mércores, 30 de maio de 2018

EXCURSIÓN ATA A CORUÑA

A xornada de onte pasámola nunha cidade moi coñecida por todas e todos nós, xa que foron varias as saídas que fixemos ata A Coruña. Sen embargo, ata esta ocasión non visitaramos os lugares nos que nos detivemos onte: o Porto e o Castelo de San Antón.
Na visita ao porto fixemos unha parada na Lonxa, onde nos explicaron como se realizaba a poxa polo peixe cada mañá, e vimos tamén a zona na que se coloca en caixas para a súa distribución ou se despeza no caso de exemplares de gran tamaño.
Despois regresamos ao autobús para achegarnos ao Peirao de Transatlánticos, onde a mesma mañá de onte atracou o transatlántico "Ventura". Esta enormidade foi construída no ano 2008, mide case 300 metros de eslora e ten capacidade para máis de 3.500 pasaxeiros. As persoas que traballan nel, que reciben o nome de tripulación", son 1226. Nós só puidemos velo de cerca, pero a verdade é que nos impresionou o seu tamaño!!!!


A última parada foi no Castelo de San Antón, fortaleza construída no século XVI. Durante os dous séculos seguintes foi un edificio defensivo e prisión. O museo como tal inaugurouse en 1968, e desde 1994 é monumento histórico-artístico, no que podemos atopar obxectos arqueolóxicos de diferentes épocas (megalitismo, Idade de Bronce, Cultura castrexa, romanización...).  Fíxonos moitísima ilusión subir á terraza, onde as vistas da cidade son espectaculares, e baixar ao alxibe.

Despois de comer no "Fórum Metropolitano", regresamos ao cole, cansadiñas/os pero contentas/os dunha estupenda mañá!!!! Premendo AQUÍ podedes ver todas as imaxes.



venres, 25 de maio de 2018

TES QUE LELO, UN PROGRAMA DE "RADIO ROSIÑA"

Pois aquí está o primeiro programa de "Radio Rosiña", no que os rapaces e rapazas do cole van elixindo algúns dos seus libros preferidos para recomendárllelo aos nosos ouvintes. E quixeron facelo a modo de entrevista, así que aquí tedes o resultado do grupo de 5º e 6º, que se entrevistaron entre eles/as para recomendarnos a todas as persoas que nos escoiten un montón de libros moi interesantes (aínda que teño que confesarvos que eu xa os lin todos!!!!)
O programa titúlase "TES QUE LELO" e nel participan as persoas que o desexan...

1- Pablo entrevista a Miriam:


2- Miriam entrevista a Pablo:


3- Iria López entrevista a Mª José:


4- Mª José entrevista a Iria López:


5- Iria Blanco entrevista a Daniela:


6- Daniela entrevista a Iria Blanco:


7- Paula entrevista a Ainhoa:

8- Ainhoa entrevista a Paula:

martes, 22 de maio de 2018

PUM, PUM!, TEATRO EN SANTA COMBA

Esta mañá pasamos un ratiño no Auditorio Municipal de Santa Comba, onde asistimos á representación "Pum, pum", da compañía Baobab Teatro
"Pum Pum" é un espectáculo que fala da historia de Marieta, unha meniña rodeada de portas que se abren e contan historias, historias cotiás que lles pasan a todos os nenos e nenas. Pero unha delas garda un segredo que Marieta non contara a ninguén. E esta última porta fálanos dunha historia moi diferente ás outras que nos deixa unha mensaxe: non gardedes un mal segredo, contádeo e pesará menos!
Aínda que foi unha mágoa que non viñerades todos/as a vela, o alumnado de Infantil e 1º e 2º de Primaria desfrutou moito con este espectáculo que presentaba varias técnicas (teatro de actor/actriz, monicreques, máscaras, sombras) e con música orixinal creada para a obra e interpretada en directo. Aquí podedes ver o tráiler:


Queremos agradecer ao Concello de Santa Comba a súa invitación a un espectáculo tan interesante, e á compañía Baobab Teatro polo seu traballo tan ben feito sobre un tema tan delicado. E, ademais, aínda se pararon a saudarnos a todos/as ao remate da actuación e a fotografarse diante do escenario con todos/as nós. Moitísimas grazas!!!


luns, 21 de maio de 2018

POESÍAS PARA ESCOITAR...

Para celebrar o Día de Rosalía, no cole fixemos unha actividade ben bonita partindo da iniciativa da Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega: abrimos as nosas fiestras a poemas da escritora galega, ilustrándoos por nós mesmas/as para expoñer no corredor do colexio. Esta semana tamén Rosalía estivo moi presente nas nosas actividades, xa que foi ela, coa súa obra "Cantares Gallegos", a que inaugurou a primeira celebración do 17 de maio como Día das Letras Galegas. E como naquel momento aínda non tiñamos o logo preparado para a nosa "Radio Rosiña", non publicamos nada, pero agora xa podedes escoitar os poemas que soaron nas voces de 5º e 6º aquela xornada de febreiro na nosa biblioteca.

