mércores, 9 de setembro de 2020

RECIBIMOS O CURSO 2020-21

OLA, XENTIÑA!!!

Que ganiñas de voltar ao cole!!! De vervos a todas, de contarnos como nos foron tantos meses sen vernos!!! Hoxe vai ser un día moi, moi especial. E tamén mañá, xa que algunhas persoas comezan hoxe, pero o resto terá que agardar ao venres. Nestes dous días toca ir coñecendo as novas rutinas do cole. Nesta ocasión si que podemos falar dun estreno absoluto, xa que é a primeira vez que comezaremos o curso seguindo unha serie de pautas que nos impón o famoso coronavirus. Entre elas: 

-faremos un test antes de saír da casa sobre a nosa saúde;

-traeremos na mochila só o imprescindible;

-teremos que gardar máis distancia do habitual;

-estaremos moi atentas ao lavado das nosas mans e á desinfección dos materiais que empreguemos;

-teremos que usar máscara;

-permaneceremos co noso grupo durante a maior parte do tempo;

-as nosas familias non poderán acompañarnos ao interior do centro;

-seguiremos todas as indicacións que nos fagan no cole para movernos polos diferentes espazos;

-etc.

Vai ser todo ben distinto, iso é certo, pero tamén temos que pensar que, polo menos, poderemos estar xuntas e vernos, contarnos, compartir doutro xeito... Seguro que botamos moito de menos non poder abrazarnos (tanto que nos gusta!!!), pero pensade que ao final do curso pasado estabamos bastante peor... Así que toca alegrarse, animarse moito, facer as cousas como nos din para que así, coidándonos entre todas, poidamos seguir vindo ao cole!!!

Eu quero confesarvos que o da máscara non o levo moi ben, porque co meu tremendo fociño  non é nada doado atopar unha que se me axeite. E por enriba, todas me esmagan as orellas!!! Pero escoitei unha canción moi bonita, da cantante Uxía, na que non lles chama máscaras, senón GARDABICOS!!! Mirade que palabra tan bonita!!! Pensade niso cada vez que teñades moitas ganas de quitala, seguro que vos anima a aguantar outro anaco con ela. Se premedes AQUÍ podedes escoitar a canción e coñecer esta iniciativa cultural galega, na que participan algunhas persoas que visitaron o noso cole, como Celso Sanmartín ou Inacio Vilariño, así coma outras grandes artistas, como Benxamín Otero ou a citada Uxía.


1 comentario:

  1. Moito ánimo chicos sei que vai ser cumplicado coas mascarillas e a nosa o bligacion de levalas ánimo un abrazo a min xa me queda menos para rutina un abrazo con cariño de Andrea😘😘

    ResponderEliminar