luns, 1 de maio de 2017

DO, RE, MI, MOZART XOGA AQUÍ

Títeres CachiruloA compañía "Títeres Cachirulo" instalou o seu escenario na nosa biblioteca. Con motivo das actividades adicadas ao Día do Libro, trouxemos un espectáculo de marionetas moi musical: "Do, re, mi, Mozart xoga aquí". As marionetas de fío talladas en madeira cóntannos como recibe o neno Mozart a invitación do emperador para tocar en Palacio. Isto esperta a envexa e desconfianza do mestre de cámara, que intentará impedir a celebración do concerto. Pero este neno, vivaz e alegre, sedúceo coa súa xenialidade musical, incorporada nos seus xogos e quefaceres cotiáns.
Este espectáculo, que xa leva varios anos coa compañía, levou o Premio ao Mellor Espectáculo de Marionetas no 4º Festival Iberoamericano de Teatro "Cumbre de las Américas", celebrado no 2008 en Arxentina.
E eu, que estiven observándovos desde que comezaron a aparecer os distintos personaxes sobre o escenario ata que rematou a historia, podo asegurar que no cole desfrutamos moitísimo con esta aventura a través das marionetas manipuladas por Jorge Rey e Carmen Domech, que nos tiveron totalmente hipnotizados durante algo máis de 1 hora. Manipuladas e creadas, xa que eles mesmos son os encargados do seu deseño e a súa elaboración!!!
Ademais de entreternos moitísimo con esta historia, tamén nos brindaron a oportunidade de ver a parte de atrás do escenario, onde colocan as marionetas, contándonos como as manexan e mesmo permitíndonos que nós mesmos as probaramos. 
Foi todo un pracer para nós; esperamos que tamén Jorge e Carmen leven un bo recordo do noso centro e volvan visitarnos en máis ocasións.
Seguro que queredes ver as fotos!!! Pois premede AQUÍ!!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario