venres, 9 de xuño de 2017

UNHA SESIÓN DE ROCK CON VÍCTOR DE LAXE

Víctor de Laxe é un marabilloso rapaz de Laxe que visitou o noso centro este venres. Ademais, Víctor é un músico profesional namorado do rock, e por iso aceptou a invitación que lle fixemos: facer un percorrido pola historia deste estilo musical. 
Foi así como, a través de vídeos e de pequenos fragmentos musicais que tocaba o propio Víctor (coa guitarra, o baixo ou a harmónica) puidemos ver e escoitar como evolucionou o rock desde os seus comezos ata agora. E incluso nos amosou como se baila o rock and roll, aínda que aquí o público amosouse un pouquiño tímido... 
Tamén cantamos con Víctor as cancións que nos propuxo ter preparadas ("La plaga" e "Rock del primitivo"), aínda que ao final moitas das nenas e nenos conseguiron que o noso invitado tocara os acordes de cancións que coñecían moito mellor.
E rematamos baixando ao patio para montar unha curta batukada, xa que o tempo non deu para máis. Que ben o pasamos!!! Moitas grazas por vir, Víctor!!! Esperamos que marcharas coa mesma satisfacción coa que nos deixaches a todos nós aquí. 
E como seguro que queredes ver as imaxes dese día, podedes premer AQUÍ.

Ningún comentario:

Publicar un comentario