Amosando publicacións coa etiqueta ilustradores. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta ilustradores. Amosar todas as publicacións

martes, 22 de decembro de 2020

CONCERTO DE PAKOLAS

Se a xornada de onte foi máxica, a de hoxe foi musical a tope!!! Recibimos a Pakolas, quen xa nos acompañou hai varios cursos polo "Día da Biblioteca". Hoxe veu cunha compañeira moi especial: a ilustradora Laura Romero, que ía realizando debuxos fantásticos ao tempo que Pakolas interpretaba os rockeiros temas do seu último disco. Pasámolo xenial cantando, bailando, saltando, rindo, escoitando e observando... Só tedes que premer AQUÍ para comprobar que conto a verdade!!!

Pakolas e Laura nun momento do espectáculo.

Esta foi a actividade de despedida do trimestre, xa que este curso decidimos non celebrar o festival de Nadal... Unha mágoa non poder preparar algo para compartir coas nosas familias, falar un ratiño e abrazarnos desexándonos unhas boas festas, pero polo menos puidemos despedirnos cunha actividade colectiva que nos gustou moito: moitas grazas, Paco e Laura polo voso ben facer!!!

Unha aperta,

luns, 11 de febreiro de 2019

DESPEDIMOS A UNGERER, UN GRANDE ILUSTRADOR

Esta fin de semana faleceu Tomi Ungerer. Tal vez polo seu nome non vos decatedes de quen é, pero de seguro coñecedes algunha das obras que ilustruo:




Tomi Ungerer era un ilustrador e debuxante francés que naceu en Estrasburgo no ano 1931. Faleceu esta fin de semana, aos 87 anos en Irlanda, lugar no que vivía dende hai 40 anos. O seu libro "Os tres bandidos" é un dos máis emprestados na nosa biblioteca, así que quixen recordar a este artista cuxa obra foi observada por tantos olliños... Premendo AQUÍ podedes ler algo máis sobre este recoñecido ilustrador.


luns, 22 de outubro de 2018

DÍA DA BIBLIOTECA 2018


O próximo 24 de outubro celebramos o "Día da Biblioteca"!!!
 
Este ano, a Asociación Española de Amigos do Libro Infantil e Xuvenil celebrará o “Día da Biblioteca” en Oviedo, na biblioteca “Ramón Pérez de Ayala”. Alí reuniranse persoas que se adican a profesións moi relacionadas cos libros: persoas bibliotecarias, escritoras, ilustradoras, narradoras de historias, editoras… E tamén mestras e mestres. Pode que incluso se acheguen algúns animais á citada biblioteca… Eu, polo menos, penso ir. Ademais, coma cada ano dende 1997, a Asociación encarga a elaboración dun pregón e dun cartel, que nesta ocasión recaeu no escritor Gonzalo Moure (Premio Cervantes Chico 2017), e no ilustrador Alfonso Zapico (Premio Nacional de Cómic 2012).
Gonzalo Moure é un escritor do que temos varias obras na nosa biblioteca, algunha das cales foi elixida tamén no noso club de lectura “Os Xurelos Lectores”. Se non o coñecedes, memorizade ben o seu nome, xa que este escritor é desas persoas que sempre aportan, que merecen a pena, que son imprescindibles… Queredes ler o pregón que escribiu para celebrar o “Día da biblioteca” este ano? Leva por título “O día da luz”, e di así:

