domingo, 5 de marzo de 2017

DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

O Día Internacional da Muller conmemórase cada 8 de marzo. Esta data é recoñecida pola ONU como unha xornada para reivindicar a igualdade e reflexionar sobre a situación das mulleres na sociedade. É certo que na nosa comunidade as cousas mudaron ao longo da historia, pero todavía queda camiño por percorrer para que poidamos falar de igualdade. Sen ir máis lonxe, e centrándonos no tema da música, sobre o que xira o proxecto deste curso, cantas mulleres compositoras coñecemos?, cantas directoras?, cantas construtoras de instrumentos? Pero ao lado de Bach, Mozart, Beethoven ou Stravinsky tamén deberían figurar nomes de mulleres que os libros de historia esqueceron durante moitos anos. 
Como exemplo, a película "Nannerl, la hermana de Mozart", preséntanos a unha nena prodixio. Ao final dunha xira familiar que durou 3 anos, coñeceu ao fillo do rei Luís XV, quen a anima a escribir a súa propia música. Pero Nannerl era unha muller, e as mulleres non tiñan dereito a compoñer.  Aquí podedes ver o tráiler da película:


Tamén podedes ver no seguinte vídeo un programa adicado ás mulleres compositoras ao longo da historia:


O músico Miguel Bosé tamén participou hai varios anos nunha homenaxe ás mulleres, "Que vivan las mujeres", a través dun anuncio publicitario para unha marca de roupa chilena:


E en Galicia? Pois tamén aquí temos marabillosas representantes, que ademais de facer boa música, amosan un grande interese por apoiar campañas, actos, etc., na procura da igualdade entre homes e mulleres. Así, podemos falar de MARÍA MANUELA, SES, UXÍA SENLLE, MERCEDES PEÓN, SUSANA SEIVANE, NAJLA SHAMI... E GUADI GALEGO, da cal eliximos unha fermosa canción que adica a todas as mulleres que loitaron na sociedade galega por sacar adiante a familia, que traballaron arreo no mar, no campo... Titúlase "Matriarcas" e podedes escoitala e ver o vídeo aquí:


Pero antes destas artistas, houbo outras, coma EUGENIA OSTERBERGER. Nacida no ano 1852 en Santiago de Compostela, foi unha figura relevante no panorama musical e cultural de Galicia no último tercio do século XIX. Instalouse en A Coruña, onde firmaba as partituras co nome de Madmoiselle Saunier, apelido que tomou do seu marido. En 1907 mudouse á Costa Azul francesa, onde se lle perde a pista. Sen embargo, a editorial Ouvirmos acaba de publicar un libro-CD con 15 pezas para voz e piano desta grande compositora, para coñecela e/ou redescubrila!!! Se queredes escoitar un anaquiño da súa música, premede AQUÍ.
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario