luns, 18 de outubro de 2021

PREPARÁMONOS PARA O SAMAÍN

 Ola, rapazada! 

Xa está chegando o Samaín!!! Ademais, este curso celebrarémolo uns días antes, xa que o día propio, que é o 31, coincide cun domingo, polo que a primeira festa do curso terá lugar o venres, 29 de outubro. Como sei que vos gusta moitísimo, xa comezamos cos preparativos no cole, así que cóntovos algúns deles!

O primeiro, como moitas de vós saberedes, é a creación dunha historia de medo para o “XII Concurso de Relatos de Medo”. Seguro que o proxecto deste curso vos inspira narracións cheas de misterio arredor dos elementos que atopamos no universo: planetas, astros, galaxias, satélites, obxectos non identificados… Pero como estou segura de que as vosas ideas son moito mellores que as que poida aportarvos eu, non quero influír na vosa imaxinación, polo que queda aberto o campo da ficción para que o redactedes como mellor queirades. 

O que si vos vou lembrar son as bases, que seguirán como en anos anteriores:

-Estarán escritos en galego.

-Entregaranse rotulados unha vez corrixidos.

-Terase en conta a presentación: valorarase moito a curiosidade.

-Pódense realizar ilustracións que acompañen o texto, así conseguiredes que a vosa historia sexa máis atractiva!!! Lembrade rotulalas e pintalas...

-Facédelle unha portada onde se poida ler o título da historia, o voso nome e, se queredes, unha ilustración.

-Se estades en Educación Infantil ou en 1º e 2º de Primaria, podedes escribir unha historia colectiva entre todas as persoas do grupo.

-Para os que estades nos cursos de 3º a 6º, os traballos serán individuais.

-Os traballos meteranse no meu buzón, á entrada da Biblioteca, pero comunicádello antes á vosa mestra ou mestre, para metelos todos xuntiños!!!!

-O prazo de entrega remata o vindeiro MÉRCORES, 27 de outubro.

-Os premios entregaranse o día 29, cando celebraremos a festa no cole. Haberá un premio para Infantil, outro para 1º e 2º, un máis para 3º e 4º e outro para 5º e 6º.

AGARDO AS VOSAS HISTORIAS!!!

A outra noticia que quero comentarvos e que haberá Concurso de Cabazas!!! Premendo na imaxe podedes ler toda a información!!!
 

 

 

Rosiña

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario