martes, 21 de outubro de 2014

CINE DE ANIMACIÓN E SAMAÍN

     Estes días estamos aprendendo o que é o CINE DE ANIMACIÓN, o que todos chamades "debuxos animados".
    Aproveitando esta circunstancia e que pronto estaremos celebrando o Samaín, Rosiña quere compartir con vós tres das primeiras curtametraxes de Disney.
  • A primeira delas foi rodada en 1929 e titúlase "The Squeleton Dance" (traducida como "A danza do esqueleto"). Na curta un grupo de esqueletos bailan e crean música nun tenebroso cemiterio, e os esqueletos usan o son das árbores e dos animais para acompañar o seu baile. Esta curta foi a primeira dunha serie titulada Silly Symphonies de Walt Disney. As notas musicais desta curta animada foron creadas por Carl Stalling, que logo crearía a música doutras curtas de Disney. Moita xente quedou impresionada con "The Skeleton Dance", debido a que os personaxes non falaban.


  • A segunda delas tamén  foi rodada no mesmo ano, 1929, e titúlase "The haunted house" (traducida  como "A casa encantada") e xa tiña como protagonista ao noso querido Mickey Mouse. Nesta curtametraxe Mickey Mouse terá a fortuna de atopar acubillo nuha casa durante unha tempestade. Unha casa encantada por misteriosos personaxes que desencadearán unha morea de situacións divertidas.  


  • A terceira curta titúlase "Trick or treat" ( traducida como "Truco ou trato") e foi filmada no ano 1952. Como veredes, xa está filmada con cor. As dúas anteriores estaban filmadas en branco e negro. Esta está en inglés e parécenos interesante para ver coa profe de inglés. No día de Halloween, Juanito, Jorgito e Jaimito van pedir lambetadas á casa do seu tío Donald. E este, en lugar de darlles caramelos, dálles uns petardos que explotan. A bruxa Hazel, que presenciou o que pasou, vailles axudar aos rapaces a conseguir os seus caramelos.

    Esperamos que disfrutedes destas curtas animadas tan antigas pero, á vez, tan fermosas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario