xoves, 29 de outubro de 2015

SAMAÍN 2015, COMEZANDO AS "OLERPÍADAS"

Aínda que a celebración non é a primeira vez que se realiza, nesta ocasión houbo algunhas cousiñas diferentes para festexar o Samaín. 
A primeira delas foi a visita ao cole dunha parente da Rosiña cando estabamos a punto de entregar os premios dos concursos. Nada máis e nada menos que PEPA PIG, que ao escoitarnos cantando, achegouse a ver que pasaba e xa quedou con nós para entregar os agasallos aos premiados.
Durante esta semana puidemos comprobar que a vosa creatividade non ten límite, e que coa axuda de todos os membros da familia elaborastes unhas cabazas moi especiais -logrando incluso que se adecuaran ao proxecto olímpico que queremos desenvolver este curso-, así que queremos agradecer a vosa participación neste primeiro concurso do ano. Claro que nos resultou complicadísimo, porque había verdadeiras obras de arte. O "podio olímpico" compartírono:
MARTINA PEREIRA TUÑAS, de Educación Infantil (5 anos);
JORGE OTERO PITA, do 2º curso de Ed. Primaria;
ÁLEX ÍNSUA MOLDES, do 6º curso de Ed. Primaria.

Pero seguro que queredes velas todas, así que aquí as tedes:

Tamén os relatos foron moi especiais, e nas historias de terror aparecían todo tipo de personaxes. Mesmo seres fantásticos ou persoas coas que coñecemos moi ben e se convertiron nas protagonistas destes relatos terroríficos. Como non nos deu tempo a lelos, xa que Pepa acaparou toda a atención, déixovos aquí os que recibiron a medalla de ouro nesta ocasión:
A AULA DE EDUCACIÓN INFANTIL, polo seu relato "A bruxa e a galiña".


JORGE LEMA ZAMORA, de 2º, coa súa historia "As Olimpíadas zombies".


PAULA MANEIRO BERGANTIÑOS, de 3º, escribiu "A cabaza que sempre ía aos Xogos Olímpicos".


MARIO ANTELO CAMBEIRO gañou o premio en 6º pola historia "A gran aventura polas Illas Canarias".
O premio especial foi, nesta ocasión, para ÁLEX OTERO MOLEDO, de 5º curso, quen escribiu "Marcos e o lobishome".

O momento da canción e da recollida de premios coa nosa invitada especial:

Tamén elaboramos petiscos terroríficos para degustar no recreo. E para moitos foi a primeira vez que probou crema de cacahuete, galletas "mariñeiras" ou ovos de paspallás. Claro que non parecían tales cousas!!!
A outra novidade tivo lugar pola tarde. Visitáronnos TÍTERES CACHIRULO cun espectáculo adicado integramente a historias de medo. E así o pasamos:

E para que sigades creando historias tan sorprendentes, tamén elaboramos esta guía de lectura para que vos inspiredes a calquera idade!!!

sábado, 24 de outubro de 2015

O NOSO DÍA DA BIBLIOTECA

E nós quixemos celebralo tamén, a pesar de que cadraba en sábado. Así que aproveitamos o fermoso venres 23 para xuntarnos no patio do cole e compartir a "Hora de Ler" dun xeito especial. Ademais de ler o pregón, tamén creamos un pequeno poema que incluía o nome de deportes ou xogos ben coñecidos por todos. Pero había que adiviñar de cal se trataba atendendo á súa rima. Todas as mestras e mestres do cole participamos nesta actividade lendo para vós, que destes coa solución de todas as estrofas, ás que incluso puxemos música! Fantástico!!!

venres, 23 de outubro de 2015

DÍA DA BIBLIOTECA

As bibliotecas tamén están de festa. Non van celebrar o Samaín, nin o Halloween... Non, van celebrar o seu día, o DÍA DA BIBLIOTECA!!!
Esta celebración realízase por iniciativa da Asociación Española de Amigos do libro Infantil e Xuvenil, dende o ano 1997, co obxectivo de concienciar á sociedade da importancia da lectura e como homenaxe e recoñecemento á labor das persoas bibliotecarias.
Cada ano celébrase nunha Biblioteca Pública diferente; este ano, a elixida foi a de Cidade Real, en Castela-A Mancha. 
Ademais, encárgase a un/unha escritor/a a redacción do pregón, e a un/unha ilustrador/a o deseño do cartel. Nesta ocasión, o autor seleccionado é Diego Arboleda (Premio Nacional de Literatura Infantil 2014) e a ilustradora Leticia Fernández.
Aquí podedes ler e ver o que prepararon para celebrar este día especial.
NORABOA A TODAS AS PERSOAS QUE FAN POSIBLE QUE AS BIBLIOTECAS SEXAN UNS DOS NOSOS ESPAZOS MÁIS QUERIDOS, POR MOITÍSIMAS RAZÓNS!!!

xoves, 22 de outubro de 2015

SAMAÍN 2015

Tedes ganas de facerme traballar, eh? Nada máis comezar o outono e xa comezades a activarvos por completo. Que alegría me dá que me fagades traballar tanto!!! Non sei vós, pero o meu buzón é o meu pasatempos, así que cada vez que o abro e atopo algún papeliño, algunha carta, algún debuxo... Non vos imaxinades o contenta que me poño. 
Esta semana, para celebrar o próximo día 29 o Samaín, deixeivos a convocatoria para o VI Concurso de Relatos de Medo, e esta mañá xa vos vin moi concentrados escribindo as vosas historias. Tanto foi así que non me atrevín a interrumpirvos!!!
Pero por se queda algún rezagado/a que non sabe moi ben de que vai isto, aquí quedan as bases para que se anime a participar:


Ademais, tamén convocamos o Concurso de Cabazas, así que xa vos vexo esta fin de semana percorrendo as leiras de toda a veciñanza para conseguir unha cabaza que se axeite á composición que tedes pensada. Eu xa estou imaxinando... Pero non quero dicir nada para non dar ideas. Esperamos a que vaian chegando o luns e veremos con que nos sorprendedes!!! Se queredes volver ler o díptico, que ademais inclúe algunha información para saber máis sobre esta celebración tan antiga, aquí queda á vosa disposición:

MOITO ÁNIMO!!! A vindeira semana ímolo PASAR DE MEDO!!!