Esta semana fomos de viaxe. Cantas ganiñas tiñamos!!! Nesta ocasión, o noso destino foi A Coruña, onde visitamos o Museo de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa, que se atopa á entrada da cidade. Pasamos alí case todo o día e aínda botariamos máis tempo, porque o pasamos moi ben e aprendemos un montón de cousas!!! Non fomos todo o cole, pero case: todas as persoas que quixeron e puideron desde os 5 anos ata 6º de Primaria, xunto coas nosas mestras e mestres, vivimos unha fermosa experiencia nun lugar que mereceu moito a pena.
Fixemos dous grupos: un desde 5 anos ata 3º de Primaria e outro desde 4º a 6º. O primeiro visitamos a exposición "Os rostros do naufraxio", baseada nos retratos. A través dalgunhas das obras da exposición, puidemos observar diferentes técnicas de captura e reprodución de imaxes en movemento. Tamén vimos un vídeo no que saía FÉLIX FERNÁNDEZ!!! Si, o mesmiño que nos visitou no cole no primeiro trimestre!!! Non puido estar con nós no Museo porque é un artista tan solicitado que non para, e nós contentísimas/os de que lle vaia tan ben!
Pola tarde, despois de comer a comida tan rica que nos prepararan nas nosas casiñas, fixemos un obradoiro case máxico. Consistía en construír o dedo da nosa guía coma se fora real!!! E conseguímolo!!!
O grupo de 4º a 6º visitamos a exposición "Narrativas monumentales", fixándonos sobre todo en tres esculturas creadas con materiais ben pesados: o aceiro, a madeira e o granito. Sorprendéronnos moito e descubrimos tamén algúns trucos para que esas obras se mantiveran en equilibrio de xeitos ben diferentes aos que estamos acostumados a observar nos edificios que nos rodean.
Pola tarde tamén visitamos a exposición baseada na figura humana "Os rostros do naufraxio", e rematamos cun obradoiro moi entretido: por equipos, tiñamos que continuar unha historia que comezaba igual para todos os grupos. Despois de redactala, había que decidir que papel iba realizar cada unha das persoas do equipo, aportando todas elas unha parte do seu corpo: unha persoa que xesticulase (rostro), outra que se movese (corpo) e unha máis que falase (voz). Todo para realizar un truco escénico que nos encantou: mentras o locutor narraba a historia, unha cámara gravaba os primeiros planos do rostro doutra das persoas do grupo, e a gravación víase nunha pantalla que se encaixaba na cabeza doutra das persoas.
Pero, coma en moitas outras ocasións, a través das fotografías podemos ver moito do que nos aportou esta visita, que non foi pouco. Encantadísimas/os todas/os nós coas persoas que nos recibiron no MAC para ensinarnos tantas e tan interesantes cousas. Moitísimas grazas a todas!!!
Ningún comentario:
Publicar un comentario