mércores, 15 de maio de 2019

CELEBRAMOS OS MAIOS E O DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Fermoso e colorido MAIO grazas á vosa colaboración!!!
Pois si!!! Un curso máis chegou o momento de festexar unha das celebracións máis coloridas do ano: os maios!!! E que mellor fondo que esa pirámide chea de cores verdes, amarelas, brancas, rosas, violetas..., para entregar os premios do Concurso de Ilustración e Narración das Letras Galegas!!!
Grazas por colaborar enviando ao cole todas estas fermosas plantas!


Betty, Martiño e Valeria tamén axudaron moito!!!
Así fixemos esta mañá no cole, onde acompañamos o acto cantando un par de cancións: "O maio de As Nogais" e "O mazarico"... Como facía moita calor decidimos non facer a lectura dos textos gañadores, aínda que as súas autoras gravaranos para "Radio Rosiña" a vindeira semana, así que estade moi atentas aos podcast que se vaian publicando!!!
Mentras tanto, aquí (ou sobre calquera das imaxes) vos deixo as fotos para que lembredes o ben que o pasamos nesta xornada previa ao Día das Letras Galegas.

Desfrutade moito e lembrade o que dicía Antonio Fraguas, o homenaxeado este ano nesta celebración:


“Os libros son compañeiros infatigables, amigos sempre, os máis nobres, os que distraen, os que te fan pensar, que é unha das cousas que hai que facer.”

Íker, Laura, Paula e Aroa gañaron nesta ocasión o Concurso. NORABOA!!!
Podedes ver e ler as súas creacións no seguinte enlace:




martes, 14 de maio de 2019

VISITAMOS A EXPOSICIÓN DE LEONARDO DA VINCI EN SANTIAGO DE COMPOSTELA

Observando A Gioconda (en galego a alegre).
A xornada de hoxe fixemos unha viaxe a Santiago de Compostela, para visitar unha exposición moi relacionada coa ciencia: "LEONARDO DA VINCI: A EXPOSICIÓN", ubicada no Mosteiro de San Martiño Pinario. Despois de ver un vídeo sobre este xenio italiano, puidemos deternos nalgúns dos obxectos que conforman a exposición, agrupados segundo a temática, xa que Leonardo da Vinci (1452-1519) foi un auténtico polímota. Xa sei que esta é unha palabra pouco coñecida, pero entenderás o seu significado rapidamente: unha polímota é unha persoa que ten moitos coñecementos sobre diversos campos da ciencia, da arte ou das humanidades. Como Leonardo!!! Só hai que citar a cantidade de profesións nas que traballou: pintor, anatomista, arquitecto, paleontólogo, botánico, escultor, filósofo, inxenieiro, científico, escritor, inventor...
No apartado adicado á pintura vimos reproducións dalgúns dos seus cadros máis destacados: A última cea e A Gioconda ou A Mona Lisa, diante dos cales falamos dunha das técnicas nas que máis destacou o artista: o sfumato, que consiste en que non se noten as liñas, os bordos...

No apartado sobre os seus estudos sobre o corpo humano (anatomía), puidemos apreciar o grande coñecemento que sobre o mesmo tiña Da Vinci, onde non podía faltar o seu Home de Vitruvio.

Fermosa foto coa impresionante catedral de fondo.
Había tamén un apartado adicado á auga, onde vimos flotadores, un traxe de mergullador con escafandra e mesmo un prototipo de submarino...

Un último espazo estaba reservado ao voo, unha cuestión que sempre interesou ao artista renacentista.  

Desta maneira puidemos coñecer un pouco unha das figuras máis importantes de todos os tempos, xa que na actualidade aínda seguimos empregando os seus inventos, e iso que este ano cúmprese o 500 aniversario da súa morte!!!

E despois, camiñata pola zona vella de Compostela, que sempre é unha estupendísima opción, ata a Alameda, onde fixemos unha paradiña para xantar e xogar antes de regresar a San Cosme. Foi unha xornada estupenda, verdade?
Premede sobre calquera imaxe para ver todas as fotos!



O MAZARICO NO DIARIO CULTURAL

Aínda non escoitastes o programa que as nenas e nenos de Infantil, "O mazarico", emitiron en Radio Rosiña para o I Concurso de Podcasts-Radio na biblio? Pois hoxe mesmo saíu no Diario Cultural, onde ademais de escoitar aos representantes do cole de San Cosme, tamén podedes escoitar o resto dos programas gañadores nas diferentes modalidades:

Por último, na Modalidade IV obtivo premio "As lavandeiras", do IES Punta Candieira (Cedeira).

Desde "Radio Rosiña" queremos felicitar a todas as persoas implicadas nesta fermosa aventura que é a Radio na biblio, e por suposto a todas as persoas gañadoras deste I Concurso de Podcasts. E como sei que había moitos máis programas merecedores de ser premiados, quero tamén dar a noraboa a todas aquelas que presentaron as súas producións ao concurso, aínda que non aparezan na listaxe superior.

Premendo sobre cada título podedes escoitar o podcast no Diario Cultural. Desfrutádeos!!!


luns, 13 de maio de 2019

RESOLUCIÓN DO I CONCURSO DE PODCASTS DE RADIO

NOTICIÓN!!!! Acabamos de recibir a noticia de que o programa "O mazarico", feito polas nenas e nenos de Infantil, é un dos gañadores do I Concurso de Podcasts-Radio na Biblio!!!!Que emoción!!!!
Ademais, o premio é marabilloso, xa que ademais de recibir a cantidade de 1000 euros, difundirán na Radio Galega os podcasts premiados, pero aínda non sabemos cando, polo que xa vos iremos informando...
Polo momento, felicitar a todas as rapazas e rapaces de 1º, 2º, 5º e 6º de Primaria, que aínda que non recibiran premio fixeron un traballo estupendo!, e por suposto ao alumnado de Infantil, que está emocionadísimo con esta noticia. Igual ca min, que non podo deixar de cantar... 

