mércores, 5 de febreiro de 2020

"VOAMOS" ATA A RÍA DO BURGO CON ANTONIO SANDOVAL!!!

Antonio Sandoval Rey falando para todo o cole.
A de hoxe foi unha xornada que non esqueceremos, xa que realizamos unha das actividades máis bonitas ás que nos está levando o proxecto sobre as aves: saír á natureza para observalas!!! E ademais fixémolo ao grande, xa que organizamos unha excursión ata A Coruña!!! Alí esperábanos Antonio Sandoval Rey, quen nos acompañou facendo un percorrido pola ría do Burgo ao tempo que nos comentaba que tipo de aves eran, desde onde viaxaban, algunhas características do seu comportamento, etc. Foi toda unha sorte poder contar con Antonio para esta saída, xa que ademais de ornitólogo é escritor, e colabora mensualmente en "La Voz de la Escuela", o suplemento semanal que recibimos desde 4º a 6º de Primaria. A través dos seus textos descubrimos que era un apaixonado paxareiro, así que ao longo destes cursos xa puidemos ler varios artigos seus sobre as aves. E hoxe compartimos con el un fermoso día no que tivemos a sorte de ver corvos mariños, virapedras, garzas, garzotas, gaivotas, píllaras, cisnes... E mesmo algúns tímidos cullereiros.
Puidemos manexar telescopios e prismáticos profesionais.
Despois entramos no Xardín Botánico, onde Alberto Monteagudo, o compañeiro de Antonio, nos explicou en que consistía o anelamento de aves, ensinounos algúns tipos de aneis e outros materiais relacionados con esta actividade. Pero o que máis nos gustou foi poder ver de preto algúns fermosos paxariños que Alberto nos amosou con moito coidado: un par de paporroibos, unha papuxa das amoras e un picafollas
Pasámolo xenial e todas as persoas regresamos moi contentas desta fermosa mañá de febreiro. Non sabemos se algunhas se chegarán a adicar á ornitoloxía, pero o que si é seguro é que no cole xa hai un grupo de paxareiras e paxareiros a ter en conta!!! 
Desde aquí queremos agradecer a Antonio e Alberto a súa amabilidade para realizar esta actividade; sabemos que non é fácil organizar cousas que capten a atención de idades tan distantes. Vós conseguístelo, así que NORABOA!!!
Premendo sobre as imaxes poderedes ver máis información e as fotos que fixemos, e se premedes AQUÍ atoparedes algúns vídeos curtiños.
Ao rematar a excursión fixemos esta foto de grupo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario