venres, 31 de outubro de 2014

SAMAÍN 2014

Este ano celebramos o Samaín desfrutando non só coas actividades programadas, senón tamén dun tempo marabilloso que nos enche a todos/as de bo humor e moita enerxía. Será por iso que trouxemos ao cole unhas cabazas moi ben decoradas e con moitas alusións ao cine, o tema do proxecto deste curso. Así puidemos ver dende directores de cine, equipados con todo detalle, ata algún actor ou varios protagonistas de películas moi coñecidas por todos vós!
Entre todas elas, os nenos e nenas do cole elixístedes unha, e despois de sumar todos os votos obtidos, saíron 3 cabazas gañadoras que esta mañá recolleron o seu premio no cole. Lembrades cales foron?
Un premio foi para IRIA LÓPEZ CARREIRA (3º de Ed. Primaria), pola súa cabaza reconvertida en Spiderman, un dos personaxes de cómic máis coñecidos; outro para PAULA BARCIA BLANCO (1º de Ed. Primaria), que a transformou en Minnie Mouse; e un primeiro premio para JULIA PEREIRA FACAL (6º de Ed. Primaria), polo seu simpático Minion. As profes Isabel, Cruz e Rocío entregáronlles os agasallos:



Pero houbo un montón de cabazas máis que alegraron o noso corredor durante esta semana. Como sabemos que vos encantará velas de novo, aquí as tedes!

Durante esta semana tamén convocamos o "V Concurso de Relatos de Medo". E que sucedeu? Pois que Rosiña pasou unhas noites tremendo coas historias de todos vós, pero houbo algunhas que lle fixeron pensar que estaban rodando unha peli de terror nos prados que hai ao redor do colexio e do cemiterio. Ai, que malas noites pasou estes días!!! E os "culpables" foron: a historia "O monstro papanenas", que idearon en EDUCACIÓN INFANTIL; "O medo e o terror", de PAULA MANEIRO BERGANTIÑOS (2º de Ed. Primaria); "A resurrección imposible", de ANDREA LABANDEIRA OTERO (4º de Ed. Primaria); e "Os tres directores: o bo, o vello e o malo", de FROILÁN MUÑIZ PONTE (6º de Ed. Primaria). Si, si, aquí teñen cara de boas persoas os tres, e coas mestras que lles entregaron o agasallo, pero lede as súas historias! Pasarédelo de medo!!!





E finalmente chegou o momento de probar as nosas elaboracións gastronómicas: mandarinas que transformamos en cabazas, plátanos que se converteron en pantasmas, salchichas que semellaban dedos sanguentos, sándwiches que parecían momias, vasoiras de meigas, queixos que se transformaron en ollos ou ratiños... E comémolo "todito, todito"...

Pola tarde o cole converteuse nun cine, onde se proxectaron varias películas en diferentes "salas": en Infantil dúas curtametraxes de Disney ("A danza dos esqueletos" e "A casa encantada"); no 1º ciclo, "O alucinante mundo de Norman"; no 2º, "Frankenweenie"; e no 3º, "O Apóstolo". Moito medo a verdade é que non pasamos, pero desfrutamos moito da sesión cinematográfica e, ademais, por primeira vez estivo acompañada de... FLOCOS DE MILLO!!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario