luns, 5 de xuño de 2017

DÍA MUNDIAL DO MEDIO AMBIENTE

O 5 de xuño é o "Día Mundial do Medio Ambiente", unha data establecida pola ONU para sensibilizar á poboación mundial en relación a temas ambientais. Cada ano, ademais, elíxese un país anfitrión e un tema central sobre o que se realizan actividades en todo o mundo. No 2017 foi a quenda de Canadá, e o tema "Conectar ás persoas coa natureza". 
Así trataron tamén de conectarnos esta mañá nun espectáculo ao que nos invitou o Concello de Santa Comba. Os Monicreques de Kukas representaron, no Auditorio do Edificio Multiusos, a historia "O encoro enmeigado". A través dos seus personaxes, inspirados na vida real e nos seres fantásticos asociados a moitas das lendas da nosa cultura, puidemos descubrir que, como ben di o avó Marcelino, "O progreso non é malo, pero hai que construír o menos posible e respectando e sen danar á Natureza".
Desfrutamos moito con este espectáculo desta compañía creada en 1979 por Marcelino de Santiago "Kukas" e Isabel Rei, a máis antiga de Galicia e tamén unha das máis destacadas. 
Todas as persoas que asistimos á representación desfrutamos dunha posta en escena moi fermosa e coidada (as luces, a música, os movementos dos monicreques...), polo que felicitamos á compañía polo seu traballo e agradecemos ao Departamento de Cultura e Medio Ambiente de Santa Comba pola súa invitación.
Podedes ver as fotos desta mañá premendo AQUÍ.

 

domingo, 4 de xuño de 2017

UNHA XORNADA DE CONVIVENCIA MOI MUSICAL

Non podía ser doutra maneira!!! Despois dun curso no que a maior parte das actividades xiraron arredor do tema da música, a nosa musiteca está a punto de pechar as súas portas. Esta semana rematou coa "Xornada de Convivencia", un día que adicamos a compartir todos/as xuntos/as: nenos e nenas, nais e pais, avoas e avós, mestras e mestres... Nesta ocasión celebrámola en Santiago de Compostela. A primeira parada fixémola na Granxa do Xesto, situada na ladeira do Monte Pedroso. Alí, ademais de xogar, visitar os estanques e escoitar o concerto das ras, xantamos desfrutando tamén da tranquilidade deste espazo natural que reúne as características de parque e de bosque.
Despois, baixamos ata a Fundación SGAE, onde asistimos a un espectáculo ofrecido por Títeres Cachirulo en exclusiva para nós: "Pinocho", baseado no coñecido conto de Carlo Collodi. Ao rematar fomos dando un paseo ata o Auditorio de Galicia, onde asistimos a un dos espectáculos que máis ilusión nos facía: a "Novena Sinfonía" de Beethoven, interpretada pola Real Filharmonía de Galicia e o Orfeón Terra A Nosa. Este foi o motivo principal á hora de organizar esta xornada, porque: 
-a Novena Sinfonía de Beethoven é unha das obras máis importantes da historia da música; 
-escoitar unha orquestra en directo é marabilloso, e ademais na Filharmonía coñecemos a algúns dos seus integrantes, sobre todo a Luis Soto, o frautista que visitou o noso cole por Santa Cecilia;
-se ademais da música instrumental tamén hai música vocal, e dentro dos membros do coro está o profe Óscar, que máis podemos pedir para pechar o noso proxecto "Bailemos na musiteca"? 
Foi todo un auténtico luxo compartir esta experiencia na xornada de convivencia, emotivo tamén porque se trataba dun concerto solidario, adicado a visibilizar o traballo que realiza a Asociación Galega de Heteroplasia Ósea Progresiva para avanzar na investigación desta enfermidade ultrarrara e dexenerativa. 
O director, Paul Daniel, conseguiu tamén facer partícipe ao público deste momento, invitándonos a cantar co coro, cos solistas e coa orquestra a popular versión da "Oda á alegría" de Miguel Ríos. 
E ao rematar o concerto, fomos felicitar a Óscar e a Luis. E entre saúdos e felicitacións, xuntámonos para facer unha foto espectacular: todas as persoas xuntas, ás que se sumaron algunhas moi coñecidas pola comunidade educativa (Pili, mestra no cole durante moitos anos e á que seguimos lembrando tantas veces!;Vera, quen estivo no noso centro ensinándonos danzas húngaras o curso pasado), así como Óscar, Luis e o mesmo Paul Daniel! Premendo AQUÍ podedes ver as imaxes desta xornada.


A Novena de Beethoven, símbolo da liberdade, herdanza espiritual da humanidade... XA FORMA PARTE DA NOSA HISTORIA!!!!

martes, 30 de maio de 2017

EXCURSIÓN DE 5º E 6º NA RIBEIRA SACRA

Este curso, ao ser tan pouquiñas as persoas que cursan 6º de Primaria, á excursión de fin de etapa sumouse tamén o grupo de 5º. As seis persoas que nos apuntamos (Rubén, Andrea Labandeira, Yanira, Iria, Miriam e Andrea Carballo), acompañadas dos mestres Óscar e Susi, pasamos tres días na Ribeira Sacra desfrutando da natureza, de xogos en grupo e da compañía das persoas que nos recibiron na Fábrica da Luz: Sara, Óscar, Iván, Carmen e Sara. A todas elas queremos agradecer que nos fixeran pasar uns días estupendos e inolvidables, nos que botamos moito de menos a quenes non puideron vir con nós: Ainhoa, Álex e Iria.
Fixemos moitísimas fotos. Para ver as do primeiro día, premede AQUÍ.
As do segundo día, marcadas pola ilusión de montar en kayak polo río Mao ata a súa desembocadura no Sil, podedes velas premendo AQUÍ.


O terceiro día visitamos os Balcóns de Madrid, pero tamén fixemos un roteiro no que descubrimos moitas outras cousas que podedes ver premendo AQUÍ.


mércores, 24 de maio de 2017

MUSICAL NA CASA DA CULTURA DE A PICOTA

Onte viaxamos ata A Picota para asistir a un espectáculo fantástico: "Os Rockenstein", unha obra teatral representada polo grupo Malasombra. Nela, catro actores deron vida aos personaxes deste musical no que o doutor Rockentain é un grande profesor, científico e inventor, pero tamén un melómano consciente de que a boa música está desaparecendo. Para poñerlle remedio, decide crear no seu laboratorio unha criatura co fin de convertila nunha estrela musical cuxa misión será salvar ao mundo da desaparición do rock. Teatro, música e humor fusionáronse neste espectáculo ao que asistimos todo o centro excepto o alumnado de 5º e 6º, que se atopaban na Ribeira Sacra, onde viaxaron de excursión de fin de etapa. Premede AQUÍ para ver todas as fotos.


venres, 19 de maio de 2017

CELEBRAMOS OS MAIOS E AS LETRAS GALEGAS

Xa estamos de cheo na primavera!!! E no mes de maio hai unha data moi importante para celebrar na nosa comunidade: o Día das Letras Galegas. As persoas que convivimos no noso cole comunicámonos en galego, estamos orgullosas do noso idioma, asistimos a eventos culturais na nosa lingua... Este 17 de maio estivo adicado á figura de Carlos Casares quen, ademais de escritor, estivo moi unido ao mundo da educación, xa que tamén exerceu como mestre. Neste curso propuxemos un cambio no concurso que celebramos cada ano, animándovos a deseñar carteis que anunciaran esta festa ou a dos Maios, xa que quixemos unir os dous eventos nun fermoso 19 de maio. E así de bonito foi:
-primeiro, saímos ao patio para montar o noso maio, que nesta ocasión levou ata castañas!;


-despois, cantamos "Este é o Maio". Ademais das claves, Óscar encargouse de que soase tamén a guitarra eléctrica acompañando as nosas voces;


-por último, entregamos os premios, fixemos moitas fotos e démonos un montón de abrazos!!!

O Premio especial foi para Álex Otero, de 6º curso de Primaria, quen fixo un cartel anunciando as Letras Galegas no que incluíu un debuxo de Carlos Casares:


En Infantil o premio foi para Ángel Grille, que elaborou un fermoso cartel sobre a obra "A galiña azul" de Carlos Casares:


En e 2º o premio foi para Mai Villar, que elaborou un fermoso cartel anunciando a celebración dos Maios:


En 3º e recolleu o premio Paula Maneiro

En 5º e , a premiada foi Andrea Labandeira, que tamén presentou un orixinal cartel sobre a celebración dos Maios:




martes, 16 de maio de 2017

PERSOAS CHEAS DE VIDA!!!

