luns, 29 de abril de 2019

PROGRAMAS PARA O I CONCURSO DE PODCASTS

Non imaxinades o contenta que estou!!!! A Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, en colaboración coa Radio Galega (CRTVG), e dentro do contexto do Plan LIA de Bibliotecas Escolares (Lectura, Información e Aprendizaxe), convocou este mes o I Concurso de Podcasts-Radio na Biblio. Pareceunos moi interesante e atractivo, xa que a temática proposta é o patrimonio (material e inmaterial) de Galicia, e en Mazaricos temos moitos exemplos dentro deste ámbito dos que sentirnos orgullosas e orgullosos!!! 
Por iso, e tendo en conta que só podiamos enviar tres gravacións, eliximos os tres temas que máis nos gustaron en cada grupo ao que se lle fixo a proposta: Infantil, 1º e 2º de Primaria e 5º e 6º de Primaria.

En Infantil quedáronse co mazarico, ese paxariño tan especial que dá nome ao noso concello, e do que as nenas e nenos de 3, 4 e 5 anos contan tamén outros datos moi interesantes. Podedes escoitar o seu programa no seguinte enlace:



En 1º e 2º escolleron un símbolo da nosa parroquia, os sancosmeiros, eses sombreiros tan característicos e que algunhas persoas loitan porque non se perda a tradición de seguir facéndose. Seguro que hai moitas cousas que non sabiades sobre eles. Prestade atención ao seu programa:



En 5º e 6º, emocionados e emocionadas como andan co formato "entrevista", pensaron que o mellor era quedarse cun dos pratos que máis nos diferencian do resto de Galicia, o bolo do pote, e invitar a algunhas das mellores cociñeiras do contorno para que nos contaran algúns segredos sobre o mesmo. Foi así como convidamos a participar en "Radio Rosiña" ás avoas e nais do grupo, e así recibimos a tres magníficas cociñeiras, que encheron o noso estudio de sabedoría, entusiasmo e moitísimo cariño hacia todas as persoas que alí as recibimos. 
Mª del Carmen, María e Mª Carmen son unhas grandes comunicadoras
Moitísimas grazas a Mª del Carmen, María e Mª Carmen por acompañarnos nesta aventura!!!! Escoitade o ben que falan estas fermosas mulleres:



E con moito cariño foi feito tamén cada un destes programas, porque poderemos gañar o concurso ou non, pero a experiencia xa a vivimos coma un dos mellores momentos do cole, deses que, estou segura, non esqueceremos... 



Ningún comentario:

Publicar un comentario