martes, 21 de xaneiro de 2020

COÑECEMOS A LORETO SILVOSO!!!

Loreto contándonos moitas cousas sobre a radio.
Esta mañá compartimos dúas sesións con Loreto Silvoso. A locutora de "Radio Voz" visitounos para desenvolver unha sesión formativa dentro das actividades do programa "Radio na biblio". Loreto amosounos como é o estudio da radio desde o que emite, xunto con outros compañeiros, o programa "Voces de A Coruña", centrado nas cousas que pasan nesa cidade e das que fala a xente: o tempo, o deporte, a cultura, etc. 
Despois de falar do importante que é coidar a voz para o traballo radiofónico, propúxonos algúns exercicios para quentar este valioso instrumento antes de comezar a traballar a vocalización lendo trabalinguas ou tratando de dicir palabras complicadas sen trabucarnos. 
A última actividade consistiu en elixir unha actividade que nos gustara moito para falar dela durante 1 minuto. Parece pouco, verdade? Pero na radio o tempo pasa doutra maneira, e se non, que llo pregunten aos rapaces e rapazas de 3º, 4º, 5º e 6º, que superaron a proba grazas ao seu esforzo, e tamén á axuda de Loreto, que nos ía guiando para saír dos apuros... Premendo sobre a imaxe podedes ver algunhas das fotos que fixemos.
Pasámolo moi ben e aprendemos cousas que nos poden ser de gran axuda xa non só na radio, senón tamén á hora de falar en público. Desde San Cosme queremos agradecerche a túa aportación para que "Radio Rosiña" siga emitindo programas cada vez máis profesionais. Foi un gustazo compartir contigo esta mañá, Loreto!!!! 

1 comentario:

  1. Foi un auténtico pracer! Paseino moi ben. Os chavales de Radio Rosiña son uns locutores fantásticos!

    ResponderEliminar