mércores, 1 de novembro de 2017

CELEBRAMOS O SAMAÍN

Rematou outubro e para despedilo, hoxe celebramos o Samaín no cole. Ao coincidir en martes, poucos días tivestes para decorar o corredor da escola coas cabazas que elaborastes nas vosas casas. Estou marabillada coas creacións que ides realizando ano tras ano, cada vez máis creativas e sorprendentes; non hai límite para a vosa imaxinación. Para ver o fermosas que quedaron premede AQUÍ.


Hoxe, a primeira hora, realizamos un obradoiro de música no comedor, onde cantamos dúas cancións sobre esta data: "O Samaín", de Uxía Lambona e a Banda Molona, e "Zombie Jamboree", de Rockapella. Ademais de transformarnos en personaxes monstrosos, tamén bailamos o limbo, co que nos divertimos moito vendo as dificultades que nos ía dando o descenso da barra que caracteriza este baile. Premede AQUÍ para ver o resto das imaxes.



A continuación, convertémonos en cociñeiros terroríficos, facendo estes petiscos que papamos antes de saír ao recreo. Para ver como fixemos premede AQUÍ.






Ao regresar do recreo, e coa axuda dalgunhas mamás, fixemos un obradoiro de maquillaxe no comedor, onde cada persoa foi elixindo o tipo de personaxe co que quería ser caracterizado: zombies, arañas, fantasmas, vampiros e vampiresas foron algúns deles, pero tamén había algún lobishome e algunhas bolboretas.  Podedes velas todas AQUÍ. Moitísimas grazas a Sonia, Lupe e Cris por botarnos unha man nesta actividade!!!

E, por último, entregamos os premios ás cabazas máis votadas e aos relatos que máis medo lle deron a Rosiña... 
O 3º premio nas cabazas foi para Zaira e Joel Núñez Tuñas. Coincidiu que son irmáns e que as súas cabazas empataron en puntuación!!! A de Zaira (Infantil-3 anos) representaba a praia de San Francisco, en Louro, fermoso lugar para pasar as vacacións de verán; Joel (4º de Primaria) preferiu o campo para levarnos de viaxe.

O 2º premio tamén estivo inspirado na praia como destino turístico. Para iso, Martina Pereira Tuñas (2º de Primaria) cubriu unha bandexa con xelatina azul e pan raiado, sobre o que colocou unha cabaza tomando o sol:


O 1º premio levouno unha auténtica obra de arte: a cabaza elaborada por Paula López Sanchiño (3º de Primaria), que resume moi ben a idea da temática do proxecto deste curso, tendo en conta sobre todo o patrimonio cultural etnográfico da nosa comarca:

En canto ás historias de medo, o próximo xoves serán lidas na biblioteca durante a "Hora de Ler", pero hoxe xa desvelamos quenes son os creadores destes terroríficos relatos:
En Infantil, toda a aula, que escribiu "Os vampiros de París"; en 2º, Sara Labandeira Gerpe, coa historia titulada "A nena que soñaba con monstros"; en 4º, Jorge Lema Zamora, con "As viaxes do terror"; en 6º, Iria Blanco del Río, quen escribiu "O trasno da ponte de Brandomil" e o premio especial foi para "O Bosque", escrito por Andrea Carballo Pombo (6º de Primaria).

Podedes ver o resto das fotos premendo AQUÍ.

NORABOA A TODAS E TODOS!!!!






Ningún comentario:

Publicar un comentario