mércores, 15 de setembro de 2021

ANUNCIAMOS O PROXECTO DO CURSO 2021-2022!!!

Bos días!!!

Hoxe escríbovos para para darlle a benvida ás persoas que chegaron novas ao centro: ás profes Susana, Sara, Cris e Lucía; e ás nenas e nenos de 3 anos: Saúl, Paula, Gael, Jimena, Aroa e María!!! Espero que teñades un curso marabilloso neste cole no que vos recibimos con moita alegría. E tamén quero saudar ao resto de profes, nenos e nenas, moitos dos cales levan días preguntándome sobre que vai tratar o proxecto deste curso 2021-22, así que hoxe chegou o momento de desvelarvos a grande incógnita...

Desde que comezou a pandemia son moitas as persoas que se decataron da importancia dos espazos abertos, e poder estar ao aire libre foi o desexo de moitas familias que se viron privadas desa gran necesidade. Eu, como son tan afortunada coma vós, puiden aproveitar moitos ratos ao aire libre aquí en San Cosme, paseando polos camiños, á beira dos regatos e do río Xallas, e mesmo saltando de leira en leira... Non me vistes? Pois tamén andiven polo medio dalgunha das hortiñas de San Cosme, e de Pazos..., e mesmo probei uns repolos deliciosos da Pereira!!!

Tamén houbo algunhas noites, sobre todo durante o verán, nas que me tumbei no patio e mirei para o ceo, preguntándome se noutros planetas tamén estarían sucedendo cousas tan preocupantes coma esta pandemia... Pero observar o ceo tranquilizábame, e ségueo facendo, porque as cousas poden ir regular aquí na Terra, pero aí arriba segue iluminando o Sol, a Lúa continúa trazando un percorrido ao noso redor durante algo máis de 4 semanas, as estrelas mantéñense agrupadas formando curiosas constelacións, etc. Non vos parece máxico? A nosa galaxia recibe o nome de “Vía Láctea”, pero cantas máis haberá no universo? O espazo é inmensamente grande, inmensamente descoñecido, inmensamente imaxinativo... E por iso este curso quero convidarvos a cruzar un pouquiño máis alá do lugar que percorren as aves, cruzar as zonas onde se asentan as nubes e observar todo o que sucede a partir dos 100 quilómetros de altitude... Animádesvos? Seguro que si!!!! E para comezar, propóñovos que me axudedes co lema para este proxecto, porque estou convencida de que as vosas ideas serán moi orixinais. Dádelle a esas cabeciñas e escribide as que se vos ocorran no modelo que vos entregarán as mestras. A última semana de setembro recollerémolas todas para elixir unha que se anunciará no cartel deste novo curso. Veña, veña, quero lelas canto antes no taboleiro do corredor para comezar a nosa viaxe polo universo...

UNHA APERTA ENORME!!!
                                            Rosiña

luns, 13 de setembro de 2021

PROTOCOLO DE ACCESO Á BIBLIOTECA

Bos días!!!

Como xa sabedes, a biblioteca do cole está aberta durante toda a xornada escolar, e durante o recreo da mañá poderedes facer uso dela para ler, buscar información, consultar internet, compartir xogos con outros nenos e nenas, elixir libros para levar, etc. 

Lembrámosvos que seguiremos co protocolo que publicamos o curso pasado, polo que aquí volo amoso coas modificacións realizadas:


Unha aperta, 

                   Rosiña

mércores, 8 de setembro de 2021

INICIAMOS O CURSO 2021-22

OLA, RAPACIÑAS E RAPACIÑOS!!!

Aquí estou de novo!!! Despois destes meses de vacacións, teño moitísimas ganas de vervos e de comezar un novo curso con todas e todos vós. Sodes a alegría do cole, e mañá este edificio encherase de vida coa vosa presenza, así que vos agardo impaciente... Espero que veñades con tanta ilusión coma min, e para dar a benvida a este novo curso, déixovos aquí unha canción que me gusta moito de Miriam Makeba, coñecida tamén como Mamá Afrika. Titúlase "Pata pata" e ten un ritmo tan apegadizo que estou segura vos fará bailar e cantar sen pensalo. Apertas enormes e ata mañá!!!!


Rosiña