O primeiro describe unha paisaxe moi fermosa:


O segundo, "Unha voda na aldea":

O último deles é "Un repoludo gaiteiro":



venres, 18 de maio de 2018

O LOGO DE RADIO ROSIÑA

Aquí está!!! POR FIN temos o LOGO para "RADIO ROSIÑA"!!!!
Estou convencida de que estabades tan ansiosos e ansiosas coma min!!! 
Desde que comezou esta aventura da Radio na Escola, foron moitas as actividades que realizamos nos diferentes grupos do cole dentro do noso estudio, pero ata hoxe non publicamos nada máis que a participación de Paula Maneiro (5º de Primaria) con motivo da celebración do "Día da Radio". 
A partir de agora xa podemos enlazar todos os podcast, con logotipo incluído!!!!
Todas as persoas que formamos parte deste proxecto estamos contentísimas con esta experiencia, así que queremos agradecer unha vez máis ás persoas de "Bibliotecas Escolares de Galicia", que nos permitiron inaugurar este laboratorio radiofónico enchéndonos de ilusión a todos/as!!!! E, por suposto, a Javier Prado -de "Radio Espora"- que, como xa vos contamos, axudounos moitísimo na utilización de todo o equipamento necesario.

A partir de hoxe, estade atentas e atentos aos podcast que vaiamos publicando no blog. E lembrade que podedes escoitalos, pero tamén descargalos para gardar no voso ordenador ou no móbil. Así que tedes moitas posibilidades de escoitarvos!!!!

mércores, 16 de maio de 2018

Celebramos os Maios e o Día das Letras Galegas

Esta tarde celebramos unha das datas que máis nos gustan no cole: os Maios e o Día das Letras Galegas. Coa construción do Maio demos a benvida á primavera, á aparición dos primeiros froitos, das primeiras flores, aos cantos dos paxariños que levabamos meses sen escoitar... E nesta ocasión sorprendeume a cantidade de flores que todas as familias achegastes ao cole: moitísimas grazas!!! Se non fora pola vosa colaboración, o Maio non quedaría así de fermoso. Unha vez construído, cantámoslle, por suposto!!! Ata o grupo de guitarras e ukeleles sacou os seus instrumentos para acompañar unha canción que escribiron os grupos de 5º e 6º. 


E nese fermoso escenario, entregamos os premios do Concurso de Ilustración e Literario que convocou o cole. A participación foi total, o cal me enche de orgullo, porque me fixestes pasar unha tarde estupenda mentras lía as vosas historias e vía os vosos debuxos. NORABOA a todas as persoas por participar!!!! Os agasallos recibíronos cinco persoas, pero quero dicirvos que poderían ser moitas máis, polo que non deixedes de escribir, de ler, de debuxar... Sodes uns/unhas auténticos/as artistas!!!!

Déixovos AQUÍ as fotos desta xornada, e tamén as historias que foron premiadas!!!





Ademais destas creacións, houbo moitas outras merecedoras de felicitacións, polo que aquí volas deixo para que poidades desfrutar con todas elas:

ILUSTRACIÓNS PRESENTADAS EN EDUCACIÓN INFANTIL 




CREACIÓNS REALIZADAS NA AULA DE AUDICIÓN E LINGUAXE E PEDAGOXÍA TERAPÉUTICA




CREACIÓNS REALIZADAS EN 1º E 2º DE PRIMARIA




CREACIÓNS REALIZADAS EN 3º E 4º DE PRIMARIA




CREACIÓNS REALIZADAS EN 5º E 6º DE PRIMARIA



Unha aperta,

mércores, 9 de maio de 2018

CONTOS NO FAIADO

Galeatro é unha compañía de teatro que se formou en Carballo no ano 2013 co fin de achegar aos espectadores as figuras máis relevantes das letras galegas. Nesta ocasión a súa proposta está baseada na estrutura da obra "A festa no faiado", da escritora homenaxeada o próximo 17 de maio María Victoria Moreno. Baixo o título "Contos no faiado", os dous actores convértense nunha boneca chamada Uxía -que vive soa e abandonada no faiado dunha casa- e  nun gato moi especial.

https://photos.app.goo.gl/ZJe50oVa5USJn7Ng2
A través da súa relación, descubrimos historias moi divertidas que ademais nos levaron ás obras de María Victoria Moreno "Xa non teño medo", "Un cachiño de bica" e "Can negro, can branco". Con esta última historia, ademais, rímonos un montón, porque os actores invitaron a participar na mesma a Martina, que fixo o papel de canciño, a Brais Capelo, que se transformou nun lobo, e ao profe David, que nos fixo rir moitísimo no seu papel de auténtica señorita... 
Seguro que estades desexando ver as fotos!!! Só tedes que premer AQUÍ ou na imaxe.
Moitas grazas a estes dous simpáticos actores que esta mañá transformaron a nosa biblioteca nun faiado tan especial...