Amosando publicacións coa etiqueta inglés. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta inglés. Amosar todas as publicacións

martes, 19 de novembro de 2019

TEATRO EN INGLÉS

Esta mañá viaxamos ata A Picota para asistir a dúas sesións de teatro en inglés. A compañía "Face 2 face", que xa coñecemos dende hai varios cursos, ofreceu dous espectáculos diferentes na Casa da Cultura. O primeiro deles, para o alumnado de Infantil e 1º e 2º de Primaria titulábase "Under the sea", onde a serea Milly nos convidou a acompañala nas súas aventuras no fondo do mar e axudarlle a atopar o que máis desexaba: unhas pernas!!! Para iso contou coa axuda dalgunhas das nenas do noso cole: Luzdivina, Alicia, Paulina, Sofía e Laura, ademais doutras rapaciñas do colexio de Pino de Val.
Sofía, Laura e Paulina mergulláronse nun mar imaxinario.
O segundo espectáculo, chamado "Circus Life", estaba dirixido aos grupos de 3º a 6º de Primaria, e contaba a historia de Meg, unha rapaza que sempre soñara con ser artista. Cando o circo visita o seu pobo, pensa que pode facer realidade os seus soños. Para preparar o seu número pide axuda a varias persoas, entre as cales se atopaban Joel, Paula Barcia e Martina, ademais de dous rapaciños de Pino de Val. 
Joel parecía un rockeiro auténtico.
Pasámolo moi ben con estas aventuras en inglés, coas que sempre aprendemos moito!!!
Premendo sobre as imaxes podedes ver o resto das fotografías.



venres, 14 de decembro de 2018

TEATRO EN INGLÉS

Luzdivina e Guille tamén tiveron un pequeno papel.
Víctor e Candela, con outros rapaces de Pino, en plena actuación.
Un ano máis, os centros de Pino de Val e San Cosme xuntámonos na Aula de Cultura de A Picota para asistir a unha representación teatral da compañía "Face 2 Face". E, unha vez máis, encantounos!!! As primeiras persoas en ocupar o espazo da biblioteca foron as de Infantil e 1º e 2º de Primaria. Para elas a actriz contou a historia de Lara, unha rapaciña que explora o espazo no seu cohete. Na súa viaxe polo Universo, visita planetas, lúas e estrelas, pero tamén alieníxenas. Un día, Lara atópase con Benny, un alien que se atopaba perdido, e ao que trata de axudar a voltar ao seu fogar. Conseguirano? Para coñecer máis detalles desta entretida aventura, falade coas persoas que asistiron á función, seguro que vola contan de marabilla!
Pola outra banda, para os grupos de 3º a 6º de Primaria preparáronlles unha adaptación da coñecidísima obra de Daniel Defoe "Robinson Crusoe".
Entre unha quenda e outra, as rapaciñas e rapaciños viron tamén unha película no salón de actos, "Atrapa la bandera", que remataron de ver no cole.

venres, 8 de xuño de 2018

OS PROXECTOS DOCUMENTAIS

Pois xa están aquí os Proxectos Documentais que fostes realizando ao longo deste curso... A través de "O mundo é máis lindo lendo" descubrimos que o turismo non consiste só en ir tomar o sol a unha praia, visitar museos ou facer fotografías diante de monumentos importantes... Hai moitas maneiras de viaxar e coñecer novos lugares, pero o importante é que sexamos responsables e que o impacto que causamos como turistas sexan o menos prexudicial posible: o respeto ao medio ambiente, ás comunidades que visitamos, o coidado dos bens considerados patrimonio, etc., teñen que estar por diante de todo!!! 
Queredes ver en que andiveron inmersos os diferentes grupos do cole? Pois aquí vos deixo os seus traballiños; seguro que léndoos aprendedes moitísimas cousas interesantes!
Empezamos co de Educación Infantil. Aquí levan moitos días de viaxe, percorrendo o mundo con Míster Fogg, o personaxe de "A volta ao mundo en 80 días". E o título deste coñecido libro de Julio Verne é tamén o do seu proxecto, no que nos amosan cousas que descubriron de Londres, Exipto, a India, a China, Xapón e Nova York!!! Creo que lles levou máis de 80 días, pero a volta dérona!!! NORABOA!!!


 
En 1º e 2º de Primaria centráronse na gastronomía como parte do noso patrimonio inmaterial, e para o seu proxecto elixiron unha das receitas máis características do noso concello: o bolo do pote. Ademais, este curso invitáronos a participar no programa do "Bolo miúdo", celebrado na Casa da Cultura de A Picota, onde tamén tiveron a oportunidade de elaborar este prato tradicional e mesmo de saír na tele. Un grupo de artistas!!! NORABOA por este bonito traballo: "O Bolo do Pote"!!!



En 3º e 4º probaron un montón de maneiras de viaxar, así que decidiron presentar un proxecto titulado "Os medios de transporte". NORABOA, rapaces e rapazas!!!



En 5º e 6º fixeron dous proxectos. O primeiro deles, nas clases de Lengua Castellana e Inglés, que titularon "Destino: Londres". Nel preparan unha viaxe para pasar uns días na capital do Reino Unido, con hotel incluído!!! Animádevos que xa nolo dan todo feito!!!



O segundo fixérono nas clases de Lingua Galega. Este ano o "Día das Letras Galegas" estivo adicado a María Victoria Moreno. A súa vila natal compartía con Mazaricos algo moi relacionado con isto do turismo, os dólmenes, así que decidiron unir a información de ámbolos dous lugares neste traballo que titularon "Unha ponte entre Mazaricos e Valencia de Alcántara".



