venres, 5 de xuño de 2015

XORNADA DE CONVIVENCIA

Un ano máis, no cole celebramos unha xornada de convivencia para despedir o curso. Certo é que aínda quedan un par de semaniñas, pero reservamos o primeiro venres de xuño con bo tempo para ir todos xuntos a Balarés. Este lugar encántanos pola súa beleza, pola súa cercanía, pola comodidade que o seu piñeiral ofrece para organizar o xantar e a colocación dos hinchables, etc. 
Nesta ocasión, ademais, descubrimos unha nova ruta que fixemos camiñando todas as persoas que se animaron a percorrer os 5 km. que separan a praia de Balarés de Corme, guiados por Javier. O traxecto, coñecido como PR-G 148 (ruta de pequeno percorrido), ofrece unhas panorámicas excepcionais de Laxe e Corme. Pasamos tamén pola "Pedra da Serpe" e ao carón dunha praia en forma de media cuncha: a "Praia da Ermida", frente á cal se pode observar a Illa da Estrela. Chegando xa a Corme, vemos a praia de "O Osmo", e á súa esquerda unha pequena furna chamada "A furna dos encantos", na cal se celebra un festival de música no mes de agosto, que cambia de data e hora dependendo das mareas. 
Uns metros máis adiante atópase Corme, pobo moi coñecido polo seu faro ("O Roncudo"), onde se di que se atopan os mellores percebes do mundo!!!
O resto do día pasámolo diante da praia de Balarés, onde despois de degustar unhas exquisitas pizzas e empanadas, rimos un bo rato coa actuación do mago que contratou a ANPA para a ocasión, ademais de pasalo de medo nos hinchables e no toro mecánico. E claro, con tanta actividade entrounos unha sede enorme e, ademais de refrescarnos co xeado co que nos convidou a ANPA, atacamos a froita antes de regresar a San Cosme.

PASÁMOLO MOI BEN!!! O importante é desfrutar da compañía e compartir unha xornada de festa; moitos lugares poden ser fermosos para iso, e dende logo Balarés é un deles!!!
E como estaredes desexando ver as fotos que nos fixo o profe David, aquí van:

Ningún comentario:

Publicar un comentario