Veño do deserto do Sahara, de inaugurar unha biblioteca. Está en Dajla, o máis afastado, o máis olvidado dos cinco campamentos de refuxiados saharauis. É a cuarta biblioteca que construímos, e é fermosa. No centro plantamos árbores, para que os nenos e xóvenes do Sájara poidan experimentar o gozo de sentarse á súa sombra a ler un libro. Non queremos que esa biblioteca sexa ningún “templo do silencio”, senón máis ben un espazo para o son, para o ruído. Unha biblioteca que xa é o lugar máis fermoso do campamento. Un espazo para desexar ir a buscar lectura, pero tamén amizade, soños compartidos. Incluso amor. Un lugar no que namorarse mirando uns ollos por riba dun libro. Porque ao fin e ao cabo, a biblioteca é o lugar no que se descubre ao outro, de papel ou de carne.
Nunha película inesquecible, a mellor película de ciencia ficción da historia, “2001, unha odisea do espazo”, aparece un monólito cada vez que o home se dispón a dar un salto cualitativo. Kubrick, o seu director, debería poñer un libro no seu lugar. Porque foron os libros os que marcaron o ritmo dos cambios do ser humano. Porque o libro é o laboratorio do home, o lugar no que se experimenta con emocións, descubrimentos, utopías, apostas. Somos o que somos porque pensamos e escribimos sobre como ser e sobre como non ser. E seremos o que pensemos, o que pensen e escriban as próximas xeracións. 
Así que unha biblioteca non é só un lugar no que invitar a ler, senón tamén, ou por iso, un lugar no que invitar a escribir. As bibliotecas do século XXI son, poden ser, teñen que ser o sementeiro de novas novelas, novos monólitos, mollóns do noso futuro. Se o século XX foi sen dúbida o século da lectura, o século XXI pode chegar a ser o século da escritura, xa o está sendo. 

Por todo iso construímos bibliotecas nos campamentos do deserto. Porque non son só para os saharauis. Págaas a nosa sociedade civil, mediante socios adultos, e mediante actividades solidarias en colexios, institutos e bibliotecas. E os alumnos e lectores que as sufragan fanse conscientes do extraordinario que é ter unha biblioteca, aprender a valorar a súa, a defendela. Cada biblioteca do deserto ten detrás a miles de nenos, xóvenes e adultos que fixeron o posible co seu pequeno esforzo. Sumando. Cada lector saharaui ten ao seu carón a miles de lectores, máis conscientes da importancia dunha biblioteca, porque co seu traballo construíuse unha, nun clima en un lugar tan hostil.  
Pensa na túa biblioteca. Houbo un día no que esa biblioteca non existía. Alguén soñouna, loitou por ela, encheuna de libros e tamén de soños. Faite do equipo dese alguén que a fixo posible, loita por un mundo no que non haxa un ser humano que non teña cerca unha biblioteca, ou un amoroso bibliobús. Que non haxa un só neno, xoven ou adulto, que non roce a man dunha bibliotecaria que lle aconselle, que o oriente no labirinto. Que é o mesmo que dicir que non haxa un só ser humano conectado ao que foi, ao que é e ao que será. 
Na túa man hai millóns de mans, estreitando a túa, acompañándote no camino. Tenras ou cheas de callos, pequenas ou grandes. No libro que te espera na mesiña de noite ou onda o sofá, hai millóns de libros. Inxenuos ou complexos, humildes ou luxosos. Pero todos preciosos. Conectados todos por un invisible fío de prata que une man con man, andel con andel, un fío inacabable e luminoso. Inacabable, e así sexa. Hoxe é o Día da Biblioteca, que é o mesmo que dicir O día da luz.
Feliz día, feliz século.
(Texto: Gonzalo Moure. Cartel: Alfonso Zapico)

mércores, 5 de abril de 2017

DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL

O pasado domingo, 2 de abril, celebrouse o Día Internacional do Libro Infantil. A data non é unha casualidade: coincide co nacemento do escritor danés Hans Christian ANDERSEN. "A Sereíña", "O parrulo feo" ou "O soldadiño de chumbo" son algúns dos títulos dos libros de Andersen que seguramente coñezas. 
Cada ano, ademais, un ilustrador elabora un cartel e encárgaselle a un escritor un texto para a celebración. Nesta ocasión o país elixido foi Rusia. O cartel elaborouno Mikhail Fedorov, e o texto foi escrito polo poeta Sergey Makhotin, que traduzo aquí ao galego para todos vós:

