ALCER é a Asociación para a Loita Contra as Enfermidades de Ril. O pasado martes, tres membros de ALCER visitaron o noso centro, onde se reuniron co alumnado de 5º e 6º de Primaria, para falar sobre a importancia dos riles dentro do noso organismo: a súa función, os problemas que xorden cando estes fallan, como se poden solucionar, etc.
E presentáronnos o caso dunha rapaciña que se atopa nesa situación: os seus riles non funcionan e ten que acudir a un hospital 3 días á semana durante 4 horas para realizar unha sesión de diálise. A diálise emprégase como substituto da función normal dun ril e permite, entre outras cousas, eliminar do sangue produtos tóxicos. Unha persoa que teña que asistir a diálise con esa frecuencia, non pode facer moitos plans a longo prazo, polo que recibir un ril dunha persoa doante é unha noticia marabillosa!!! Pensádeo por un momento...
Un transplante pode facer que a vida dunha persoa nunha situación así volva ser normal. E isto non só sucede cos riles, xa que hai outros órganos que podemos doar: pulmóns, corazón, intestinos, fígado, páncreas... Dende aquí queremos agradecer a charla ofrecida por ALCER no noso centro. Se queredes saber máis sobre esta Asociación e informarvos sobre este xesto tan bondadoso, podedes visitar a páxina web de ALCER premendo AQUÍ.
Ningún comentario:
Publicar un comentario