Que maneira tan fermosa de homenaxear o Día das Letras Galegas!!! A raíz dun curso celebrado en Ferrol sobre o coro escolar, decidiuse xuntar a máis de 1000 nenos e nenas de varios centros desta comarca, coa finalidade de estimular a creación deste grupo de agrupacións musicais a partir do repertorio de músicos galegos actuais. A canción elixida para estrear tan emocionante iniciativa foi "Cheas de vida", que interpreta GUADI GALEGO, xunto con GUILLE FERNÁNDEZ á guitarra, no seu disco "Lúas de outubro e novembro". Baixo a dirección de RAMÓN BERMEJO, 1000 nenos e nenas reuníronse nunha nave do estaleiro de "Navantia" para gravar esta fermosa e emocionante experiencia. Tedes que ver o vídeo!!! E propóñovos tamén aprender a canción e, coma sempre, que non deixedes de cantar!!! 


mércores, 10 de maio de 2017

VIAXE Á IDADE MEDIA

Hai un par de semanas liamos varios textos na "Hora de Ler" sobre a música na Idade Media. Ademais de coñecer a música popular dos trobadores e dos xograres, tamén puidemos achegarnos ao canto gregoriano, que soaba nas igrexas e catedrais desde o século V ata o XV. 

Este martes puidemos imaxinar tamén como sería a vida nalgúns dos edificios máis representativos desa época. Para isto viaxamos ata dous concellos moi achegados ao noso: o de Vimianzo e o de Zas. No primeiro fixemos unha parada no Castelo, onde Manuel nos foi contando a súa historia ao tempo que nos amosaba algunhas das partes máis importantes do mesmo (o foxo, as torres, o patio de armas, os fortes muros, os escudos, as ventás para disparar frechas, etc.).
O castelo foi construído entre finais do século XII e comezos do XIII polos Mariño de Lobeira. Da primitiva fortaleza soamente quedan os restos do que puido ser unha torre do homenaxe no actual patio de armas. A comezos do século XV pasa a mans da familia Moscoso, quenes conseguirán o título de Condes de Altamira, chegando a converterse nunha das familias nobiliarias con máis influencia da Península.
No século XV prodúcense as Guerras Irmandiñas nas que o pobo, cansado das opresións económicas dos señores feudais, toman esta fortaleza. O Arzobispo de Santiago Alonso II de Fonseca apodérase do castelo, pero uns anos máis tarde, Lope Sánchez de Moscoso, Conde de Altamira, volverá a Galicia para recuperar a súa propiedade, polo que pertencerá a esta familia ata o século XIX. 
No ano 1870 é adquirido por Ramón Martelo Núñez, presidente da Deputación da Coruña, e o seu fillo, o poeta Evarito Martelo restáurao para convertelo na súa residencia de verán. En 1965 o edificio sofre un devastador incendio, e posteriormente Dolores Martelo de la Maza lega esta propiedade ao Arzobispado de Santiago, que en 1973 a venderá á Deputación de A Coruña.  
A Deputación rehabilitouno, e actualmente está xestionado polo Concello de Vimianzo. A fortaleza de orixe medieval atópase en moi bo estado de conservación e está convertida nun museo de artesanía en vivo no que todo o ano se poden contemplar palilleiras, artesás do liño, cestería, prata e vidro, olería de Buño, coiro e maquetas de barcos, con exposicións permanentes destos traballos artesanais. 
Podedes ver todas as fotografías premendo AQUÍ.

E despois, sen deternos, cambiamos de concello, para ir ata a parroquia de O Allo, en Zas. Aquí agardábannos Os Quinquilláns, quenes se encargaron de trasladarnos á vida nas Torres do Allo, un dos pazos máis antigos de Galicia. Os Quinquilláns interpretaron os personaxes de Francisca Riobóo e Víctor López Seoane, un dos personaxes máis famosos que habitou o pazo. Este naturalista foi tal vez o que tivo a idea de facer unha entrada ás Torres entre árbores que medran ás dúas marxes da estrada: carballos e pradairos, entre outras, forman un fermoso corredor que onte lucía espectacular.
Os Quinquilláns explicáronnos algunhas das actividades que se realizarían neste pazo durante esa época: os tributos que pagaban os campesiños, a organización da casa, como elaboraban o pan, entre outras cousas. E case contratan a algún dos rapaciños do cole para comezar a traballar no pazo como panadeiro!!! Para ver todas as fotos, premede AQUÍ.
Tamén podedes ler a noticia publicada no xornal "La Voz de Galicia" (edición de Carballo), para a cal nos retratou o fotógrafo José Manuel Casal, premendo AQUÍ.
Desde o C.E.I.P. Víctor Sáenz queremos agradecer a invitación que o Concello de Zas nos fixo para coñecer esta parte da nosa historia, facilitándonos incluso o transporte.

