sábado, 29 de decembro de 2018

VÍDEOS DO FESTIVAL DE NADAL

Xa están aquí os vídeos do festival de Nadal!!!! Seguro que teredes moitas ganas de velos e de comentalos coas persoas que vos acompañan estes días de vacacións: familiares, amigos e amigas... Desfrutade moito con eles!!!!
En primeiro lugar, a presentación do festival:


No seguinte vídeo podedes ver a primeira actuación de Infantil: "Na casa da miña avoa".


A continuación, o grupo de ukeleles e guitarras e o coro de 1º, 2º, 3º e 4º interpretando "Heiche de contar un conto":


En 3º e 4º prepararon unha obriña de teatro moi simpática: "Loliña e a galiña".


Infantil volveu subir ao escenario para bailar con "A científica incorrixible":


1º e 2º tamén puxeron un toque de humor no escenario con "Os calzoncillos de Papá Noel":


Tamén repetiron o grupo de guitarras e ukeleles, que co coro de 1º, 2º, 3º e 4º tocaron e cantaron "A Lúa":


En 5º e 6º prepararon unha adaptación ao teatro da obra de Carlos Casares "A galiña azul", que podedes ver en dúas partes:




Este grupo foi tamén o encargado de pechar o festival, coa súa actuación "The final count-down":







E, ademais, cantamos o "Cumpreanos feliz" a Anxo e recibimos a Papá Noel!!!

venres, 21 de decembro de 2018

FESTIVAL DE NADAL


Que ben o pasamos esta mañá!!! Celebramos o Festival de Nadal, e estabamos cheas de ilusión por amosar ao noso público as cousiñas que con tanto cariño e esforzo preparamos nas diferentes clases!!!! Aínda que está todo gravado, os vídeos non se subirán ata dentro duns días, pero as fotos xa as podedes ver!!!! 

O festival foi presentado por Paula, Mª José, Daniela e Pablo, que cursan 6º de Primaria. As catro persoas estaban nerviosísimas, pero fixérono de marabilla!!! As actuacións do noso festival foron as seguintes:
-O grupo de Infantil bailou "Na casa da miña avoa";
-o grupo de guitarras e ukeleles, incentivado polo profe Óscar hai dous cursos, interpretou "Heiche de contar un conto", axudado polas voces dos nenos e nenas de 1º a 4º de Primaria;
-3º e 4º representaron a obra de teatro "Loliña e a galiña", conseguindo que todo o público se partira de risa;
-Infantil acompañou con xestos a canción "A científica incorrixible";
-1º e 2º puxeron outro toque de humor con "Os calzoncillos de Papá Noel";
-novamente o grupo de guitarras e ukeleles interpretou outro tema: "A lúa", no que o coro de 1º a 4º cantou estupendamente;
-5º e 6º representaron "A galiña azul", de Carlos Casares e
-de novo 5º e 6º con "The final countdown" para pechar o festival.

Rematado o festival, a ANPA contactou con Papá Noel e invitouno a visitar o cole. Marchou encantado de estar convosco e ademais deixouvos uns agasallos estupendísimos, non si? 

Todas as persoas reunidas no comedor esta mañá pasámolo moi ben, e queremos agradecer a todas as que se achegaron ao cole para compartir connosco este tempiño xuntas. Ao final, o verdadeiramente importante é este tempo que pasamos xuntas, falando, rindo, tranquilizándonos, bailando, cantando... Compartindo!!!! E así queremos seguir facéndoo durante o 2019!!!!

Mentras non están preparados os vídeos, premendo nas imaxes podedes ver as fotos deste festival.

Unha aperta enorme!!!!






Infantil pasouno en grande enriba do escenario
3º e 4º fixéronnos rir moito con "Loliña e a galiña"

O grupo de guitarras e ukeleles co grupo de voces que o acompañou

En 1º e 2º buscando os calzoncillos de Papá Noel

Un momento da representación "A galiña azul" de 5º e 6º

"The final countdown" pechando o festival deste 2018




xoves, 20 de decembro de 2018

XORNADA DE INCHABLES E OUTRAS ACTIVIDADES

Izan, Luzdivina e Valeria desfrutaron a tope!
A xornada de hoxe anticipou as próximas vacacións. Despois do recreo, a empresa encargada das actividades extraescolares no centro trouxo un dos agasallos cos que máis desfrutades as nenas e nenos do cole: os inchables!!!! Pero tamén organizaron xogos de equipo e algunha actividade individual, como a elaboración de chapas que vós mesmas/os deseñastes!!!
O xogo da ra tamén atrapou o entusiasmo de nenas e nenos
As imaxes xa amosan o ben que o pasastes, nun día que adicamos a ensaiar para o festival de mañá, entregarvos as notas, recoller algúns dos traballos que fomos facendo ao longo do trimestre, etc.
O paracaídas
Tamén nos encantou o obradoiro de chapas!!!
Premendo sobre as imaxes tedes as fotografías de hoxe. Queremos agradecer ás monitoras e ao monitor a súa proposta e o esforzo por desenvolvela desta maneira!!!


