cole: Luzdivina, Alicia, Paulina, Sofía e Laura, ademais doutras rapaciñas do colexio de Pino de Val.
Sofía, Laura e Paulina mergulláronse nun mar imaxinario. |
O segundo espectáculo, chamado "Circus Life", estaba dirixido aos grupos de 3º a 6º de Primaria, e contaba a historia de Meg, unha rapaza que sempre soñara con ser artista. Cando o circo visita o seu pobo, pensa que pode facer realidade os seus soños. Para preparar o seu número pide axuda a varias persoas, entre as cales se atopaban Joel, Paula Barcia e Martina, ademais de dous rapaciños de Pino de Val.
Joel parecía un rockeiro auténtico. |
Pasámolo moi ben con estas aventuras en inglés, coas que sempre aprendemos moito!!!
Premendo sobre as imaxes podedes ver o resto das fotografías.
Etiquetas:
Curso 2019-20,
inglés,
saídas didácticas,
teatro
domingo, 17 de novembro de 2019
CARTEL PARA O PROXECTO E PÁXINA DE RECURSOS
Este é o noso cartel para o proxecto deste curso, no que as aves están centrando toda a nosa atención. E eu, encantada de aparecer nesta bonita imaxe acompañada dun fermoso mazarico e outras aves coas que todas as persoas do noso contorno estamos familiarizadas.
No blog, na columna da dereita, atoparás tamén esta imaxe. Se premes sobre ela (ou sobre esta) abrirase outra páxina na que atoparás información relacionada co proxecto, que se irá ampliando a medida que avance o curso e segundo vaiamos aprendendo máis e máis... Se queredes incluír algunha outra cousa, non tedes máis que propoñelo...
Unha aperta, paxareiras!!!
Etiquetas:
Curso 2019-20,
Mazarico le co pico,
proxectos documentais
venres, 15 de novembro de 2019
ANDURIÑAS DE PAPEL
Despedimos esta semana de novembro cunha actividade moi fermosa que achegou ao noso cole PALMIRA. Esta rapaza de Fisterra xa estivo en San Cosme hai varios cursos facendo moitos e coloridos barquiños de papel. Tamén nesta ocasión foi a papiroflexia ou origami unha das partes do obradoiro que nos presentou hoxe.
Achégase o 25 de novembro, unha data na que se celebra o Día contra a violencia cara á muller, algo que, tristemente, segue a formar parte das noticias do noso país día tras día. Por este motivo, Palmira estivo connosco conversando sobre o que é o feminismo, en que situacións se dá violencia de xénero, qué podemos facer nós para axudar a que eses feitos desaparezan... Aínda que pareza incríble, dánse casos en moitos e diferentes contextos (fogares, lugares de traballo, lugares de ocio, etc.), e non hai que ir nada lonxe para coñecer a algunha muller, rapaza ou nena que sufra situacións de violencia. Sen ir máis lonxe, Palmira lembrounos que dúas meniñas de Carballo sufriran o ataque de varios rapaces polo simple feito de bicarse.
Achégase o 25 de novembro, unha data na que se celebra o Día contra a violencia cara á muller, algo que, tristemente, segue a formar parte das noticias do noso país día tras día. Por este motivo, Palmira estivo connosco conversando sobre o que é o feminismo, en que situacións se dá violencia de xénero, qué podemos facer nós para axudar a que eses feitos desaparezan... Aínda que pareza incríble, dánse casos en moitos e diferentes contextos (fogares, lugares de traballo, lugares de ocio, etc.), e non hai que ir nada lonxe para coñecer a algunha muller, rapaza ou nena que sufra situacións de violencia. Sen ir máis lonxe, Palmira lembrounos que dúas meniñas de Carballo sufriran o ataque de varios rapaces polo simple feito de bicarse.