Medremos cos libros!
Na miña infancia gustábame construír casiñas con bloques e todo tipo de xoguetes, adoitaba usar como tellado libros infantís ilustrados; en soños, subía ata o interior da casa, deitábame na cama feita con caixas de mistos e contemplaba as nubes ou o ceo estrelado, todo dependía da imaxe que máis me gustara. 
Instintivamente, seguín a lei de vida de todo neno que busca inventar ambientes e, para conseguilo, un libro foi de auténtica axuda.
Despois medrei e aprendín a ler; na miña imaxinación, un libro comezou a parecerse máis a unha bolboreta ou a un paxara que a un tellado. As páxinas do libro eran como ás e susurros. Era como se o libro saíra voando inesperadamente pola ventá aberta hacia espazos descoñecidos. Collino, empeceino a ler e o libro tranquilizoume. Despois seguino a través doutros mundos, mentras o meu universo imaxinario se ía extendendo. 
Que alegría ter un novo libro nas miñas mans! Ao principio non sabes de que trata, resistéste á tentación de abrilo pola última páxina, e que ben ule! Ten un aroma especial a libro, un aroma excitante e único.
A medida que vas medrando o mundo vaise complicando. Enfréntaste a cuestións que incluso un adulto é incapaz de resolver. Sen embargo, é convinte poder compartir as dúbidas e os segredos con alguén, e aquí é cando o libro vén na túa axuda. Probablemente moitos de nós plantexámonos algunha vez: eu escribín este libro! E, de pronto, o personaxe favorito parece ser coma ti e incluso vive os mesmos problemas; outro personaxe non se parece en nada a ti, pero queres que sexa coma o teu ideal, valente e capaz!
Faime rir cando un rapaz ou unha rapaza me din "non me gusta ler"; non lles creo, seguro que comen xeados, xogan e ven películas moi interesantes. Noutras palabras, gústalles divertirse. A lectura, fronte ao desarrollo dos sentimentos e a personalidade, non é unha tarefa tan agotadora, se ben, ante todo, é un grande pracer.
Precisamente, esta é a intención dos autores que escriben libros para nenos! 

Tamén a editorial Anaya fixo esta fermosa ilustración co título "Abraza un libro, abraza un amigo", que podedes ver aquí e na biblioteca do cole! E a vós, que tanto vos gustan os abrazos, cal será o próximo libro que abracedes? 

 


martes, 17 de maio de 2011

DEBUXANDO CON ABRAHAM CARREIRO

O martes 10 recibimos na biblio a visita do ilustrador vigués ABRAHAM CARREIRO, dentro das actividades dirixidas á promoción da lectura e da creatividade. Abraham debuxou aos personaxes dos seus libros e logo deunos unha pequena clase de debuxo na que nos falou de como se deseña un personaxe, das expresións corporais, das expresións faciais e de todo o que ten que ver co proceso de ilustración dun libro.
Ainda que os nosos rapaces e rapazas se fartaron de facerlle preguntas sobre o seu traballo, si pinchades AQUÍ podedes ler, unha entrevista que lle fixeron os rapaces doutro colexio e AQUÍ outra máis
Abraham tamén nos deuxou os seus debuxos firmados e dedicados para o noso cole e por suposto firmou moitos autógrafos aos rapaces e rapazas máis interesados. Incluso se prestou a debuxar á nosa Rosiña.
Aquí tedes o resumo en imaxes da súa visita.


xoves, 27 de maio de 2010

VISITA DE SUSO CUBEIRO

Dentro das actividades de animación á lectura que organiza a BIBLIOTECA do centro, o mércores 19 de maio visitounos SUSO CUBEIRO ilustrador de libros tan fermosos e recomendables como No corazón da fraga, O bigote de Mimí, El secreto del bosque viejo, O señor mago e a folla ou a historia da locomotora Larita (do que tamén é autor). Falounos do seu traballo como ilustrador, das distintas técnicas para pintar, mostrounos debuxos orixinales en comparación co traballo impreso e tamén nos ensinou a facer debuxos fermosos con trazos moi sinxelos. Debuxou e pintou cos rápidos e máxicos trazos dos que só uns poucos privilexiados son capaces de conseguir. Deixounos para o noso cole, un recordo moi valioso e especial: un retrato en acuarela de Uxío Novoneira o escritor homenaxeado este ano polas Letras Galegas. Moitísimas grazas, Suso.

xoves, 15 de abril de 2010

23 DE ABRIL DÍA DEL LIBRO

O Día do Libro está á volta da esquina e nos queremos celebralo convosco ao longo de todos estes días.
Desde o Blogue da biblioteca do CEIP Mestres Goldar de Vigo chamado O Recanto de Mik recollemos esta fermosa colección de fermosas ilustracións da literatura infantil e xuvenil que nos evocan os praceres da lectura, enriquecennos e contribuen á formación do criterio artístico.



(Imaxes de diferentes autores/as recollidas en Pinzellades al mon)