venres, 29 de xaneiro de 2016

DÍA DA PAZ 2016

Son moi variados os actos que se realizan en moitos colexios públicos para celebrar o Día da Paz, que conmemora a morte de Mahatma GANDHI en 1948. 
Tamén no CEIP Víctor Sáenz quixemos propoñer unha idea nova, relacionándoa co proxecto que estamos desenvolvendo sobre as Olimpíadas. Para comezar, pensamos que é imprescindible para un clima de paz coñecernos a nós mesmos, controlar as nosas emocións, saber expresar cales son os nosos sentimentos... Así foi como fixemos un traballo conxunto durante a mañá partindo do filme "Inside Out".  Tamén elaborarmos en grupos bandeiras olímpicas que se diferenciaban soamente no símbolo empregado (mans, pombas, etc.); o resto, era o propio da bandeira olímpica: as formas dos aros, as súas cores, o fondo branco... Expuxémolas no corredor do cole e quedaron moi, moi bonitas!! Tamén lemos un "Manifesto pola paz" que redactamos en 5º e 6º coa axuda da teacher Marina, coa que aprendemos a dicir a palabra PAZ en 15 IDIOMAS DIFERENTES!!!
E despois baixamos ao patio para bailar!!! Nesta ocasión quixemos aproveitar esta celebración para analizar a situación que están a vivir en Siria, así que nas clases de música viaxamos a través dos mapas a este país no que se cruzan tres continentes: África, Asia e Europa. E nesta rexión quedamos durante varios días para aprender unha danza dun país veciño a Siria: ISRAEL. O seu título: "Hora Chadera". Aquí podedes ler un pouquiño máis sobre isto:

E aquí podedes ver as fotos que sacamos nun día tan fermoso, no que rematamos... ABRAZÁNDONOS!!!

domingo, 17 de xaneiro de 2016

O NOSO FESTIVAL DE NADAL

Xa temos aquí as nosas actuacións do festival de Nadal, moi relacionado nesta ocasión cos deportes. O "pistoletazo" de saída dérono os rapaces e rapazas de 5º e 6º, recitando un poema de Xosé Neira Vilas que fala do outono, estación que, xunto co trimestre, despedimos o pasado mes de decembro.

Introdución-Poema de Xosé Neira Vilas from bibliotecavictorsaenz on Vimeo.

Os meniños e meniñas de Infantil, fixeron un baile olímpico co que animaron a todas as persoas asistentes a facer os xestos dalgúns deportes moi coñecidos:

Ed. Infantil - Baile Olímpico from bibliotecavictorsaenz on Vimeo.

Chegou despois o turno da nosa primeira solista: Nuria Esperante Maneiro, á guitarra.


A seguinte actuación subiu ao escenario en bicicleta, cos rapaciños e rapaciñas de 3º e 4º.


Non podían faltar as tradicionais panxoliñas... Álex Ínsua interpretou para todos nós, ao piano, a coñecidísima "Noite de paz".


E despois de Álex, moitísima marcha con esta coreografía de 1º e 2º:


Despois de 1º e 2º, Andrea Labandeira demostrou no escenario que é unha guitarrista marabillosa!


A seguinte actuación foi para as nadadoras e o nadador nº 1 de 3º e 4º!!!


A música tradicional tamén foi incluída neste programa de Nadal. Os encargados de facela soar nesta ocasión foron Álex Ínsua e Fran Amigo, de 6º, que cantaron acompañados das súas pandeiretas.


A seguinte actuación, de 3º e 4º, achegounos á "Obertura" dunha das óperas máis famosas: "Carmen", de George BIZET. Esta música formou parte de moitísimas películas, campañas publicitarias... E seguro que tamén acompañou coreografías deportivas!


A última actuación solista foi a de Miguel Romero, de 5º, que se animou a interpretar un blues á guitarra.


As actuacións do festival remataron con "Carros de lume" e "We are one", interpretadas polos grupos de 5º e 6º.

13-5º e 6º - We are one from bibliotecavictorsaenz1 on Vimeo.

