luns, 30 de setembro de 2019

PROXECTO 2019-20 e DÍA MUNDIAL DAS AVES MIGRATORIAS

Esta tarde deixeivos a cartiña na que anunciamos o proxecto deste curso, que irá sobre as AVES. Imaxino que xa lestes todo o que nel vos conto, pero por se algunha persoa quere relela, premendo AQUÍ podedes acceder a ela.

Ademais, o próximo 12 de outubro celébrase o "Día Mundial das Aves Migratorias", e nesta ocasión non podemos deixar pasar inadvertida esta data, máis aínda cando chega acompañada dun cartel coma o desta ocasión, adicado á protección das aves contra a contaminación dos plásticos.


Mira o seguinte vídeo e reflexiona sobre o que nel se conta:


A organización que promove o envento, a "World Migratory Bird Day" explica dun xeito moi resumido como afecta o plástico ao medio ambiente en xeral e ás aves en particular, ademais de facer unha proposta de cousas que podemos facer todas nós para mellorar o mundo, porque do que si estou convencida é de que todas os actuacións deixan pegada, así que o que fagamos IMPORTA!!!


Pensa/pensade nunha proposta coa que poidas/poidamos comprometerte e depositádea na caixa que se colocará a vindeira semana (do 7 ao 11 de outubro) na entrada da biblioteca.

Por último, quería dicirvos que entre os socios do "Día Mundial das Aves Migratorias" atópase unha das científicas máis importantes do mundo, JANE GOODALL, quen tamén fai unhas declaracións moi interesantes sobre este tema. 


venres, 27 de setembro de 2019

FOLGA POLO CAMBIO CLIMÁTICO

Este venres, 27 de setembro, está convocada unha folga a nivel mundial contra o cambio climático. En todos os países do mundo realizaranse concentracións e manifestacións relacionadas con este tema que nos afecta a todas as persoas, pero non só ao ser humano, senón ao conxunto da Terra. Trátase dun tema realmente preocupante, así que tamén no noso cole nos queremos sumar a esta protesta dun xeito colectivo.
Déixovos aquí un vídeo de Greta Thunberg, a rapaciña que o ano pasado comezou unha iniciativa que conseguiu traspasar todas as fronteiras, onde explica como podemos comprometernos con algo tan serio:



mércores, 25 de setembro de 2019

CHARLA SOBRE PESCA

Na xornada de hoxe recibimos no cole a David Arcay, a quen convidaron dende o Concello para que dera unha charla para o alumnado de 3º a 6º de Primaria nos centros de Mazaricos sobre a pesca sen morte. David falounos dalgúns dos peixes que podemos atopar nos ríos do contorno, e en que consiste a actividade na que, ademais, el é tetracampión do mundo.
Premendo aquí podedes ver as fotos da xornada, así como algúns vídeos, que se completou cunha demostración no patio e un xogo en equipos.

luns, 23 de setembro de 2019

ENTREVISTA EN RADIO ROSIÑA

Hoxe inauguramos o outono, e ademais facémolo cunha noticia estupenda!!!! Ademais de que chegou a chuvia, que tanta faltiña facía, estou contentísima de traervos aquí a primeira emisión de "Radio Rosiña" neste 2019-20, un curso no que a matrícula do noso cole aumentou un pouquiño, e non só grazas aos nenos e nenas que comezan en 3 anos coa profe Puri, senón tamén nos grupos de Primaria. Ese é o caso de 1º e 2º, onde quixeron aproveitar esta noticia para compartila con todas as persoas que escoitamos "Radio Rosiña". Así que prepararon unha entrevista para falar con Álex e Paulina, quenes contan de onde veñen, como eran os seus anteriores coles e como se sinten na nosa escola, onde estamos tan contentas con este neno e esta nena tan encantadores. Xa podedes escoitar o programa que gravaron coa profe Sonia! Seguro que vos gusta tanto como a min!!!

venres, 13 de setembro de 2019

INAUGURAMOS O CURSO 2019-2020

Xa está inaugurado o curso 2019-2020!!! E como vén sendo habitual nos últimos anos, para iso reunímonos no patio do cole, onde Xavier, o noso director, se encarga de presentar ás nenas e nenos que se matriculan na nosa escola por primeira vez, así como ás súas familias e ao novo profesorado, ademais de dar a benvida a todas as persoas que nos coñecemos de cursos anteriores, incluíndo o servizo de conserxería e ás estupendas cociñeiras!!!
Despois diso, fixemos unha roda para escoitar unha canción que bailamos todas xuntas seguindo unhas instrucións moi sinxelas, e que vos deixo aquí para que a poidades desfrutar noutras ocasións:



Tamén as fotos, porque sei que vos encanta velas e comentalas coas vosas familias e amigos/as!

Preme aquí para ver todo o álbum.

Queremos tamén agradecer a visita de alumnos e alumnas marabillosos/as que agora emprenderon outras etapas, pero que a súa presenza sempre enche de alegría esta escoliña e a todas as persoas que tivemos a sorte de compartir con eles e elas as etapas de Infantil e Primaria. E aínda seguen medrando!!! Rubén, Andrea, Nuria, Uxía, Julia, Mario, Raúl... GRAZAS POR VIR!!!
Así que nada máis que desexarvos un curso moi feliz, cheo de ilusión e de ganas por aprender e compartir!!! COMEZAMOS!!!!