Ola, familias!!! Este curso despedimos o primeiro trimestre dun xeito moi diferente ao que estabamos acostumadas, pero ocorréusenos outra actividade: gravar un vídeo para felicitarvos as festas!!! Eliximos unha canción de Iván Vale na que incluímos a linguaxe de signos, e que aprendemos en grupos para logo xuntar nun vídeo colectivo que aquí vos presento. Pasámolo moi ben aprendéndoo, e espero que o resultado vos chegue ao corazón e vos alegre este Nadal tan diferente; seguro que debuxamos moitos sorrisos nos vosos fogares, e iso é o verdadeiramente importante!!!
Moitísimas grazas a todas as persoas por animarse a participar, xa que ademais das nenas e nenos do cole saen as mestras e mestres, as cociñeiras, o conserxe... Só quedei eu, porque teño serias dificultades para atopar unha máscara que me permita achegarme a vós, pero paseino moi ben vendo todo o proceso...
Aquí vos presento o resultado, aproveitando tamén para enviarvos un abrazo enorme a todas:
Se a xornada de onte foi máxica, a de hoxe foi musical a tope!!! Recibimos a Pakolas, quen xa nos acompañou hai varios cursos polo "Día da Biblioteca". Hoxe veu cunha compañeira moi especial: a ilustradora Laura Romero, que ía realizando debuxos fantásticos ao tempo que Pakolas interpretaba os rockeiros temas do seu último disco. Pasámolo xenial cantando, bailando, saltando, rindo, escoitando e observando... Só tedes que premer AQUÍ para comprobar que conto a verdade!!!
Pakolas e Laura nun momento do espectáculo.
Esta foi a actividade de despedida do trimestre, xa que este curso decidimos non celebrar o festival de Nadal... Unha mágoa non poder preparar algo para compartir coas nosas familias, falar un ratiño e abrazarnos desexándonos unhas boas festas, pero polo menos puidemos despedirnos cunha actividade colectiva que nos gustou moito: moitas grazas, Paco e Laura polo voso ben facer!!!
A xornada de hoxe foi máxica!!! Esta mañá estiveron no cole Ian e Elisa, unha parella que nos entretivo durante unha sesión na que combinaron contos e teatro, sombras chinesas e trucos de maxia... Pasámolo moi ben, e ademais coincidiu co cumpre de Anxo, así que parte do espectáculo tamén foi adicado a el!!!
Foi todo tan máxico que ata vimos nevar no cole!!!
Anxo estaba moi contento co agasallo que recibiu.
E se queredes ver o resto das fotos desta mañá, só tedes que premer AQUÍ.
Hoxe entregamos os premios ás postais gañadoras no "Concurso de postais de Nadal 2020". Xa que este curso non as tivemos expostas tantos días como en anteriores edicións, é posible que non vos lembredes dos deseños que crearon as vosas compañeiras e compañeiros. Por iso xunto aquí a recollida do premio coa postal:
A verdade é que tivo que ser moi complicado decidirse por unhas ou outras, xa que todas estaban moi ben e son un bo exemplo da vosa creatividade e bo facer, así que en hora boa a todas as persoas por participar!!!!
Aquí vos traigo a segunda GUÍA DE LECTURA do curso, que nesta ocasión chega con algunhas novidades que podedes pedir aos Reis Magos, ao Apalpador ou a Papá Noel... Nela van recomendacións para idades diferentes, incluíndo tamén adultas, e unha pequena selección de cousiñas que podedes compartir en familia. Espero que vos guste e, se algunha destas ideas se converte nun agasallo, non dubidedes en contarme que vos pareceu!!!
Imaxe do mural sobre os hábitos saudables no cole.