E rematou o festival coa visita dos Reis Magos, que nos sorprenderon cuns agasallos de campionato. Na seguinte presentación de fotografías podedes ver algunhas das imaxes destes inesquecibles momentos:

domingo, 10 de xaneiro de 2016

NOVO GOOGLE SITES "OLÍMPICO"

Se premedes aquí, poderedes acceder á páxina que imos elaborando desde a Biblioteca para aprender moitas cousas sobre os Xogos Olímpicos. Tamén podedes acceder na barra lateral dereita do blogue, premendo sobre a imaxe do cartel das "Olerpíadas 2015-2016". 

venres, 1 de xaneiro de 2016

CALENDARIO 2016

Pois xa está aquí o calendario do ano 2016. Nesta ocasión tocou centrarse en temas relacionados cos Xogos Olímpicos, e para iso eliximos estas 12 ilustracións que acompañarán os próximos 366 días deste ano recén estreado. 

xoves, 17 de decembro de 2015

POSTAIS DE NADAL E GUÍA DE LECTURA

Antes de comezar as vacacións, despedimos o 1º trimestre coa celebración do Concurso de Postais de Nadal. Nesta ocasión, sorprendéronnos moitísimo as vosas olímpicas ilustracións! Mira que lle dades á cabeciña... Reis Magos subidos ao podio olímpico, árbores de Nadal ou nubes construídas a base de aros olímpicos, xogos inventados por vós ("despluma-pavos", "come-turrón"), e mesmo o "Discóbolo" transformado en Papá Noel participaron nun concurso no que se entregaron 5 medallas de ouro: 
-en Educación Infantil o premio foi para TODA A CLASE;
-en 2º de Educación Primaria houbo dous agasallados: NEREA OZÓN OTERO e ALEJANDRO VILLAR NEGREIRA, quen obtivo a medalla especial do xurado;
-en 4º, a medalla foi para IRIA BLANCO DEL RÍO;
-en 6º, para DIEGO COUSO NIETO.
E como seguro que queredes velas, aquí tedes as cinco premiadas:

E, de todas elas, seleccionouse unha para imprimir e enviar ás familias, felicitando as festas do Nadal e o vindeiro ano 2016. E así de fermosa luciu a postal de Alejandro, a elixida para adornar os nosos fogares durante estes días. Acompañámola cun poema sobre o ano novo do escritor recentemente falecido Xosé Neira Vilas:

A continuación podedes ver o resto de postais expostas no corredor:

E, para rematar, tamén elaboramos unha guía de lectura na que atoparedes libros, xogos, películas ou CD's que podedes incluír nas vosas cartas ao Apalpador ou aos Reis Magos!

venres, 11 de decembro de 2015

DEREITOS E DESEXOS PARA O NADAL

Esta tarde xuntámonos no patio do colexio para celebrar un acto con motivo do Día dos Dereitos do Neno (20 de novembro) e os Dereitos Humanos (10 de decembro). Aínda que ambas datas xa pasaron, hoxe reunímonos para falar do traballo realizado nas aulas durante estas últimas semanas, e o alumnado de 6º tamén nos leu un pequeno resumo sobre a Convención dos Dereitos do Neno, aprobada pola Asamblea das Nacións Unidas no ano 1989. 
Xunto á actividade de traballar nas aulas os dereitos, este curso tamén engadimos unha novidade, que consistíu en convertir un aro olímpico nun adorno para a nosa árbore de Nadal. Así, cada grupo decorou varios aros e escribiu un desexo en cada un relacionado cos dereitos. Esta tarde lémolos e colgámolos na árbore, na que tamén engadimos imaxes relacionadas coas Olimpíadas: deportes, iconas, deportistas, etc.
E por último, fixemos unha carreira moi especial, ao participar na XII edición de "Quilómetros de solidariedade" de SAVE THE CHILDREN. Medrar san e feliz, cumprir anos, soñar con ser maior..., son algunhas das cousas que esperamos suceda na vida de calquera neno/a. Pero non todos poden facelo. Cada día morren no mundo 16.000 nenos e nenas menores de 5 anos a causa de enfermidades como a desnutrición, a diarrea, o xarampón ou a malaria, debido a que non teñen acceso á atención médica ou non dispoñen de alimentos e tratamentos adecuados a tempo. Así ocorre en países do continente africano coma Burkina Faso, Níxer, Mauritania ou Malí. E a estes países e aos que Save the Children destinará os fondos recadados entre todos/as nós. 
E aquí están as imaxes dunha tarde solleira na que tamén escoitamos cancións tradicionais africanas, mais estas non saen nas fotos:

xoves, 3 de decembro de 2015

AS OLIMPÍADAS NOS ANUNCIOS

Os xogos olímpicos son tamén a inspiración para algunhas das persoas que realizan anuncios publicitarios. Nalgunhas ocasións, aproveitan a recoñecida imaxe de grandes deportistas para publicitar prendas de roupa, complementos, colonias, etc. E nesta época previa ao Nadal tamén hai anuncios relacionados coas comidas e bebidas que adoitan servirse nesta celebración anual: turróns, mazapáns, polvoróns..., e cava ou champán. 
Pois un deses anuncios protagonízao este ano o conxunto español de ximnasia rítmica. As ximnastas clasificáronse para os Xogos de Río 2016, ao gañar en setembro a medalla de bronce nos Mundiais de Rítmica.
Aquí tedes o resultado dun vídeo que nos amosa ás ximnastas movendo os instrumentos cos que adoitan acompañarse: aros, fitas, mazas, pelotas, cordas... E os 5 aros olímpicos sempre presentes: nas burbullas, nos movementos, nos fugaces debuxos que fan as deportistas cos seus movementos... 


Xa no 2008 a selección española de natación sincronizada protagonizara o anuncio desta mesma compañía:


sábado, 28 de novembro de 2015

DESPEDÍMONOS DE XOSÉ NEIRA VILAS

Pois rematamos esta semana con esta triste noticia, sobre o falecemento de Xosé Neira Vilas, o autor do libro máis vendido na historia da literatura galega: "Memorias dun neno labrego". Cando lle preguntaban por esta obra, dicía que "eu só quería contar o que pasaba na aldea". E contouse incluso noutros idiomas, xa que entre os 600.000 exemplares vendidos está, ademais do galego, as traducións ao castelán, inglés, francés, alemán, chinés, ruso, búlgaro..., e mesmo en Braille! 
Os seus compañeiros (de profesión, da RAG da que formou parte, da editorial Galaxia -na cal publicou unha grande parte da súa obra-, etc.), falan de Xosé Neira Vilas coma "un bo e xeneroso". Tamén din que "nunca cansaba. Editaba e reeditaba. Facía e refacía. Descorría, sempre". E é que, aínda que xa tiña 87 anos, todavía seguía moi activo.
Concedéronlle case todos os premios que se poden conceder a un escritor: as medallas Castelao, o Pedrón de Honra e Celanova Casa dos Poetas. Foi investido Doutor Honoris Causa pola Universidade de A Coruña. Tamén é Premio da Crítica Española e da Crítica Galega, ademais de Premio Laxeiro e Trasalba. Pero, sobre todo, como escribiu a periodista Montse Dopico, Xosé Neira Vilas é dos "ninguén", da humildade, do que representaba a voz de Balbino (o protagonista das "Memorias dun neno labrego"), da procura da verdade e da xustiza.
Tamén no CEIP Víctor Sáenz nos sumamos a esa tristeza pola morte dun escritor que sempre tivo en conta aos nenos e nenas de Galicia, do rural, para os que escribiu tantas fermosas historias, tantos fermosos poemas! Coma o que aprendemos este outono e que serve de homenaxe a este grande autor!
Aquí podedes ver tamén unha entrevista ben interesante na que Xosé Neira Vilas fala, sobre todo, dos nenos e das nenas!