"Mazarico, lindo mazarico,
quen che deu a ti ese tremendo pico.
Ai, ai, meu mazaricán,
flor da miña vida dame a túa man.
Ai, ai, meu mazaricón,
flor da miña vida do meu corazón".

luns, 6 de maio de 2019

LETRAS GALEGAS 2019: GALEATRO

Esta semana comezamos as actividades arredor das Letras Galegas, e para iso viñeron ao cole Galeatro, unha compañía que coñecemos o curso pasado e que, novamente, nos volveu encantar! Alba e Tone invitáronnos nesta ocasión a participar nun programa chamado "O xogo das letras", botando unha man a Xan para que superara todas as probas e puidera levar o premio final. A través deste espectáculo, e tendo en conta que nesta ocasión o Día das Letras Galegas está adicado a Antón Fraguas, as catro probas estaban relacionadas co mencionado autor. Foi así como pasamos unha sesión moi entretida na que ademais descubrimos moitos datos relacionados con Antón Fraguas, ao tempo que lembramos outras figuras importantes da literatura galega (Rosalía de Castro, Castelao, Eduardo Pondal, Carlos Casares ou María Victoria Moreno). Ademais, foron moitas as persoas que puideron participar como extras na obra, algo que nos gusta moitísimo!!! 

A profe Sonia tamén participou neste concurso de letras, no que Anxo, Brais, Pablo, Jorge, Joel e Aroa a puxeron a proba.
Podedes ver as fotos desta mañá premendo sobre a imaxe.
E antes de despedirme, quero felicitar por a Alba e a Tone por seguir creando proxectos teatrais de tan boa calidade para as nenas e nenos de Galicia! Moitísimas grazas!!!

venres, 3 de maio de 2019

CIENCIA EN MOVEMENTO

Olalla, Ainhoa e Laura saíron así de guapas con E.T.
Con esta actividade, "Ciencia en movemento", despedimos a primeira semana do mes de maio. "Ciencia en movemento" está formada por Suso e Nuria, dúas persoas que comparten a paixón de divulgar a ciencia de xeito ameno e creativo. Para iso baséanse nos seguintes fundamentos: a motivación e a creatividade; os valores humanos e o respecto ao medio ambiente.
Ao longo desta mañá conseguiron manter a nosa atención coas súas propostas, aprendemos moitísimo e pasámolo moi ben. O alumnado de 1º a 3º de Primaria, ademais dos grupos de Infantil, fixeron varios obradoiros con Nuria, nos que manipularon materiais moi variados. Os grupos de 4º a 6º fixeron un percorrido polo museo científico da man de Suso, quen nos explicou o funcionamento de moitos obxectos que conforman esta interesante exposición.
Podedes ver as fotos premendo sobre a imaxe, e descubrir ou lembrar todo o que fixemos durante esta xornada científica.

luns, 29 de abril de 2019

PROGRAMAS PARA O I CONCURSO DE PODCASTS

Non imaxinades o contenta que estou!!!! A Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, en colaboración coa Radio Galega (CRTVG), e dentro do contexto do Plan LIA de Bibliotecas Escolares (Lectura, Información e Aprendizaxe), convocou este mes o I Concurso de Podcasts-Radio na Biblio. Pareceunos moi interesante e atractivo, xa que a temática proposta é o patrimonio (material e inmaterial) de Galicia, e en Mazaricos temos moitos exemplos dentro deste ámbito dos que sentirnos orgullosas e orgullosos!!! 
Por iso, e tendo en conta que só podiamos enviar tres gravacións, eliximos os tres temas que máis nos gustaron en cada grupo ao que se lle fixo a proposta: Infantil, 1º e 2º de Primaria e 5º e 6º de Primaria.

En Infantil quedáronse co mazarico, ese paxariño tan especial que dá nome ao noso concello, e do que as nenas e nenos de 3, 4 e 5 anos contan tamén outros datos moi interesantes. Podedes escoitar o seu programa no seguinte enlace:



En 1º e 2º escolleron un símbolo da nosa parroquia, os sancosmeiros, eses sombreiros tan característicos e que algunhas persoas loitan porque non se perda a tradición de seguir facéndose. Seguro que hai moitas cousas que non sabiades sobre eles. Prestade atención ao seu programa:



En 5º e 6º, emocionados e emocionadas como andan co formato "entrevista", pensaron que o mellor era quedarse cun dos pratos que máis nos diferencian do resto de Galicia, o bolo do pote, e invitar a algunhas das mellores cociñeiras do contorno para que nos contaran algúns segredos sobre o mesmo. Foi así como convidamos a participar en "Radio Rosiña" ás avoas e nais do grupo, e así recibimos a tres magníficas cociñeiras, que encheron o noso estudio de sabedoría, entusiasmo e moitísimo cariño hacia todas as persoas que alí as recibimos. 
Mª del Carmen, María e Mª Carmen son unhas grandes comunicadoras
Moitísimas grazas a Mª del Carmen, María e Mª Carmen por acompañarnos nesta aventura!!!! Escoitade o ben que falan estas fermosas mulleres:



E con moito cariño foi feito tamén cada un destes programas, porque poderemos gañar o concurso ou non, pero a experiencia xa a vivimos coma un dos mellores momentos do cole, deses que, estou segura, non esqueceremos...