Despois desta primeira parte de conversar, a nosa invitada contounos dúas lendas moi bonitas e apropiadas para esta temática: a historia xaponesa das mil grúas e a das tatuaxes de anduriñas nunha man. E da unión de ámbalas dúas, Palmira deseñou unha anduriña que realizamos coa técnica da papiroflexia. Quedaron moi bonitas e pasamos unha mañá inesquecible con Palmira, á que tanto cariño temos no noso cole. Moitísimas grazas por todo o compartido con nós, Palmira!!!
Se queredes, premendo AQUÍ ou sobre a imaxe podedes ver as fotos deste obradoiro, e practicade a facer miles de anduriñas para que non se vos esquezan os pasos e, quen sabe, ao mellor tamén se vos cumpren os vosos desexos!!!
Amosando as nosas anduriñas de papel na biblioteca do cole. |
Etiquetas:
aves,
celebracións,
Curso 2019-20,
Mazarico le co pico,
obradoiros,
papiroflexia,
violencia de xénero
luns, 11 de novembro de 2019
CELEBRAMOS O MAGOSTO
Este ano celebramos o Magosto nunha data moi fermosa, xa que coincidiu co San Martiño. Aínda que é o patrón de Ourense, en toda Galicia é coñecida esta celebración, e incluso ao mes de novembro se lle chama tamén "o mes do San Martiño". A cultura popular amósanos moitos refráns que fan referencia a el:
"Polo San Martiño, castañas e viño".
"Castañas, noces e viño fan a ledicia do San Martiño".
"Polo San Martiño, mata o teu porquiño".
"Polo San Martiño, a neve no fociño".
Hai moitos máis, pero como exemplo non está nada mal... Gustaríame atopar algún que fixera referencia ás aves, mais non o conseguín!!!! E por certo, o de matar o porquiño non me fai moito chiste a min, como comprenderedes...
E que fixemos no cole? Pois ademais de desfrutar dun bonito día nas clases, compartindo lecturas, actividades e outras cousiñas, pola tarde recibimos a visita do mago Benxamín, que nos mantivo moi entretidas a todas as persoas que nos reunimos na biblioteca, asombrándonos cos seus trucos e facéndonos rir en moitas ocasións. Ademais, solicitou a participación do público, e marabilláronnos tanto coma o propio mago: Puri, Martina, Joel, Alba, David...
Puri e Martina abraiadas co truco de maxia que lles fixo o mago Antón en directo. |
E despois de tanta diversión, baixamos ao patio para comer as castañas asadas, que con moito cariño nos prepararon as nosas cociñeiras Lourdes e Mariví.
As castañas compartímolas con todas as persoas que nos acompañaron nesta festa tradicional. |
Premendo sobre as imaxes podedes ver as fotos desta xornada, na que ademais saíu o sol para que puideramos charlar e xogar como a nós nos gusta, verdade?
Etiquetas:
celebracións,
Curso 2019-20,
magosto,
Mazarico le co pico
venres, 8 de novembro de 2019
EXPOSICIÓN "AVES DE GALICIA" DO CEIDA
A exposición pode ser visitada por todas as persoas que veñan ao cole. |
O CEIDA é o Centro de Extensión Universitaria
e Divulgación Ambiental de Galicia, que se atopa no Castelo de Santa Cruz do Concello de Oleiros (A Coruña). O CEIDA é un centro de referencia para a educación ambiental en Galicia que trata de proporcionar medios axeitados para capacitar á sociedade neste ámbito, facilitando a difusión de materiais relacionados co medio ambiente e fomentando o coñecemento dos valores e dos problemas actuais, co fin de sensibilizar e xerar unha conciencia crítica.
Dentro do apartado da educación e divulgación realiza diferentes actividades, entre as cales se atopa a oferta de exposicións itinerantes. Unha delas está adicada ás "Aves de Galicia", que nós solicitamos para que as coñecerades, vos informarades sobre elas e entre todas tratemos de axudar a conservalas. Chegou estes días e permanecerá connosco ata o mes de decembro, así que animamos a toda a comunidade a visitala.
Etiquetas:
aves,
CEIDA,
Curso 2019-20,
exposicións,
Mazarico le co pico,
natureza,
proxecto integrado,
Voz Natura
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)