Amosando publicacións coa etiqueta Praza de Abastos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Praza de Abastos. Amosar todas as publicacións

sábado, 11 de marzo de 2017

EXCURSIÓN A COMPOSTELA

O pasado mércores, coincidindo co Día da Muller, viaxamos á capital galega para asistir a unha actuación estupendísima do grupo de percusión ODAIKO, que ofreceu un concerto didáctico no Auditorio de Galicia no que desfrutamos moitísimo. Ademais de coñecer varios e interesantes instrumentos dunha das familias de instrumentos que máis nos atraen, rímonos moito coa posta en escea destes catro rapaces fantásticos.
Pero antes puidemos facer unha pequena parada na Praza de Abastos, onde enchemos os nosos ollos e os nosos narices con todas as cores e olores dos produtos que alí se ofrecen: peixe, marisco, froita, verduras e hortalizas, pans, queixos, comida recén cociñada, etc. Desfrutamos moito desta visita exprés a un dos lugares máis emblemáticos de Santiago.
E despois do concerto, aproveitando o sol que iluminaba as rúas de Compostela, demos un paseo pola zona vella: percorremos algunhas das rúas máis coñecidas, algúns rincóns agochados moi fermosos, visitamos a Catedral e as prazas que a rodean, o grupo de Infantil fixemos unha parada en Correos para enviar varias cartas, saudamos ás Marías, a Valle Inclán e a Rosalía na Alameda, observamos as súas árbores, e descansamos nas escaleiras que dan entrada ao Campus universitario, onde comemos e xogamos un ratiño antes de regresar a San Cosme. Foi un día completo e moi fermoso; para ver o ben que o pasamos premede AQUÍ.

venres, 18 de outubro de 2013

IMOS DE CONCERTO E VISITAMOS A PRAZA DE ABASTOS E A ESCOLA GALEGA DE CONSUMO.

Hoxe, venres 18 de outubro, os rapaces de 2º e 3º ciclo de Primaria, viaxamos a Santiago para ver o concerto do grupo TAC Taller Atlántido Contemporaneo coa obra: A voz das baleas para tres intérpretes enmascarados: frauta, cello e piano amplificado. Vox Ballaenae (A voz das baleas) data de 1971 e está inspirada no canto dun xibardo que o compositor norteamericano George Crumb escoitara nunha gravación. Cada un dos tres intérpretes debe levar un anteface,, co que Crumb trata de agochar o elemento humano para resaltar as forzas da natureza: a natureza deshumanizada. Os cantos da balea conviven nesta obra con sons de gaivotas, do mar e con citas do Zarathustra de Richard Strauss.

A continuación visitamos a Praza de Abastos da cidade nunha visita programada dentro das actividades do noso Proxecto Integrado de este ano: PAPACONTOS, ZAMPALIBROS que xira entorno ao tema da Gastronomía e a Alimentación.

Por último visitamos a ESCOLA GALEGA DE CONSUMO onde participamos en varios obradoiros:
Pirámide dos alimentos (3º e 4º ep)
Linguaxe publicitaria (5º ep)
Etiquetado (6º ep)

Podes disfrutar das fotos da xornada aquí abaixo.