martes, 9 de maio de 2017

O CARBALLO DO ADRO DE SAN COSME

Suso Jurjo é o técnico de cultura do concello de Mazaricos. No cole coñecémolo, sobre todo, porque nos recibe na Casa da Cultura de A Picota cada vez que asistimos a algún espectáculo alí programado. O pasado 29 de abril, no diario dixital da Costa da Morte "Que pasa na costa" publicaron un artigo escrito por Suso, no que fala sobre o carballo do adro de San Cosme de Antes, a parroquia na que estamos nós!!!! Nel, Suso cóntanos que este marabilloso carballo, que pode chegar aos 300 anos, posúe un tronco de tres metros e medio de perímetro, e cada unha altura de tres metros e trinta centímetros. É tamén espello das estacións: "no inverno íspese para que os ventos en vez de bourear o seu respectable corpo, asubíen melancólicas baladas. Pero na primavera engalánase cun verdecente mantelo estampado de formas polilobuladas que sombrea e refresca o adro parroquial nos calorosos días do verán".
Tamén podemos coñecer algunhas lendas que relacionan este carballo coa mitoloxía, así como todo aquelo que ofrecía á comunidade: alimento (as landras), abrigo (a súa madeira ardía quentando os fogares), xogo (cos seus bugallos xogábase como ás canicas), etc. 
Podedes ler todo o artigo premendo AQUÍ.

sábado, 6 de maio de 2017

HÉCTOR LORENZO

A segunda visita desta semana foi a de Héctor Lorenzo. Este marabilloso músico, que xa nos visitara no 2014, veunos presentar un traballo moi fermoso que naquela ocasión todavía estaba iniciando: "Cousas de papá". Este libro de poemas, escritos por Raúl Gómez Pato e ilustrados por Blanca Barrio, foron musicados polo noso invitado desta mañá. 
"Cousas de papá" é divertido, imaxinativo e musical. Conta a historia dun pai e dunha nena... Non, mellor non... Conta a historia dun pai e dun neno... Tampouco... Non conta ningunha historia. "Cousas de papá" é un libro de poemas escritos por un pai algo tolo e moi divertido, que viaxa en vasoria, constrúe hidroavións de papel, escorrenta os pesadelos e domina á perfección a linguaxe da fantasía. 
Pasámolo moi ben esta mañá, a través da música e da poesía, xogando cos versos, escoitando a Héctor... Moitísimas grazas por vir, por cantarnos tan bonito e por tratarnos con tanto cariño!!!
Premede AQUÍ para ver todas as imaxes e os vídeos que fixemos na nosa biblioteca!

SERVANDO BARREIRO, "O BARDO ABELARDO"

Esta semana estivo marcada por dúas visitas moi especiais. A primeira delas chegounos da man do Consorcio Editorial, a través de Narciso, quen nos propuxo traer ao cole a Servando Barreiro. Servando preséntase como "O Bardo Abelardo", un músico e contador de historias, ao estilo dos antigos bardos, que eran os antigos poetas celtas que cantaban as fazañas dos heroes e dos deuses, recollían as tradicións, etc.
Os seus espectáculos combinan a nosa rica tradición cultural con historias máis actualizadas para sensibilizar aos máis novos coa música, a poesía e a defensa e coidado do medio a través dos contos e as cantigas.
Pero nesta ocasión, inaugurando o "Mes das Letras", quixo tamén render homenaxe a Carlos Casares no ano no que se lle adica o día das Letras Galegas 2017: a partir dunha presentación sobre o escritor, o Bardo Abelardo foinos levando por algunhas das súas obras máis coñecidas, presentándonos a Leoncio, o inventor da bomba da Felicidade, e outras historias máis, adaptadas tamén para podelas cantar acompañados da súa concertina
Ademais da imaxe que podedes ver aquí, podedes ver o resto das fotos e ver os vídeos desta tarde premendo AQUÍ.
E se queredes coñecer máis a Servando Barreiro, visitade o seu blogue premendo AQUÍ.