luns, 27 de marzo de 2017

ENCONTRO CON CONCHA BLANCO

Ola, rapaciñas e rapaciños!!!
Como xa ben saberedes polos vosos mestres e mestras, o próximo 5 de abril visitaranos CONCHA BLANCO!!!!! No cole estamos todos moi ilusionados coa visita desta escritora tan achegada a nós. Por un lado, porque na biblio contamos con varias das súas obras, así que algunhas desas historias seguro que viaxaron nas mochilas viaxeiras, nos caixóns de lecturas, ou mesmo as elixistes vós mesmos para ler no tempo libre. Por outro, porque no clube de lectura do cole comezaron a ler unha das súas últimas publicacións, que redactou conxuntamente coa súa filla María Canosa: "Será correcto?" é unha guía sobre o protocolo escrita de maneira entretida e informal e a excusa destes días para pasar un rato falando entre "Os Xurelos Lectores" do cole. Pero ademais Concha Blanco é de Cee, que é un pobo que coñecemos moitas das persoas que estamos no cole!!! E o seu último libro publicado, "Do, Re, Mi, fantasía" está na exposición de libros sobre o proxecto deste curso "Bailemos na musiteca".
Pois con todo isto, eu, Rosiña, decidín prepararvos un pequeno caderno con toda a información que penso deberades coñecer para recibir a Concha. Nel atoparedes a súa autobiografía, así coma as obras publicadas e unha páxina para que vaiades pensando e anotando todo aquelo que vos gustaría saber sobre esta grande escritora. E non esquezades que tedes un recuncho adicado a ela no corredor do cole, así que... a que estades esperando para coñecer algunha das súas obras? 
Aquí vos deixo tamén o caderno para que poidades lelo tantas veces como desexedes!

Unha aperta!

Ningún comentario:

Publicar un comentario