A continuación podedes ver as fotografías do recuncho que preparamos esta mañá para expoñer todos os libros que temos na nosa Biblioteca de Xosé Neira Vilas, e o cartel que elaboraron en 5º para lembrarnos un poema que aprendemos e ao que puxemos ritmo na clase de música, ou algunhas das declaracións que nos pareceron non debemos esquecer. Agora só falta animarvos a levar algunha das súas obras para desfrutar coa súa lectura!



mércores, 25 de novembro de 2015

DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

O certo é que é moi triste que teñamos que celebrar datas coma esta. O "Día Internacional da eliminación da violencia contra a muller", débese, segundo á Organización das Nacións Unidas (ONU), a datos tan horribles coma os seguintes:
-a violencia contra a muller é unha violación dos dereitos humanos;
-a violencia contra a muller é consecuencia da discriminación que sofre, tanto en leis como na práctica, e nas desigualdades pola razón de xénero;
-a violencia contra a muller afecta e impide o avance en moitas áreas, incluídas a eliminación da pobreza, a loita contra a paz e a seguridade, etc.;
-a violencia contra a muller pódese evitar. A prevención é posible e indispensable;
-a violencia contra a muller segue sendo unha pandemia global. Ata un 70% das mulleres sofren violencia na súa vida.
O caso é verdadeiramente grave e alarmante!!!!
A ONU decidiu poñer en marcha a campaña "16 días contra a violencia de xénero", que comeza o 25 de novembro e remata o 10 de decembro, Día dos Dereitos Humanos. Esta campaña ten como obxectivo chamar á acción para poñer fin á violencia contra as mulleres e as nenas en todo o mundo.
Este ano, a campaña invita á participación na iniciativa "Pinta o mundo de laranxa: pon fin á violencia contra mulleres e nenas".
Ademais de pintar o mundo de laranxa, tamén podedes ver algúns dos seguintes vídeos, que tratan en profundidade este tema tan preocupante:

UN XOGO PARA OS RAPACIÑOS E RAPACIÑAS DE ED. INFANTIL:


"LITTLE MERMAID"
Esta curta conta a historia de Saúl, un meniño de 5 anos que decide vestirse de "Sereo" para a festa de Entroido do seu cole, e a súa nai comeza a preocuparse en exceso... 


"SEIS GRADOS"
Un anuncio publicitario que gañou un premio no ano 2009.


"NO ES AMOR"
Este anuncio tamén obtivo un premio no ano 2013.


E QUE SUCEDE NO DEPORTE? Aproveitando que as Olimpíadas é o tema principal do noso proxecto este curso, non queremos deixar pasar esta data sen telo en conta. Vós que pensades? Hai diferencias nos deportes entre homes e mulleres? E no cole? Que sucede cando xogades? Estas preguntas son unha invitación á reflexión para os rapaces e rapazas de 5º e 6º. Para todos, aquí van algúns vídeos que tratan este tema a partir de mulleres deportistas:

-VÍDEO QUE RESUME BREVEMENTE A PRESENCIA DA MULLER NOS XOGOS OLÍMPICOS



-VÍDEO POLA IGUALDADE DE MULLERES DEPORTISTAS ESPAÑOLAS


-VÍDEO REALIZADO PARA CELEBRAR AS "II XORNADAS DE DEPORTE, IGUALDADE E VIOLENCIA DE XÉNERO", ELABORADO POR UN EQUIPO FEMININO DE RUGBY 

luns, 23 de novembro de 2015

VISITA A FEIRACO

O concello de Mazaricos está celebrando a súa "Semana Gandeira". Por este motivo, ademais de convocar un concurso de ilustración e fotografía, no cal participamos todas as persoas que quixemos, tamén nos convidaron a visitar a fábrica da cooperativa FEIRACO. E viaxando ata Pontemaceira foi como comezamos esta semana. Alí puidemos ver o lugar ao que chegan os camións que recollen o leite dalgunhas das cooperativas de Mazaricos, así como o seu envasado en tetra-briks. Ao final, o presidente de FEIRACO, explicounos con moita amabilidade a evolución desta cooperativa dende a súa fundación, no ano 1968. E convidáronnos cuns riquísimos iogures!!!
A TVG tamén estaba alí, e gravounos un pouquiño. Se queredes ver a reportaxe, premede aquí e poderedes acceder á mesma.
Pero tamén fixemos fotos, por suposto!!!



E, xa no cole, Radio Nordés veu entrevistar ao alumnado de 6º e á nosa titora, Marina. Foi unha auténtica experiencia!