Este mural recolle algúnhs dos aspectos que estiveron traballando en 3º, 4º e 5º durante os últimos días. Fixeron unha investigación sobre os hábitos saudables do alumnado do cole, relacionados coa realización de exercicio físico e o consumo de froitas e verduras. Para iso baseáronse nunha enquisa que pasaron ás nenas e nenos do cole, recolleron todos eses datos nunha táboa e en gráficas de barras e expuxéronos nun mural. Para rematar, quixeron contalo todo a través das ondas de "Radio Rosiña", así que aquí está para todas as nosas seguidoras este interesante programa:
Este último venres do trimestre tráenos un agasallo en "Radio Rosiña": un programa realizado polo alumnado de 5º e 6º na clase de Ciencias Naturais. O formato é coñecido por todas vós: un pasapalabra. Organizárono como auténticas profesionais: un par de equipos, definicións, respostas... E unha persoa moi especial encargada de anunciar se é correcta ou non a resposta. Se queredes aprender moito sobre animais, non deixedes de escoitar este "Pasapalabra":
Ola!!! Xa falta pouco para rematar o trimestre, e coa chegada destas primeiras vacacións comezan tamén as festas de Nadal. No cole convocamos o "Concurso de postais", animándovos tamén a que as escribirades pensando nas persoas ás que podemos enviárllelas, xa que este ano as celebracións deberán ser menos numerosas do que desexariamos... Así que estou segura de que as persoas que reciban as vosas postais se alegrarán moito e sentiranse moi contentas de saber que vos acordades delas. Eu, antes de que comecen a súa viaxe, fíxenlles unha foto para que poidades ver o bonitas que quedaron, e aquí van para todas vós: FOTOS "CONCURSO DE POSTAIS DE NADAL 2020"
Lembrade que algunhas delas recibirán un premio que entregaremos no comedor do cole. Cales serán as gañadoras?
Tamén quería compartir con vós un vídeo que fala da soidade das persoas nesta época do ano. Tristemente, son moitas as que pasan os días sen compañía, durante o Nadal pero tamén durante o resto do ano, e moitas veces sen desexalo. Así sucede nesta ocasión, e aínda que o vídeo xa foi realizado hai un ano, adáptase moi ben para esta situación de pandemia... Espero que vos guste moito!
Un curso máis, no cole celebramos o "Día dos Dereitos da Infancia" e o "Día dos Dereitos Humanos", datas que adoitamos agrupar nunha actividade que aproveitamos tamén para decorar a árbore de Nadal. Este ano, debido ás circunstancias, e como vimos facendo desde setembro, participamos nestes actos conmemorativos co grupo no que estamos escolarizados, e despois facemos unha montaxe audiovisual para poder vernos todas as participantes.
Para esta celebración, propuxemos facer oviños de aves, e decoralos libremente para colgar, xunto a un desexo, na nosa árbore, que cada neno e cada nena lía para a gravación. O resultado é o que podedes ver a continuación; espero que vos guste moito e que se vexan cumpridos tantos bos desexos!!!
Hoxe celébrase o "Día dos Dereitos Humanos". Este ano, debido á situación provocada pola pandemia da covid-19, moitas das propostas de diferentes colectivos están dirixidas á necesidade de reconstruír para mellorar. Isto só é posible se somos capaces de crear igualdade de oportunidades para todas, abordar os problemas da pandemia e aplicar as normas de dereitos humanos para facer fronte ás desigualdades, á exclusión e á discriminación.
En novembro falamos dos "Dereitos da Infancia"; o 3 de decembro do "Día Internacional das Persoas con Discapacidade", e hoxe dos "Dereitos Humanos". Convídovos a ver os vídeos que realizaron en 3º e 4º sobre Malala e Ana Frank, que podedes atopar no blog ou premendo sobre os seus nomes. Tamén podedes ver esta curtametraxe sobre Ian, quen nos transmite que no camiño cara a inclusión non hai tempo que perder. Aquí a tedes:
Hoxe tráigovos un novo programa realizado por 3º e 4º de Primaria para "Radio Rosiña". Neste caso, cóntannos moitas cousas sobre unha das maiores riquezas que temos no noso país: os espazos naturais protexidos.
Para realizalo, as nenas e nenos de 3º e 4º fixeron unha búsqueda de información na aula de informática, coa que confeccionaron un folleto turístico e un mural, ademais dunha presentación en "power point" e outra que fixeron oralmente. E, por suposto, este marabilloso programa na nosa radio, para que estes recunchos naturais de Galicia sexan coñecidos tamén a través das nosas ondas. Aquí o tedes:
Luzdivina, Íker, Soraya, Lucía, Alicia e Pablo.
Guille, Ángel, Uxía e Ismael.
O mural pode observarse nas escaleiras da aula de 3º e 4º.
NORABOA, RAPACIÑAS E RAPACIÑOS!!! FIXESTES UN TRABALLO ESTUPENDO!!!
Xa pronto chega o Nadal, e aínda que este
curso non celebraremos un festival como en anteriores ocasións, si que vos
quero anunciar o “Concurso de Postais de
Nadal”. O curso pasado voou en forma de moucho a todos
os nosos fogares... E este? Levará plumas?
Aínda que non é obrigatorio, pode ser unha boa maneira de unir a actividade ao proxecto. Sexa como sexa, estou segura de que as vosas
creacións farán máis doado de levar as prohibicións que a covid nos obriga a
establecer...
Así que xa sabedes, enchede as cartolinas que vos entregaremos
con ilusión, como adoitades facer. Esa cartolina irá dobrada, para que tamén
poidades engadirlle algún texto, xa que este ano seguramente moitas de vós
queirades envialas a aquelas persoas que non poidades ver durante as vacacións.
O prazo para entregalas remata a vindeiro mércores, 16 de decembro. Expoñeranse
no corredor e votaremos pola que máis nos guste. Haberá cinco agasallos: dous para Educación
Infantil, outro para 1º e 2º, un máis para 3º e 4º e outro para 5º e 6º. A que máis votos reciba será a que se envíe a
toda a comunidade para felicitar as festas do Nadal. Pode ser a túa, así que...
A COMEZAR!!!
Este curso celebramos o "Día contra a violencia cara a muller" realizando unha actividade titulada "Que ninguén te engaiole", a través da cal manifestamos a nosa preocupación por todas as actuacións que prohíben ás mulleres tomar decisións, facer as cousas que elas queren..., ser libres!!! Sabemos que esta é unha tarefa de todas as persoas, non só de mulleres, por iso todo o alumnado e o profesorado nos sumamos con forza para conseguir este dereito tan fundamental.
Ademais de traballalo nas aulas, realizamos dúas actividades colectivas: unha delas foi deseñar unha gaiola en cada grupo, que expuxemos no corredor e tamén podedes ver aquí:
A outra, como podedes imaxinar, foi realizar un programa en Radio Rosiña, onde as presentadoras Martina (5º) e Alba (6º) vos contan máis cousiñas polo miúdo. Aquí vos deixo tamén o enlace para que o escoitedes e descarguedes:
O 20 de novembro celébrase o "Día Mundial da Infancia", que cada ano lembra a firma da Convención sobre os Dereitos do Neno e da Nena, aprobada no ano 1989. Nela recóllense os 54 artículos que recollen os dereitos económicos, sociais, culturais, civís e políticos que os gobernos deben cumprir. Tamén define as obrigas e responsabilidades das nais e pais, do profesorado, das profesionais da saúde, das persoas adicadas á investigación e as dos propios nenos e nenas.
A Convención sobre os Dereitos do Neno e da Nena converteuse en lei en 1990, sendo firmada e aceptada por 20 países, entre eles España. Hoxe todos os países do mundo a aceptan, excepto Estados Unidos.
Sei que no cole estades traballando este tema durante estes días, e estarei encantada de ver as actividades que ides realizando relacionadas con el. A primeira é un traballiño fantástico que fixeron na aula de 3º e 4º de Primaria, onde estiveron coñecendo a Malala Yousafzai. Malala recibiu o Premio Nobel da Paz no ano 2014, sendo a persoa máis nova que acada ese galardón. Pero as rapaciñas e rapaciños de 3º e 4º cóntannolo moito mellor no seguinte vídeo:
Como estades? Eu, sinceramente,moi contenta de vervos polo cole, de saber que seguides sans e coas enerxía que vos caracteriza!!! Lembrade que é moi importante que sigamos tomando todas as precaucións acordadas.
Hoxe escríbovos para contarvos a próxima celebración que realizaremos no cole, que terá lugar o vindeiro 25 de novembro. Esa data aparece sinalada no calendario como o "Día contra a violencia cara a muller", aprobado pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas en 1999. Desde entón xa pasaron 21 anos, pero aínda seguimos vivindo situacións que amosan que moitas persoas seguen a sufrir diferentes tipos de violencia.
Eu quero
convidarvos a realizar unha actividade na aula que logo expoñeremos por todo o
cole. Leva por título “QUE NINGUÉN TE ENGAIOLE”e consiste en realizar unha gaiola na que se
atope a silueta dunha ave que vós elixades e na que os seus barrotes estean
compostos por oracións que falen daqueles dereitos que ninguén debe quitarche. Tede
en conta que hai moitas maneiras de violencia, non só pegar fisicamente é
maltrato… Poden comezar con “Ninguén ten dereito a…”
E as nenas e
nenos de Infantil, que estades aprendendo a escribir, podedes construír a
gaiola empregando as vosas pegadas dactilares.
