sábado, 18 de febreiro de 2017

IREMOS AO PALACIO DA ÓPERA

O vindeiro martes volvedes ir de excursión!!! Nesta ocasión para asistir a un concerto no Palacio da Ópera, que xa coñecedes porque o vistes en xaneiro. Lembrádesvos? Puidestes ver o interior do edificio, o que pouquísimas persoas tiveron a oportunidade de ver: a parte traseira, onde se gardan os instrumentos, onde se colocan os decorados para as obras que os requiren, e tamén os camerinos (incluso o do director!!!) ou as salas especiais.
O martes, sen embargo, sentarémonos nas butacas, para asistir como público a un espectáculo baseado en historias relacionadas co mar, nas que se inspiraron dous grandes compositores do século XIX e XX: Richard WAGNER e Benjamin BRITTEN. Se premedes sobre os seus nomes, podedes ver as entradas no blogue de música.
Os encargados de interpretar as obras elixidas son os músicos da Orquestra Sinfónica de Galicia, dirixidos por DIEGO GARCÍA RODRÍGUEZ. Diego naceu en Escarabote, Boiro (A Coruña). É director artístico e musical do Taller Atlántico Contemporáneo (T.A.C.), no cal desenvolve unha intensa actividade na difusión da música contemporánea e a súa interrelación con outras disciplinas artísticas.
Dirixiu tamén varias orquestras como director invitado, tanto en España (Real Filharmonía de Galicia, a Orquestra Sinfónica de Galicia, a Orquestra Filarmónica de Málaga, a Xoven Orquestra da  Sinfónica de Galicia) coma noutros países (Francia, Polonia, Inglaterra). 
Pero tamén ten un amplo percorrido dirixindo óperas, entre as cales "Carmen", de George BIZET e "La Traviata", de Giuseppe VERDI, son as máis coñecidas. 

Neste concerto, ao tempo que escoitaremos a abertura de "O holandés errante" de WAGNER, e os "Catro interludios mariños" de BRITTEN, escoitaremos tamén as historias que nos irá contando QUICO CADAVAL, coa intención de transportarnos á beira do mar.
Quico Cadaval é un destacado actor, director e dramaturgo nacido en Ribeira (A Coruña). Ademais das obras que estreou como director, tamén participou en varios festivais de narración oral e tamén traballou como actor na televisión. Ademais, tamén imparte xornadas e congresos nos que ensina e transmite o seu saber e o seu amor pola súa profesión.
O seu bo facer foi recoñecido con premios tan importantes coma o Premio Cultura Galega, o Premio Max, o Premio María Casares ou o Premio Coruxa do Humor. 

Agora só queda... DESFRUTAR DO CONCERTO!!!


Ningún comentario:

Publicar un comentario