martes, 12 de decembro de 2017

CELEBRAMOS OS DEREITOS

Arrancamos esta semana coa celebración dos Dereitos do Neno e Humanos. Ademais de ler e consultar os libros que temos na exposición do corredor, durante estes días nas aulas falamos moito de dereitos, uníndonos tamén á "Carreira Save the Children", que nesta ocasión se adicou a Sudán do Sur, o país máis xoven e tamén un dos máis vulnerables. Por este motivo, falamos de África, dos dereitos, das dificultades que atravesan as persoas sursudanesas, etc., expoñendo no corredor do cole un pequeno mural que resume algúns dos aspectos máis traballados nas aulas. E cantamos en galego unha canción de orixe francesa que tamén ten a súa versión en varios países africanos: "Frère Jacques", para o cal nos acompañaron os guitarristas e ukelelistas do cole!!!
Despois, colgamos os nosos desexos na árbore de Nadal, que este curso escribimos en cunchas de vieira, símbolo dos peregrinos do Camiño de Santiago. E, para rematar, un bo feixe de abrazos entre todas as persoas aquí reunidas!!!
Premendo AQUÍ podedes ver todas as fotos.


martes, 5 de decembro de 2017

UN PROXECTO MÁIS: "MIRANDO POLO CAMIÑO"

"Mirando polo camiño" é o título da modalidade na que nos inscribimos dentro do Plan Proxecta, unha iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en colaboración con diferentes organismos, dirixida a fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas educativos que desenvolvan as competencias clave como eixe do currículo e os elementos transversais, nos cales se inclúe a educación en valores.
O noso centro foi un dos 9 seleccionados  para participar nesta modalidade, que solicitamos tendo en conta tamén o proxecto "O mundo é máis lindo lendo" que propuxemos desde a Biblioteca para este curso. Xa que a temática central será o turismo e o patrimonio etnográfico da nosa comunidade, que mellor que incluír o Camiño de Santiago coma unha parte do noso traballo!!!

A través deste programa, preténdese traballar co alumnado sobre o patrimonio cultural, literario e lingüístico vinculado ao tramo do Camiño de Santiago no que se sitúa o noso cole: o Camiño de Fisterra.

domingo, 26 de novembro de 2017

O LABORATORIO DE RADIO XA ESTÁ EN MARCHA

A partir de hoxe, na columna lateral dereita atoparás esta imaxe, que te levará a un enlace directo a todos os recursos relacionados co proxecto "Radio na biblio", para o cal fomos seleccionados e que comezará a andar durante o presente curso. Premendo sobre a imaxe nesa barra lateral poderás ir lendo as novas que se vaian publicando, a partir das cales comezaremos a facer o noso traballo. As primeiras chégannos dende os "Recursos" de Bibliotecas Escolares...

Saúdos!!!

sábado, 25 de novembro de 2017

CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO, CHEAS DE VIDA!!!

Esta fermosa canción de Guadi Galego foi a elixida no CPI Plurilingüe Eusebio Lorenzo Baleirón (Dodro) polo alumnado de 4º da ESO para realizar un videoclip ben fermoso!!! Quero compartilo convosco hoxe, 25 de novembro, Día Internacional contra a violencia cara á muller, e adicarllo a todas esas persoas que loitan polos dereitos en tantos recunchos do mundo, conseguindo que non deixen de estar cheas de vida!!! NORABOA tamén a todas as persoas que participaron na realización deste fermoso traballo:


venres, 24 de novembro de 2017

15 ANOS DESPOIS, RECIBIMOS UNHA CARTA MOI ESPECIAL

Pasaron 15 anos do afundimento do "Prestige". Moitas das persoas que agora convivimos no cole non estabamos aquí, pero algunhas si, e son moitas as que están emparentadas ou relacionas con persoas que naquel momento formaban parte da nosa comunidade educativa. Para as persoas que descoñezan esa noticia, quero dicirlles que foi un dos capítulos máis tristes na historia do noso país. E como ocorre noutras situacións de emerxencia, esta tamén foi un exemplo de solidaridade por parte de todas as persoas que trataron de axudar nesta grande traxedia. O petroleiro "Prestige" tinguiu de negro as costas de Galicia (e máis alá), e a marea negra matou a moitísimos seres vivos. Pero tamén nos deu unha lección moi válida a nivel social, e iso é o que vos quero contar hoxe aquí. Naquel momento, o grupo de 4º de Primaria escribiu unha carta a un dos colexios que máis sufriu esta catástrofe. Quince anos despois, o mesmo cole, o CEIP O Areal, coas persoas que agora o integran, quixo contestar aquela emotiva carta. Para as persoas que estabamos en San Cosme foi moi especial recibir estas letras, pero tamén para as que non, e queremos compartilas con todas as persoas que nos len e nos seguen, así que aquí volas deixo. Emocinádevos, porque non é para menos!!!



A continuación podedes ler a carta que escribiu o grupo mencionado de 4º de Primaria. Esperamos que algunha desas persoas poida lela e incluso contarnos que sentiu lembrando aquel momento.



E, por último, engadir unha foto ben fermosa no Cabo Vilán, onde se pode comprobar que o mar, afortunadamente, se foi recuperando!!!





martes, 21 de novembro de 2017

APRENDENDO SOBRE COGOMELOS

Esta mañá, o cole agardaba unha sorpresa agochadiña nun dos patios interiores: unha exposición moi coidada de cogomelos!!! Encargáronse da mesma Emilio e Mª Carmen, membros da Asociación Micolóxia "Sendeiriña" de Negreira. Ademais de achegar ao centro máis de 130 especies diferentes de cogomelos (recollidos en Negreira, Santiago e A Baña) que puidemos observar, cheirar e mesmo tocar, os nosos invitados tamén prepararon unha charla para contarnos moitas das características destes interesantes organismos. Tamén puxeron á nosa disposición unha interesante exposición de libros para que puideramos ollalos durante toda a xornada.
Foi unha xornada moi interesante e divertida, na que ademais aprendemos moitísimas cousas sobre os cogomelos!!! Moitísimas grazas a Emilio e Mª Carmen por este agasallo!!!

Premendo AQUÍ podedes ver todas as fotografías tomadas.

E como sei que vos gustará volver ler a información sobre os diferentes cogomelos, tamén vos deixo as presentacións que prepararon Emilio e Mª Carmen, que nos deixaron con moita amabilidade para ter á nosa disposición.


luns, 20 de novembro de 2017

SELECCIONADOS PARA O PROXECTO "RADIO NA BIBLIO"

Imaxe tomada do blogue do CEIP A Lama (Pontevedra)
POIS SI, rapaciñas e rapaciños!!!! Estou contentísima, porque fomos SELECCIONADOS para o proxecto "RADIO NA BIBLIO"!!!! Faime moitísima ilusión que sexades parte do inicio desta nova aventura. 


No contexto do PLAN LÍA, entre as medidas destinadas á mellora das capacidades lectoras do alumnado, contémplase o deseño e desenvolvemento de programas para a mellora da competencia informacional e mediática, e detalla, como medida concreta, a posta en marcha dun programa de radio escolar con vinculación á biblioteca.

Que vos parece a vós? Seguro que, coma min, estades desexosas de comezar!!!!
 




OS DEREITOS DA INFANCIA

Hoxe celebramos o Día dos Dereitos da Infancia, uns días antes de que chegue tamén a data sinalada no mes de decembro para conmemorar os Dereitos Humanos. Xa vos teño falado da Convención dos Dereitos dos Nenos, pero seguramente moitas persoas vos preguntaredes cal é a diferenza entre eles... Os Dereitos dos Nenos son, por suposto, Dereitos Humanos. Pero a Carta destes últimos non aporta unha protección especial á infancia, así que vendo a súa necesidade, elaborouse a Convención sobre os Dereitos do Neno, xa que hai dereitos dos adultos que no poden aplicarse aos nenos, e viceversa.
Quero tamén deixarvos aquí unha ligazón da Comisión Nacional Mexicana dos Dereitos Humanos, onde atoparedes un apartado adicado ás nenas, nenos e adolescentes. Nela poderás escoitar cancións, ver vídeos e xogar aprendendo moito sobre os dereitos... 


Ademais, na exposición do corredor poderás atopar tamén moitos libros relacionados con este tema, e entre eles tres novidades da biblioteca, sobre tres persoas que, coa súa labor, fixeron que as cousas neste mundo mudaran a mellor. Persoas que loitaron para conseguir que o dereito á educación, a vida sen conflictos ou unha natureza saudable formaran parte da nosa vida diaria. Non podes perder a oportunidade de coñecer as historias de Malala, Nelson Mandela ou Wangari Maathai:
 


domingo, 19 de novembro de 2017

UNHA OBRA DE TEATRO CONTRA O "BULLYING"

O xoves fomos ata a casa de cultura de A Picota para asistir a un espectáculo teatral sobre a historia dunha nena que foxe da escola, farta de ser o centro das burlas dos seus compañeiros e compañeiras. Na súa aventura atópase cun ser máxico, o Xeadeiro, quen lle ensina que dentro de cada unha/un de nós agóchase un ser único e especial, e que temos que crer en nós para acadar todo o que nos propoñamos. A través de cancións, contos, adiviñas e xogos, a nena recupera a súa autoestima.
A obra, representada pola compañía Redrum Teatro, é unha adaptación do libro "A nena que quería navegar", escrito por Álex Sampayo e Borja F. Caamaño e ilustrado por Rodrigo Chao. Este conto sobre o acoso escolar ou bullying podes atopalo na nosa biblioteca.
Podedes ver as imaxes desta xornada premendo AQUÍ.

sábado, 11 de novembro de 2017

CELEBRAMOS O MAGOSTO

Pois a semana rematou coa festa do Magosto, como xa vos anunciaramos a comezo da semana. Nesta ocasión, para a celebración invitamos a todas as nais e pais do noso alumnado, así como avoas e avós, pero tamén ás rapaciñas e rapaces que xa remataron no cole e se atopan agora estudando no Instituto. Andrea, Nuria, Rubén, Álex, un gustazo vervos de novo aquí!!! Foi así como aumentamos o número de persoas que nos reunimos na Biblioteca do cole, para escoitar a Celso Fernández Sanmartín, un contacontos ao que temos moito cariño e que nos fixo pasar unha tarde moi agradable de risas, historias sorprendentes e cancións divertidísimas. Todo isto despois de comer un bo puñado de castañas asadas que prepararon as nosas estupendas cociñeiras Lourdes e Mariví, a quenes queremos agradecer ese esforzo. E tamén a Víctor, o noso conserxe, quen nos axudou a mover todo o mobiliario da biblioteca para facer máis acolledor o espazo no que recibimos a todas as persoas que se achegaron ao cole. 
E como estaredes desexando ver as fotos, podedes facelo premendo AQUÍ.
Para ver as imaxes da sesión de contacontos, premede AQUÍ, e os vídeos, AQUÍ.