mércores, 15 de abril de 2020

DÍA MUNDIAL DO LIBRO

Un chasco acompaña o cartel deste ano.
O próximo 23 de abril celébrase o Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor, e neste 2020 o cartel semella estar inspirado no noso proxecto sobre as aves. É unha mágoa que non poidamos celebralo no cole, organizando os apadriñamentos e amadriñamentos lectores que tanto nos gustan, enchendo cada un dos recunchos do centro de lecturas de todo tipo. 
Pero tamén é certo que non quero que o grande acaparador de todas as noticias actuais, o coronavirus, nos impida celebrar unha das nosas datas preferidas. Así que quero facervos unha proposta para que participedes todas e lle amosemos a este e a calquera outro virus que a lectura segue a ser imprescindible nas nosas vidas!!! 
Cóntovos en que consistirá. O texto que acompaña o cartel desta edición está escrito por Manuel Gago, e podedes lelo completo premendo sobre a imaxe da dereita. Nel destaco a seguinte afirmación: 

"Cada libro que lemos queda gardado no noso peito como semente, paxaro ou xabarín".

Non me digades que non está pensado para nós!!! Pois trataríase xustamente diso: elixir un libro que teñades gardado no voso peito, no voso corazón. Xunto ao título e o autor do libro que elixades, escribiredes tamén cal é o motivo polo que ocupa ese privilexiado lugar. Ademais, podedes acompañar o texto cunha fotografía na que saiades vós e o libro. E xa que se trata dunha celebración que facemos nun momento tan especial, será aínda máis inesquecible se participades toda a familia!!! Así que espero as vosas respostas ata o vindeiro xoves, 23 de abril. 

Resumindo:

1-Elixir un libro que vos chegara ao corazón, dicindo o título e quen o escribiu.
2-Contar brevemente por que o elixides.
3-Facer unha foto co libro (opcional).
4-Enviar ao correo da biblioteca do cole (bibliotecavictorsaenz@gmail.com) ou por Tokapp ata o 23 de abril.

Animádevos a participar, FAMILIAS!!!!


1 comentario: