A revista "O Papagaio", á que estamos subscritos, xa vai polo número 6. Nesta ocasión trae unha noticia que chamou a atención dunha boa parte do alumnado, e queren contala para todas as persoas que seguen o noso blogue. Trata sobre o lixo eléctrico e electrónico. Como imaxinaredes, na actualidade é enorme a cantidade de obxectos deste tipo que utilizamos na nosa vida cotiá: electrodomésticos, ordenadores, móbiles, memorias USB, etc. E que facemos cando deixan de funcionar e queremos desfacernos deles? Seica en Galicia producimos máis de 4.000 toneladas deste tipo de lixo ao ano!!! Pois non debemos tiralos en calquera colector, xa que é moi contaminante, e moitos dos elementos que os compoñen son tóxicos, polo que prexudican o medio ambiente e a saúde dos seres humanos. Unha pila botón pode contaminar 600.000 litros de auga; a batería dun móbil, 50.000 e un só frigorífico pode emitir unha cantidade de gases equivalente aos dun coche circulando durante 15.000 km. Que barbaridade!!! Polo tanto, debemos prestar moita atención a este tipo de obxectos.
Que deberiamos facer? Pois levalos a un punto limpo, que son os lugares habilitados polos concellos para almacenar os residuos que non se poden botar nos colectores da rúa. Premendo sobre a imaxe inferior podedes consultar todos os puntos limpos de Galicia, onde se indica tamén a dirección, o horario e o tipo de lixo que recollen, ademais doutro tipo de información moi interesante.
Agradecemos dende aquí a sección de "O Papagaio" adicada á ecoloxía, e lémbrovos que na Biblio tedes moitos libros relacionados con este tema!!!
Ningún comentario:
Publicar un comentario