luns, 5 de xuño de 2017

DÍA MUNDIAL DO MEDIO AMBIENTE

O 5 de xuño é o "Día Mundial do Medio Ambiente", unha data establecida pola ONU para sensibilizar á poboación mundial en relación a temas ambientais. Cada ano, ademais, elíxese un país anfitrión e un tema central sobre o que se realizan actividades en todo o mundo. No 2017 foi a quenda de Canadá, e o tema "Conectar ás persoas coa natureza". 
Así trataron tamén de conectarnos esta mañá nun espectáculo ao que nos invitou o Concello de Santa Comba. Os Monicreques de Kukas representaron, no Auditorio do Edificio Multiusos, a historia "O encoro enmeigado". A través dos seus personaxes, inspirados na vida real e nos seres fantásticos asociados a moitas das lendas da nosa cultura, puidemos descubrir que, como ben di o avó Marcelino, "O progreso non é malo, pero hai que construír o menos posible e respectando e sen danar á Natureza".
Desfrutamos moito con este espectáculo desta compañía creada en 1979 por Marcelino de Santiago "Kukas" e Isabel Rei, a máis antiga de Galicia e tamén unha das máis destacadas. 
Todas as persoas que asistimos á representación desfrutamos dunha posta en escena moi fermosa e coidada (as luces, a música, os movementos dos monicreques...), polo que felicitamos á compañía polo seu traballo e agradecemos ao Departamento de Cultura e Medio Ambiente de Santa Comba pola súa invitación.
Podedes ver as fotos desta mañá premendo AQUÍ.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario