Amosando publicacións coa etiqueta Laboratorio de Radio. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Laboratorio de Radio. Amosar todas as publicacións

luns, 20 de xuño de 2022

CARTAS DESDE O EXILIO

Bos días!!!

Este curso, como ben sabedes, continuamos a formación en Radio Rosiña. Ademais de publicar programas propios nas diferentes aulas, participamos no programa que a ONG Ayuda en Acción desenvolve no noso centro con Sergio Pascual. Nesta ocasión, tamén Sergio veu formar ao alumnado de primaria cunha proposta moi interesante desde Laboratorio de Radio, do que el forma parte. Esta formación está financiada pola Consellería, dentro das actividades de Radio na biblio, e para ela Sergio fixo unha proposta ao alumnado de 5º e 6º que consistía en escribir unha carta á súa familia no caso de que, como lle sucedeu a Florencio Delgado Gurriarán, tiveran que exiliarse. O resultado dese traballo podedes escoitalo aquí:

Desexando que cada vez sexan menos as persoas que vivan situacións deste tipo, recibide unha forte aperta,

Rosiña

venres, 24 de decembro de 2021

NOTICIAS EN "RADIO ROSIÑA"

Este curso "Radio Rosiña" segue emitindo. Algúns programas graváronse nas aulas, e outros realizáronse dentro do proxecto "RTV Enxebre" que a ONG "Ayuda en Acción" desenvolve no centro desde o curso pasado. Para iso, ao longo deste trimestre recibimos no cole a Sergio Pascual ("Laboratorio de Radio"), que nos visitou cada 15 días e con quen preparamos diferentes programas nos grupos de Primaria. O resultado chegou estes días ao meu buzón, así que non agardo máis para compartilo con vós. Seguro que durante estas vacacións tedes un ratiño para escoitalos e comentalos nos vosos fogares. 

Comezamos co programa que gravaron en 1º e 2º, "Cachorros perdidos". Se queredes coñecer a historia, escoitade atentamente:

Durante a gravación realizáronse algunhas fotografías, que podedes ver premendo aquí.

En 3º e 4º centráronse noutro tema: as fervenzas. Prepararon un concurso no que invitaron a dúas persoas moi especiais: o pai e a tía de dous rapaciños da aula. Pasámolo xenial con Javier e Silvia, e seguro que cando escoitedes o programa vós tamén pasaredes un bo rato. Non volo podedes perder!!!

Ademais do programa, nas clases fixeron un traballo de investigación sobre cinco das fervenzas máis destacadas do concello, que podedes ver exposto no colexio e tamén premendo aquí. Por suposto, tamén houbo fotos durante esta gravación, que podedes ver aquí.

Por último, o programa de 5º e 6º. Sergio propúxonos investigar sobre a ataxia SCA-36, unha enfermidade coñecida tamén co nome de mal da Costa da Morte. Para iso puxéronse a investigar sobre a mesma e prepararon un programa no que entrevistan a Manuel Rey, xornalista e divulgador científico que actualmente publica en "GCiencia". O tema é moi interesante, así que se tedes curiosidade, dádelle ao play:

Durante esta gravación tamén fixeron fotografías, algunhas das cales foron sacadas por un dos rapaces do grupo, Guille, que manexou a cámara de Sergio con gran profesionalidade. E mentras as nenas e nenos entrevistaban a Manuel, Mai realizou un retrato do noso convidado que lle agasallou ao rematar o programa. Para ver todas as fotos, premede aquí.

Sentímonos moi orgullosas deste resultado, ademais de moi privilexiadas por poder convidar a persoas do noso entorno que compartiron connosco toda esta produción: aos familiares que fixeron o esforzo por achegarse ata o cole (grazas, Javier e Silvia); a Manuel, que sabemos que tes moito traballo e non dubidaches en viaxar ata San Cosme para responder ás nosas preguntas (grazas pola túa xenerosidade); a Sergio, que con tanta paciencia nos guiou neste proceso tan fermoso... E, por suposto, á rapazada que se implica con tanta ilusión para que a radio siga sendo un medio de comunicación imprescindible!!!

Unha aperta, 

Rosiña

mércores, 16 de xuño de 2021

NOTICIAS RADIOFÓNICAS DE RTV-ENXEBRE

OLA!!!

Esta mañá traigo unha moi boa nova para todas: "Radio Rosiña" estrea canle!!! Ademais do que xa temos, como resultado do proxecto realizado coa ONG Ayuda en Acción RTV-Enxebre, Sergio (Laboratorio de Radio) publicou os traballiños do alumnado que participou nesta marabillosa experiencia que xa podemos escoitar no seguinte enlace: 

 

RADIO ROSIÑA EN RTV ENXEBRE




Nesa canle atoparedes:

-"Os paxaros e as súas historias", relatos do alumnado de 1º e 2º de Primaria.