NORABOA polos vosos traballos!!!

 

mércores, 14 de decembro de 2016

TEATRO EN INGLÉS E "VIAXE" MUSICAL AO ESPAZO "VIAXE"

Esta mañá viaxamos ata a Casa da Cultura de Mazaricos. O motivo? Unha obra de teatro en inglés!!! Bueno, en realidade dúas, xa que unha representación estivo dirixida ao alumnado de Infantil e 1º e 2º de Primaria, mentras que a outra estaba destinada ao de 3º, 4º, 5º e 6º. Alí xuntámonos cos nenos e nenas de Pino de Val, e cos seus mestres e mestras, e todos xuntos pasámolo fenomenal. A primeira obra titulábase "Jungle Fever", e contaba a historia de Tam, quen vive na selva tropical cos seus amigos animais. Descubrimos as fantásticas aventuras desta rapaciña cantando, ríndonos e, por suposto, comunicándonos en inglés!!! Ademais, algúns dos nenos e nenas do cole foron elixidos para participar do fantástico mundo da protagonista, coma Brais Carreira, Paula Pereira, Brais Capelo e Guille, que o pasaron en grande con Tam!!!
Os maiores desfrutaron dun clásico: "Cinderella". Mais esta Cincenta estaba moi pouco adaptada á vida do século XXI. Así puideron comprobalo de 3º a 6º, e moi especialmente quenes participaron da representación en primeira liña: Miguel, Paula Barcia, Joel, Pablo, Rubén ou Samuel. Botámonos moitas risas!!!
E mentras un grupo asistía á representación teatral, o outro quedou no salón de actos, onde o profe Óscar preparou unha magnífica actividade para os dous coles. Xa que en Pino de Val están traballando o espazo, e en San Cosme andamos a voltas coa música, por que non buscar algo que xuntara os dous temas? A idea xurdiu de Manoli, que é a profe que compartimos os dous coles, e Óscar fixo unha mestura máxica e moi interesante, na que aprendemos moitas cousas sobre as naves espaciais, a vida dos seus tripulantes a esa distancia da Terra, e a cantidade de cousas que se poden facer aínda estando tan lonxe: entre elas, tocar un instrumento e cantar!!! 
Podedes ver as fotos desta xornada especial, case espacial, premendo AQUÍ.

venres, 27 de maio de 2016

TEATRO EN INGLÉS

Esta semana regresamos ao Centro Cultural de A Picota para asistir a dúas funcións da compañía de teatro "Face 2 Face", que fai espectáculos en inglés para escolares.
O primeiro pase estivo dirixido a rapaciñas e rapaciños de Educación Infantil, 1º e 2º de Primaria, que desfrutamos moitísimo cunha obra na que a protagonista era unha abella moi, moi ocupada. E en que estaba tan ocupada "Busy Bee"? Pois en facer mel para a raíña. Invitounos a entrar no seu xardín e desfrutar coas súas aventuras, ao tempo que cantamos, bailamos e mesmo aprendemos algunhas palabras máxicas. 
Se queredes coñecer máis detalles da obra, preguntádelle a Xoel, Guille e Paula, porque eles estiveron enriba do escenario coa abelliña protagonista, e seguro que vos contan moitas máis cousas!!!

O segundo pase foi para o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º. Neste caso, a obra, "The Time Machine", transportounos a un período da historia moi lonxano da man de Jane e a súa mascota, un dinosaurio chamado Dino. Esta muller das cavernas descubriu accidentalmente unha máquina do tempo que a leva ao século XXI. Mais Jane non está preparada para a vida moderna dunha grande cidade. 
Tamén nesta segunda representación puidemos participar das aventuras da protagonista subidos ao escenario: Diego convertiuse nun dinosaurio excepcional, ao que todas e todos aplaudimos entusiasmadas/os.

Para as persoas que non puideron ver estes espectáculos, aquí tedes as fotos:


mércores, 11 de marzo de 2015

CONTACONTOS EN INGLÉS

Hoxe asistimos, en compañía tamén do profesorado e alumnado do cole de Pino de Val, a un contacontos moi especial na Picota. Realmente, era unha storyteller, xa que a rapaza encargada da actividade contounos todo en inglés! A profe Marina axudounos moito durante os días previos a este espectáculo e puidemos entendelo de marabilla!
O alumnado de 3º a 6º pasouno xenial coas historias dunha rapaza entusiasmada co mundo do circo. Para Infantil, 1º e 2º, as historias tiveron que ver co mundo do mar, e foron tamén moi divertidas. Ademais, algúns e algunhas de vós tivestes a sorte de poder transformarvos en músicos ou animais! Rimos, emocionámonos, cantamos, saltamos, bailamos... E aprendemos inglés!

A segunda parte da visita á Picota foi unha sorpresa cinematográfica, pero iso será un segredo que quedará entre nós...

Aquí van as fotos, que de seguro vos farán rir recordando as aventuras que nos contou esta marabillosa contacontos: 


luns, 4 de xuño de 2012

PROXECTO DE INGLÉS

Os rapaces e rapazas estiveron aprendendo unha chea de vocabulario en inglés relacionado co tema dos bosques. Para elo inspirándose nas investigacións que xa estaban realizando nas aulas, dedicáronse a aprender vocabulario relacionado: co lobo, cos mamíferos, cas aves, cos insectos e coas árbores que viven nos bosques, cos beneficios e a protección dos bosques.Do you speak english?
Aquí tedes o seu traballo: