Convidados pola Coordinadora Galega de ENDL, o pasado 12 de novembro participamos nunha videoconferencia a través da web, celebrando así o "IV Día da Ciencia en Galego". O alumnado de 4º, 5º e 6º de Primaria asistimos á videoconferencia impartida por Marilar Aleixandre. A Marilar coñecémola moito na Biblioteca pola súa creación literaria para rapaces/zas: O trasno de Alqueidón, A formiga coxa ou Lapadoiras, Sacaúntos e Cocón podedes atopalos na nosa colección. Pero, ademais de escritora é toda unha experta en Ciencias Naturais, e así nolo demostrou o pasado martes, ofrecéndonos unha interesante conferencia baixo o título "Benqueridos insectos". A través de fermosas fotografías, anécdotas e estudos científicos deixounos ben claro que estes pequenos bichiños teñen un papel fundamental no equilibrio do noso planeta: sen eles non poderiamos vivir!!!
Para que non esquezamos nada do que aprendemos nesa xornada, Marilar Aleixandre deixou á nosa disposición a presentación que elaborou para todos nós:
E aquí tedes algunhas das imaxes dunha entretida mañá de ciencia en galego!
Ningún comentario:
Publicar un comentario