-"A historia de Plumitas", elaborada polas nenas e nenos de Educación Infantil.

-"Historias sobre a morriña" 

-"Un día en Ézaro", resultado da viaxe que ata alí fixeron Educación Infantil e 1º e 2º de Primaria.

-"Sabedes o que é "NICADA"? Descubrídeo neste programa!

-"Os dereitos da infancia", o programa gravado en directo en Vimianzo en colaboración cos centros de Monfero e Zas. 

Seguro que vos encanta escoitar a estas estupendas e estupendos reporteiras /os!!!

Rosiña

xoves, 10 de xuño de 2021

SAN COSME DE ANTES EN "RADIO ROSIÑA"

As nenas e nenos de 3º e 4º traballaron moito con Sergio (do "Laboratorio de Radio" e "Ayuda en Acción"), e adicaron unha boa parte da formación a coñecer e falar da nosa parroquia, San Cosme de Antes. Como resultado dese traballo, preséntannos un podcast moi interesante que xa podedes escoitar en "Radio Rosiña". Desfrutádeo!!! Completouse esta actividade cun paseo polo entorno, que podedes ver premendo aquí

En hora boa, rapaciñas e rapaciños!!!

 

Rosiña



domingo, 23 de maio de 2021

"RADIO ROSIÑA" EN RTV ENXEBRE

A semana rematou cunha actividade moi especial para o alumnado de 5º e 6º de Primaria: a gravación, en directo, dun programa de radio con "RTV Enxebre" no Auditorio de Vimianzo, no que tamén participaron o CPI Virxe da Cela de Monfero e o CEIP Labarta Pose de Zas. 

Este programa foi unha das actividades do proxecto que a ONG "Ayuda en Acción" desenvolve no noso centro durante este curso a través do "Laboratorio de Radio", de quen estivemos recibindo formación ao longo deste curso.

Foi un acto moi emotivo, no que o alumnado dos tres centros amosou a súa boa preparación e moito entusiasmo para que o programa se levara a cabo como estaba previsto. Todo iso, por suposto, coa axuda de Sergio e Dani, así como de Lorena, que en todo momento estiveron pendentes de todas e cada unha das persoas implicadas no proxecto.

As ondas das tres radios uníronse para dar voz á infancia rural, á que tamén se uniron tres grandes mulleres que os diferentes centros tiveron a oportunidade de entrevistar: Beatriz Varela (delegada de "Ayuda en Acción" en Galicia), Mónica Viqueira ("Plataforma de Organizaciós de Infancia" de Galicia) e a mestra Alicia López Pardo, integrante da "Rede Galega de Educación e Desenvolvemento Rural".

Desde o noso centro queremos agradecer a todas as persoas que fixeron posible esta inesquecible xuntanza, así como ao concello de Vimianzo, por concedernos a posibilidade de reunirnos nun espazo que permitiu manter as medidas recomendadas debido á covid-19. E, por suposto, á rapazada que representou aos tres centros a través das súas radios: "Onda Labarta", "Radio Xesteira" e a nosa "Radio Rosiña"

A voz da infancia rural rematou con esta foto conxunta.

Podedes ler tamén a noticia publicada polos xornais "La opinión de A Coruña" "La voz de Galicia" e Adiante Galicia.

Para ver as fotos, premede sobre a imaxe, e algúns vídeos do momento de ensaio premendo aquí.

Apertas!

              Rosiña

venres, 30 de abril de 2021

PROGRAMA EN "RADIO ROSIÑA" SOBRE A LECTURA

Ola!!! A semana pasada celebramos no cole o "Día do Libro", e foron varias as actividades que se realizaron. Algunhas delas, sen embargo, tiveron que agardar uns días a que estiveran finalizadas para poder compartilas con todas vós. Unha delas foi a gravación deste programa en "Radio Rosiña" que vos presento hoxe. Nel participa o alumnado, pero tamén o profesorado do centro, para o cal tivemos a sorte de poder contar coa axuda dun profesional marabilloso que nos visita cada xoves: Sergio Pascual, un dos integrantes do "Laboratorio de Radio". Esta formación que estamos recibindo forma parte do proxecto que iniciamos este curso coa ONG "Ayuda en Acción", que se desenvolve paralelamente ao de "Radio na Biblio"

Esperamos que vos guste moito (ten algunha sorpresiña!) e que sigades vendo os libros como eses amigos que sempre nos acompañan...

Unha aperta enorme,

                             Rosiña