mércores, 19 de decembro de 2018

POSTAIS DE NADAL E GUÍA DE LECTURA

Alba, Pablo, Luzdivina e Olalla recollendo os premios.
Un ano máis, as postais de Nadal decoraron o noso corredor, e participaron todas no Concurso convocado polo centro. De todas elas, seleccionouse unha en cada aula: a de Olalla en Infantil, a de Luzdivina en 1º e 2º, a de Alba en 3º e 4º e a de Pablo en 5º e 6º. Destas catro finalistas, a que recibiu máis votacións por parte das nenas e nenos do cole foi a de Alba, polo que esa é a postal que neste Nadal se envía ás familias para desexar unhas felices festas dende o noso cole. Premendo sobre a imaxe podedes ver as fotos da entrega de premios que tivo lugar esta tarde.
E se premedes AQUÍ podedes ver todas as postais presentadas ao concurso. 

A postal de Alba cos nosos mellores desexos para este Nadal e o vindeiro 2019 podedes vela aquí:



Tamén vos deixo a Guía de Lectura que elaboramos dende a biblioteca, por se os Reis Magos ou o Apalpador vos queren agasallar con algunha desas recomendacións:







venres, 14 de decembro de 2018

TEATRO EN INGLÉS

Luzdivina e Guille tamén tiveron un pequeno papel.
Víctor e Candela, con outros rapaces de Pino, en plena actuación.
Un ano máis, os centros de Pino de Val e San Cosme xuntámonos na Aula de Cultura de A Picota para asistir a unha representación teatral da compañía "Face 2 Face". E, unha vez máis, encantounos!!! As primeiras persoas en ocupar o espazo da biblioteca foron as de Infantil e 1º e 2º de Primaria. Para elas a actriz contou a historia de Lara, unha rapaciña que explora o espazo no seu cohete. Na súa viaxe polo Universo, visita planetas, lúas e estrelas, pero tamén alieníxenas. Un día, Lara atópase con Benny, un alien que se atopaba perdido, e ao que trata de axudar a voltar ao seu fogar. Conseguirano? Para coñecer máis detalles desta entretida aventura, falade coas persoas que asistiron á función, seguro que vola contan de marabilla!
Pola outra banda, para os grupos de 3º a 6º de Primaria preparáronlles unha adaptación da coñecidísima obra de Daniel Defoe "Robinson Crusoe".
Entre unha quenda e outra, as rapaciñas e rapaciños viron tamén unha película no salón de actos, "Atrapa la bandera", que remataron de ver no cole.

CINE E CIENCIA EN 360º

As nenas e nenos de Infantil dentro do iglú.
Este xoves recibimos no cole a visita de Pau, un rapaz que veu cargado cun equipamento moi especial: un iglú inchable que instalou na aula de psicomotricidade para proxectar no seu interior películas moi interesantes relacionadas co mundo da ciencia. Así, en grupos diferentes, fomos entrando no iglú e deitándonos no seu interior para ver proxeccións que nos descubrían elementos do Universo, do Sistema Solar, da orixe da vida... Durante toda a mañá, as rapaciñas e rapaciños de Infantil e toda Primaria fostes ampliando os vosos coñecementos sobre algo que tanto chama a vosa atención. 

O lanzamento de cohetes no patio.
E para rematar a actividade, Pau levounos para o patio do cole para facer un obradoiro conxunto moi atractivo: "Obradoiro Astronáutica", que consistía en lanzar cohetes e en facer un xogo sobre o Sistema Solar no que interactuabamos entre nós facendo de planetas, lúas, estrelas, cometas, etc.
Foi moi interesante, pasámolo moi ben e aprendemos moitísimo!!!


luns, 10 de decembro de 2018

DÍA DOS DEREITOS NO COLE

https://photos.app.goo.gl/VW6feiaB2c1w2mnBAEsta semana arrancou coa celebración dunha data moi importante para nós: os 70 anos da Declaración dos Dereitos Humanos. Este documento, firmado en París polos países da Organización das Nacións Unidas (ONU) en 1948, é un dos documentos máis importantes da historia da humanidade. Os dereitos humanos son os dereitos que temos todas as persoas polo simple feito de existir. Respectalos permite crear as condicións indispensables para que os seres humanos vivamos dignamente nun entorno de liberdade, xustiza e paz. Moitos deles foron elixidos por vós para decorar o símbolo do ADN, que acabamos colgando na nosa árbore de Nadal!!! Tristemente, moitos deses dereitos aínda non se cumpren en moitos lugares do noso pequeno planeta. Por iso pensamos que, neste ano adicado á ciencia, sería marabilloso podelos incluír dentro das instrucións do noso ADN. Se entre as instrucións xenéticas dese libriño, como nolo explicou Ángel Carracedo, estiveran todos estes dereitos, canto máis amor non habería no mundo!!! Cada unha de nós temos que facer todo o posible para que iso sexa así, estades de acordo?  
Podedes ver todas as fotos premendo na imaxe.

xoves, 6 de decembro de 2018

PREMIO A UNHA BIBLIOTECA

Os pasados 28, 29 e 30 de novembro celebrouse en Logroño, a capital de A Rioxa, o IX Congreso Nacional de Bibliotecas Públicas. Nel falaron de moitos temas interesantes relacionados coas bibliotecas públicas de España, e tamén entregaron o premio ao mellor vídeo, que nesta ocasión foi para a Biblioteca Pública Menéndez Pelayo, de Castropol. Esta vila asturiana, situada á beira do río Eo, presentou un vídeo no que as protagonistas son as persoas de menor idade: os nenos e nenas do lugar, que visitan con frecuencia este espazo marabilloso do que tan orgullosa me sinto eu tamén. Pero no vídeo tamén podemos ver como a biblioteca está aberta a toda a comunidade, e tamén avós e avoas, nais e pais, mestras e mestres, etc., fan que sexa un lugar cheo de vida. Se queredes podedes velo premendo AQUÍ, aínda que a mensaxe que eu vos quero enviar hoxe é lembrarvos que a nosa biblioteca está tamén aberta para todas as persoas que visitades o centro, que nos axudades nas gardas de comedor, que botades unha man no transporte escolar, que vos reunides para falar dos vosos fillos e fillas... Estou convencida de que un dos mellores agasallos que podedes facerlles é a paixón pola lectura, pero esta comeza a contaxiarxe practicándoa, así que xa sabedes: aquí tedes a vosa biblioteca!!!



CELEBRACIÓN DOS DEREITOS DO NENO E HUMANOS

O vindeiro luns, 10 de decembro, celébrase o "Día dos Dereitos Humanos". Durante os últimos cursos vimos xuntando esta conmemoración á do 20 de novembro ("Día dos Dereitos do/a Neno/a"), así como á Carreira "Save the Children", na cal sempre participamos.
Nesta ocasión, eu aproveitei tamén para animarvos a participar na actividade da decoración da árbore de Nadal, que leva por título "O noso ADN". Xa que este curso vai de ciencia, pensei que sería unha boa maneira de desexar un Bo Nadal e adornar a nosa árbore colgando nela o símbolo do ADN cos dereitos que traballedes na aula, para falar deles a próxima semana. Déixovos aquí a carta, na que tamén anuncio o Concurso de Postais no que con tanta ilusión participades. Estou desexando ver as vosas creacións científicas!!!!



Unha aperta enorme,


CARREIRA CAMPO A TRAVÉS



https://photos.app.goo.gl/W1PjF7556y4c5md57

Un ano máis, o profe David inscribiu ao alumnado do noso cole na Carreira de Campo a Través, que se celebrou en A Baña o pasado 4 de decembro. Nesta ocasión fostes un grupo estupendo de corredores e corredoras dende 2º ata 6º de Primaria, acompañados/as polos mestres David, Marco e a mestra Carmen. En total, 15 rapaciños e rapaciñas: Soraya, Guille, Ángel, Brais Capelo, Brais Carreira, Alejandro, Miguel, Joel, Jorge Lema, Jorge Otero, Samuel, Paula Barcia, Nerea, Pablo e Paula Maneiro. E das quince persoas clasificáronse 4!!!! NORABOA  a todas, e moito ánimo ás que acudirán á seguinte fase: Soraya, Paula Barcia, Jorge Otero e Paula Maneiro!!!! Podedes ler a noticia da prensa premendo AQUÍ e, premendo sobre a imaxe superior, poderedes ver as fotos feitas en A Baña nesta ocasión. Tamén podedes ver os vídeos premendo AQUÍ. Seguiremos informando...


Na imaxe de La Voz de Galicia podemos ver a Soraya, co dorsal nº 200.