mércores, 22 de febreiro de 2017

DÍA DE ROSALÍA

O 24 de febreiro de 1837 nacía en Santiago de Compostela unha das escritoras máis importantes da nosa literatura, aínda que por diversas circunstancias non escribiu todas as súas obras en galego.Tivo unha vida difícil, tanto no aspecto profesional coma no persoal. Dende hai varios anos, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) propón á cidadanía que agasalle un libro en galego e unha flor, ademais doutras accións que están sendo moi ben acollidas por parte da sociedade, e moi especialmente polo sector educativo. E tamén nós queremos sumarnos a esta fermosa iniciativa, que nesta ocasión quixemos unir ao Entroido e ao tema do noso proxecto este curso: a música.
É por isto que decidimos celebralo xusto antes do día do festival de Entroido, elaborando unha careta que nos transformará en Rosalía por un momento, e escribindo un dos seus poemas máis versionados: "Negra Sombra" (incluído no seu libro "Follas Novas", publicado en 1880). É certo que se trata dun poema moi triste, pero tamén un dos máis coñecidos. En 1892 Xoán Montes púxolle música e desde entón foi interpretado e gravado por numerosos artistas: diversos coros, Luz Casal, Carlos Núñez, Pucho Boedo, Amancio Prada, Al Bano, María do Ceo, Astarot...
Aquí vos deixo a versión do Orfeón Terra a Nosa:


Nesta outra, podedes ver á cantante portuguesa Maria do Ceo interpretándoa en directo:


Unha versión totalmente diferente é a que ofrece o grupo Astarot, que podedes ver e escoitar neste vídeo en directo:


E queredes saber onde tivo lugar o estreno do poema musicado por Xoán Montes? Pois en Cuba!!! No seguinte vídeo podedes coñecer moitos máis datos sobre a figura de Rosalía e o seu poema "Negra Sombra". Para velo, preme AQUÍ.
No cole ímolo celebrar nun acto conxunto durante a "Hora de Ler" mañá, 23 de febreiro, no que ademais leremos o manifesto escrito pola escritora Ledicia Costas para esta ocasión:

Manifesto

da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)

no Día de Rosalía de Castro 2017
En Galicia existen infinitas formas de amencer: abrente, alborada, clarexa, luzada, rompente. A lírica que abraza os versos de Rosalía posúe as cores reveladoras da primeira luz.
Imaxino a Rosalía no século XIX e vexo unha muller que se aferra ás palabras sen complexos e fai con elas o que o corazón lle pide ao oído en cada instante: fitas de encaixe, diamantes, armas de construción masiva ou versos predestinados a furar as conciencias e facer cambalear os piares do inmobilismo.
Esa é ela. Unha xigante que non precisa respiración asistida, nin prantos, nin ritos florais. Os pulmóns da súa obra aférranse ao futuro e ínflanse coa forza dun país que respira cultura por cada fenda.
En Galicia existen infinitas formas de querer e nós querémoste paxaro, lume, emoción. Querémoste eléctrica e lúa. Insubmisa e valente. A voz que hoxe portaría unha pancarta na cabeza dunha manifestación contra a violencia machista ao berro de: Basta xa, querémonos vivas! A que quedaría afónica de solicitar, día tras día, unha maior presenza do galego na escola, na rúa, na vida. Na Galicia nosa que se estremece por momentos.
Imaxino a Rosalía e véxoa afirmando: Son muller e son galega. Reivindícome como escritora na miña propia lingua e non consinto que ninguén apague a miña voz. Estou tan viva que os meus versos rabuñan as paredes do panteón de galegas ilustres ata facelas sangrar. Négome a ser unha estranxeira exiliada na miña patria. Quero abarcar toda a luz e contaxiarte.
En Galicia existen infinitas formas de chover,
Como chove miudiño,
como miudiño chove,
pola banda de Laíño,
pola banda de Lestrove.
E con esa maxia pronuncio: babuxa, chuvisca, poalla, chuvieira, barruzo, dioivo. A lírica que arroupa os versos de Rosalía é un bico anfibio. Debaixo da auga nada a pracer, presumindo das súas branquias. Fóra dela, quita o traxe de escamas, mete as mans na terra e arrinca un libro e unha flor. Esa coa que hoxe queremos agasallar ao mundo. RosalíaTe!
Ledicia Costas


Ningún comentario:

Publicar un comentario