sábado, 6 de maio de 2017

SERVANDO BARREIRO, "O BARDO ABELARDO"

Esta semana estivo marcada por dúas visitas moi especiais. A primeira delas chegounos da man do Consorcio Editorial, a través de Narciso, quen nos propuxo traer ao cole a Servando Barreiro. Servando preséntase como "O Bardo Abelardo", un músico e contador de historias, ao estilo dos antigos bardos, que eran os antigos poetas celtas que cantaban as fazañas dos heroes e dos deuses, recollían as tradicións, etc.
Os seus espectáculos combinan a nosa rica tradición cultural con historias máis actualizadas para sensibilizar aos máis novos coa música, a poesía e a defensa e coidado do medio a través dos contos e as cantigas.
Pero nesta ocasión, inaugurando o "Mes das Letras", quixo tamén render homenaxe a Carlos Casares no ano no que se lle adica o día das Letras Galegas 2017: a partir dunha presentación sobre o escritor, o Bardo Abelardo foinos levando por algunhas das súas obras máis coñecidas, presentándonos a Leoncio, o inventor da bomba da Felicidade, e outras historias máis, adaptadas tamén para podelas cantar acompañados da súa concertina
Ademais da imaxe que podedes ver aquí, podedes ver o resto das fotos e ver os vídeos desta tarde premendo AQUÍ.
E se queredes coñecer máis a Servando Barreiro, visitade o seu blogue premendo AQUÍ.

Ningún comentario:

Publicar un comentario