sábado, 20 de xaneiro de 2018

PREPARANDO O ENTROIDO

Esta semana entrei na sala de profes e enriba da mesa atopei un sombreiro cargado de adornos que tiven que probar nada máis velo!!! Encantoume!!! Penso que vós aínda non tivestes a oportunidade de velo, pero xa a vindeira semana volo ensinarán as mestras e mestres do cole. Xa que este ano estamos traballando o tema do turismo e o patrimonio, así como participando no proxecto "Mirando polo Camiño", pensamos que era unha boa idea participar na recuperación dun dos Entroidos máis importantes do concello de Mazaricos. Trátase do Entroido de Arcos, do cal nos informamos a través de traballos de investigación de Suso Jurjo. Está formado principalmente por tres grupos: o exército dos panos, o coro dos vellos e o coro dos cegos. O exército dos panos era o grupo máis numeroso. Ían vestidos de branco, calzados con botas de cana alta e con varios panos nos ombros, cruzando o torso; nos pulsos prendían outros panos máis pequenos a modo de brazaletes. Levaban a cara descuberta e na cabeza un tocado moi vistoso, feito de cartón e adornado con plumas e pequenas xoias. Todos ían armados de espada.
Á fronte estaba o abandeirado, seguido polo xeneral, normalmente montado nun cabalo. Regardando ao xeneral, unha parella de gardas civís. Despois, o groso do exército. Primeiro desfilaban e seguidamente facían unha serie de movementos para rematar en rolda; algúns cantaban e tocaban a pandeireta, acompañando ao bailador e á bailadora.

Parece que a orixe destes desfiles militares está nas guerras napoleónicas de comezos do século XIX; hai que ter en conta que durante a Guerra da Independencia, Mazaricos enfrontouse aos franceses na Batalla de Ponteolveira.

A idea, pois, é disfrazarnos do exército dos panos. A proposta, que casualmente tamén fan dende o concello, levarase adiante nos tres centros do concello, que invita a participar o sábado de Entroido nun desfile en A Picota. Pero, antes diso, teremos que preparar os nosos traxes para o vindeiro 9 de febreiro!!!!
 
Aquí vos deixo algúns documentos para que aprendades moito máis sobre esta tradición que non debemos perder: 

-Para ver o vídeo "O Exército dos Panos volverá desfilar no Entroido de Mazaricos" preme AQUÍ.
-Para ver o vídeo "Mazaricos despide o Entroido co desfile do Exército dos Panos" preme AQUÍ.
-Para ver fotos e información sobre o Entroido de Arcos, preme AQUÍ.
-Para ler a noticia "Arcos recupera el viejo entroido", preme AQUÍ.






Ningún comentario:

Publicar un comentario