martes, 20 de setembro de 2016

O TEMA PARA O PROXECTO DESTE CURSO É...

Ola, rapaciñas e rapaciños!!!
Como estades? Eu sigo no Brasil. Onte remataron os Xogos Paralímpicos, nos que España conseguiu un total de 31 medallas, a grande parte delas en natación, como as que gañou a nosa coñecida TERESA PERALES. A festa destes grandes deportistas paralímpicos coincidiu coa cerimonia de clausura: a pira non se acenderá ata dentro de 4 anos a miles de quilómetros de Río: os próximos Xogos Olímpicos celebraranse en Tokio.
E eu, durante estas semanas no Brasil, ademais de desfrutar dos acontecementos deportivos, tamén quixen coñecer a fondo esta cultura, así que aproveitei todo o que puiden: viaxes, espectáculos, xuntanzas con amizades, películas, encontros con persoas relacionadas co mundo da literatura, cociñeiros e cociñeiras, etc. Tantas cousas que non vou ter tempo para contárvolo todo!!! 
Pero o que si vos quero dicir é que houbo unha cousa que me sorprendeu moitísimo: a CAPOEIRA. Descoñecía por completo o que era isto, e a primeira vez que puiden ver un espectáculo de capoeira quedei marabillada. Introducida no Brasil por descendentes africanos sobre o século XVI, é unha arte marcial que combina danza, música e acrobacias. Caracterízase polos movementos de pernas e brazos e polos saltos. Tradicionalmente practicábase ao ritmo do "berimbau", que é un instrumento de corda percutida, pero na actualidade tamén se empregan outros instrumentos de percusión como acompañamento. Vendo o seguinte vídeo podedes facervos unha idea sobre como se leva a cabo:


E no seguinte podedes observar en que consiste unha clase de capoeira para nenos e nenas:

Bueno, non quero contarvos máis sobre a capoeira, pero si dicirvos que tanto me emocionei vendo aos brasileiros practicándoa que pensei: a capoeira ten algo de deporte e moito de música. Sobre o deporte xa investigamos, pero... sobre a MÚSICA non!!! Así que aquí vai a miña proposta: que tal se convertimos o 2016-2017 nun curso musical? Que banda/s sonora/s lle poñemos? 
Para empezar, anímovos a que me axudedes co lema. Chegarei na próxima semana, así que sería estupendo que xa o tiverades decidido!!! Veña, poñede xa esa creatividade en marcha; seguro que saen cousas tan atraíntes que non quedará unha soa persoa que non se enganche á biblioteca a través da música. Agardo as vosas propostas con tanta emoción que xa non sei se durmirei durante os próximos días...
Unha aperta enorme para todos, ARTISTAS!!!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario