Esta mañá viaxamos a un lugar moi preto xeograficamente -Cabana de Bergantiños-, mais moi lonxano no tempo: á Prehistoria. Visitamos o DOLMEN DE DOMBATE, considerado o monumento megalítico máis importante de Galicia. Realmente, o túmulo ou mámoa contén dous dolmens, aínda que o máis coñecido e de maior tamaño é o denominado Dombate "recente". Este foi construído arredor do ano 3700 a. C. e clausurouse como lugar de enterramento cara ao 2700 a. C. O Dombate "antigo" data de finais do V milenio e deixou de utilizarse co levantamento do novo dolmen. A mámoa que alberga os dous dolmens mide 24 metros de diámetro e 1,8 de altura, e está a uns 197 metros sobre o nivel do mar.
A visita completouse co visionado dun documental sobre os dolmens da Costa da Morte e un vídeo sobre a época coñecida como "Megalitismo".
A segunda parte da excursión consistiu nun obradoiro. Os grupos de Infantil, 1º e 2º de Primaria participamos en "As cores de Dombate: pinturas máxicas". Tamén nesta época tan lonxana a pintura era moi importante, para expresarse, para decorar os espazos, etc. Pero a maneira que tiñan de obter os pigmentos cambiou moito co paso dos anos. Centrándonos nesta arte, recreamos unha pintura Neolítica que agora forma parte da decoración do noso cole.
Os grupos de 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria realizamos un obradoiro no que descubrimos o proceso de transformación do barro desde que se recolle ata que se transforma nunha cerámica, converténdonos en oleiros moi creativos!
Deixámosvos tamén aquí algúns enlaces que poden resultar do voso interese:
-O home Neolítico, debuxos animados da serie "Érase una vez el hombre":
-Outro capítulo da mesma serie sobre os vales fértiles:
-O seguinte vídeo é sobre un documental adicado a esta antiga construción, centrándose en Antequera, na provincia de Málaga. Para velo preme aquí.
-Tamén podes ler máis información sobre o Dolmen de Dombate premendo aquí.
-Tamén podes ler máis información sobre o Dolmen de Dombate premendo aquí.
E a continuación podes ver as fotos desta histórica mañá:
Ningún comentario:
Publicar un comentario