domingo, 4 de xuño de 2017

UNHA XORNADA DE CONVIVENCIA MOI MUSICAL

Non podía ser doutra maneira!!! Despois dun curso no que a maior parte das actividades xiraron arredor do tema da música, a nosa musiteca está a punto de pechar as súas portas. Esta semana rematou coa "Xornada de Convivencia", un día que adicamos a compartir todos/as xuntos/as: nenos e nenas, nais e pais, avoas e avós, mestras e mestres... Nesta ocasión celebrámola en Santiago de Compostela. A primeira parada fixémola na Granxa do Xesto, situada na ladeira do Monte Pedroso. Alí, ademais de xogar, visitar os estanques e escoitar o concerto das ras, xantamos desfrutando tamén da tranquilidade deste espazo natural que reúne as características de parque e de bosque.
Despois, baixamos ata a Fundación SGAE, onde asistimos a un espectáculo ofrecido por Títeres Cachirulo en exclusiva para nós: "Pinocho", baseado no coñecido conto de Carlo Collodi. Ao rematar fomos dando un paseo ata o Auditorio de Galicia, onde asistimos a un dos espectáculos que máis ilusión nos facía: a "Novena Sinfonía" de Beethoven, interpretada pola Real Filharmonía de Galicia e o Orfeón Terra A Nosa. Este foi o motivo principal á hora de organizar esta xornada, porque: 
-a Novena Sinfonía de Beethoven é unha das obras máis importantes da historia da música; 
-escoitar unha orquestra en directo é marabilloso, e ademais na Filharmonía coñecemos a algúns dos seus integrantes, sobre todo a Luis Soto, o frautista que visitou o noso cole por Santa Cecilia;
-se ademais da música instrumental tamén hai música vocal, e dentro dos membros do coro está o profe Óscar, que máis podemos pedir para pechar o noso proxecto "Bailemos na musiteca"? 
Foi todo un auténtico luxo compartir esta experiencia na xornada de convivencia, emotivo tamén porque se trataba dun concerto solidario, adicado a visibilizar o traballo que realiza a Asociación Galega de Heteroplasia Ósea Progresiva para avanzar na investigación desta enfermidade ultrarrara e dexenerativa. 
O director, Paul Daniel, conseguiu tamén facer partícipe ao público deste momento, invitándonos a cantar co coro, cos solistas e coa orquestra a popular versión da "Oda á alegría" de Miguel Ríos. 
E ao rematar o concerto, fomos felicitar a Óscar e a Luis. E entre saúdos e felicitacións, xuntámonos para facer unha foto espectacular: todas as persoas xuntas, ás que se sumaron algunhas moi coñecidas pola comunidade educativa (Pili, mestra no cole durante moitos anos e á que seguimos lembrando tantas veces!;Vera, quen estivo no noso centro ensinándonos danzas húngaras o curso pasado), así como Óscar, Luis e o mesmo Paul Daniel! Premendo AQUÍ podedes ver as imaxes desta xornada.


A Novena de Beethoven, símbolo da liberdade, herdanza espiritual da humanidade... XA FORMA PARTE DA NOSA HISTORIA!!!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario