mércores, 10 de maio de 2017

VIAXE Á IDADE MEDIA

Hai un par de semanas liamos varios textos na "Hora de Ler" sobre a música na Idade Media. Ademais de coñecer a música popular dos trobadores e dos xograres, tamén puidemos achegarnos ao canto gregoriano, que soaba nas igrexas e catedrais desde o século V ata o XV. 

Este martes puidemos imaxinar tamén como sería a vida nalgúns dos edificios máis representativos desa época. Para isto viaxamos ata dous concellos moi achegados ao noso: o de Vimianzo e o de Zas. No primeiro fixemos unha parada no Castelo, onde Manuel nos foi contando a súa historia ao tempo que nos amosaba algunhas das partes máis importantes do mesmo (o foxo, as torres, o patio de armas, os fortes muros, os escudos, as ventás para disparar frechas, etc.).
O castelo foi construído entre finais do século XII e comezos do XIII polos Mariño de Lobeira. Da primitiva fortaleza soamente quedan os restos do que puido ser unha torre do homenaxe no actual patio de armas. A comezos do século XV pasa a mans da familia Moscoso, quenes conseguirán o título de Condes de Altamira, chegando a converterse nunha das familias nobiliarias con máis influencia da Península.
No século XV prodúcense as Guerras Irmandiñas nas que o pobo, cansado das opresións económicas dos señores feudais, toman esta fortaleza. O Arzobispo de Santiago Alonso II de Fonseca apodérase do castelo, pero uns anos máis tarde, Lope Sánchez de Moscoso, Conde de Altamira, volverá a Galicia para recuperar a súa propiedade, polo que pertencerá a esta familia ata o século XIX. 
No ano 1870 é adquirido por Ramón Martelo Núñez, presidente da Deputación da Coruña, e o seu fillo, o poeta Evarito Martelo restáurao para convertelo na súa residencia de verán. En 1965 o edificio sofre un devastador incendio, e posteriormente Dolores Martelo de la Maza lega esta propiedade ao Arzobispado de Santiago, que en 1973 a venderá á Deputación de A Coruña.  
A Deputación rehabilitouno, e actualmente está xestionado polo Concello de Vimianzo. A fortaleza de orixe medieval atópase en moi bo estado de conservación e está convertida nun museo de artesanía en vivo no que todo o ano se poden contemplar palilleiras, artesás do liño, cestería, prata e vidro, olería de Buño, coiro e maquetas de barcos, con exposicións permanentes destos traballos artesanais. 
Podedes ver todas as fotografías premendo AQUÍ.

E despois, sen deternos, cambiamos de concello, para ir ata a parroquia de O Allo, en Zas. Aquí agardábannos Os Quinquilláns, quenes se encargaron de trasladarnos á vida nas Torres do Allo, un dos pazos máis antigos de Galicia. Os Quinquilláns interpretaron os personaxes de Francisca Riobóo e Víctor López Seoane, un dos personaxes máis famosos que habitou o pazo. Este naturalista foi tal vez o que tivo a idea de facer unha entrada ás Torres entre árbores que medran ás dúas marxes da estrada: carballos e pradairos, entre outras, forman un fermoso corredor que onte lucía espectacular.
Os Quinquilláns explicáronnos algunhas das actividades que se realizarían neste pazo durante esa época: os tributos que pagaban os campesiños, a organización da casa, como elaboraban o pan, entre outras cousas. E case contratan a algún dos rapaciños do cole para comezar a traballar no pazo como panadeiro!!! Para ver todas as fotos, premede AQUÍ.
Tamén podedes ler a noticia publicada no xornal "La Voz de Galicia" (edición de Carballo), para a cal nos retratou o fotógrafo José Manuel Casal, premendo AQUÍ.
Desde o C.E.I.P. Víctor Sáenz queremos agradecer a invitación que o Concello de Zas nos fixo para coñecer esta parte da nosa historia, facilitándonos incluso o transporte.

Ningún comentario:

Publicar un comentario