Na súa portiña, podemos
escribir o número 016, que é o número de teléfono de atención a
víctimas de violencia de xénero.
Rematamos esta semana de novembro celebrando o MAGOSTO no cole. Aínda que tamén esta foi unha festa moi diferente, pasámolo moi ben xogando no patio e degustando un dos froitos máis característicos do outono: as CASTAÑAS!!!!
Quero compartir con vós os relatos que presentastes ao concurso desta edición 2020-21. Os que recibiron premio están publicados na entrada sobre a celebración do Samaín, e aquí van o resto deles.
Todos estaban moi ben, así que me gustaría que puiderades ler esas historias que redactaron as nenas e nenos dos diferentes grupos, para que comprobedes por vós mesmas que no Víctor Sáenz poden xurdir algúns e algunhas escritoras!!!!
O venres, 30 de outubro, celebramos o Samaín no cole. É certo que foi moi diferente aos que adoitabamos facer, pero aínda así mereceu a pena adicar unha xornada a unha das festas que máis nos gustan.
Durante a mañá, nas diferentes aulas léronse, contáronse e/ou proxectáronse historias relacionadas co medo, realizamos un obradoiro de música e preparamos petiscos terroríficos que degustamos antes do recreo. Tamén se fixeron actividades de plástica, que ao igual que as anteriores, desenvolvéronse nas aulas de cada grupo, mantendo así os agrupamentos estables de convivencia...
Ao mediodía, antes de xantar, entregáronse os premios ás cabazas máis votadas por todo o alumnado, e tamén aos relatos de medo que presentastes á décima edición deste concurso. En canto ás cabazas, alegreime moito ao comprobar que a participación foi moi alta, e adicastes parte do voso tempo coa familia para decorar unha que fotografastes e enviastes para o concurso. Moitísimas grazas!!! De todas elas, as que máis votos recibiron foron, en primeiro lugar, a de Alicia Alvite Ramos (3º de Primaria), en segundo a de Sofía Mourelle San Martín (Educación Infantil-4 anos) e o terceiro foi para a de Sara Labandeira Gerpe (5º de Primaria). Así de contentas recolleron os seus premios:
Alicia recolleu o 1º premio no Concurso de Cabazas.
A cabaza de Sofía gañou o 2º premio.
Sara recibiu tamén moitos votos e gañou o 3º premio.
Houbo tamén unha "Mención de honra" para a cabaza presentada por Daniel Ínsua Moldes (1º de Primaria). Ao ser unha das máis votadas tamén tería que estar entre as premiadas, pero como sabedes intentamos que cada ano leven premio persoas diferentes, pero cando o éxito é tan grande, consideramos que era xusto telo en conta, polo que se lle fixo entrega dun diploma e un agasallo. Dani non puido acompañarnos nesta xornada, pero a súa titora recolleu o premio que lle entregará en canto regrese!!!
A profe Sonia recolleu o premio de Dani.
A continuación, entregáronse os premios aos relatos. En Infantil presentaron un conto en cada aula, polo que obtiveron dous diplomas e dous agasallos: un para Educación Infantil de 3 e 4 anos, e outro para Educación Infantil de 4 e 5 anos. Premendo sobre a imaxe podedes descubrir as súas terroríficas historias!
En canto a Educación Primaria, outorgáronse catro premios:
Na aula de 1º e 2º, Olalla Suárez Grille.
En 3º e 4º, Íker Freire Cambeiro.
En 5º e 6º, o premio foi para Brais Carreira Antelo.
Tamén se concedeu un "Premio Especial" a Alejandro Villar Negreira, quen presentou unha historia creada por el na aula de P.T.
Estas historias está previsto gravalas en "Radio Rosiña" para compartilas con todas as persoas que nos sigan a través das ondas, así que estade moi atentas!!!! Mentras tanto, podedes lelas premendo AQUÍ.
Para ver as fotos que fixemos durante a xornada, só tedes que premer AQUÍ.
No seguinte vídeo podedes ver as cabazas presentadas a concurso e as súas creadoras: