Este venres estivemos en A Coruña. A diferenza doutras veces, levamos 2 autobuses, xa que as actividades previstas eran diferentes e, debido ás previsións meteorolóxicas, decidimos que a mellor opción era estar de volta para xantar no cole. Nun bus saíron as nenas e nenos de
Infantil, 1º e 2º de Primaria, acompañados dos mestres
Patricia, Manoli, Sonia e David. Este grupo asistiu a un
concerto didáctico no
Palacio da Ópera, onde escoitaron algúns temas tradicionais dalgunhas rexións de África, acompañados por instrumentos populares africanos, coma o djembé, o caxixi ou a kalimba.
O outro autobús levou ás rapazas e rapaces de 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria, coas mestras
Marina, Teba e Susi, ata o polígono de Sabón, en Arteixo, para coñecer as
instalacións de La Voz de Galicia. Aquí foron recibidos por Nazareth Díaz, quen lles ensinou as instalacións deste xornal, explicándolles brevemente en que consistía o traballo que se facía en cada unha delas. Entraron na
redacción central, espazo que ocupan as e os periodistas; despois coñeceron a
sala de impresión e viron as xigantes rotativas coas que conta este periódico, aínda que non puideron velas en funcionamento; a continuación fixeron unha parada no
almacén de papel e, por último, visitaron o
Museo, no que puideron retroceder centos de anos en canto aos aparatos empregados antes de que se modernizara a imprenta. Foi moi interesante aínda que se bota de menos non poder ver o funcionamento real do periódico: periodistas nos seus postos, as rotativas en funcionamento, a carga de camións para o reparto, etc.
Premendo sobre as imaxes podedes ver o resto das fotos destas actividades.
Ningún comentario:
Publicar un comentario