Ola, rapaciñas e rapaciños!!!!
Como estades? Que tal vos foi o verán? Estou desexando vervos para que me contedes, aínda que algunhas cousiñas xa as sei, grazas a que teño moi bos informadores! Lembrades o Concurso da Fundación Fernando Blanco de Cee? Miguel Barrul fixera unha fermosa ilustración relacionada cos faros da Costa da Morte, e gañou o 1º Premio da súa categoría. Desde aquí queremos darlle a noraboa, e comparto con todos vós esta boa noticia. Se queredes ler como foi o acto de entrega dos premios, á cal tamén asistiu o noso director Xavier, premede AQUÍ.
Polo demais, seguro que desfrutastes moito das festas que caracterizan á nosa comunidade no verán, e despois dun curso adicado á música, posiblemente vos fixastes moito máis nas orquestras, nos bailes, nas voces, etc. Imaxino tamén que moitas/os de vós vos pegastes algún chapuzón no mar, no río ou nunha piscina, aínda que o verán non foi todo o bo que desexariamos para realizar estas actividades.
En calquera caso, o importante é que veñades con moitas ganas de comezar un novo curso, cheas/os de enerxía para arrancar un novo proxecto e de compartir grandes momentos con todas as persoas que convivimos no cole...
E que vos parece se comezamos con música? Aquí vos traigo unha canción chegada dun dos países máis musicais do mundo: Cuba!!! Está composta por un grupo de rapaces dunha comunidade de Matanzas que desenvolven un proxecto social moi interesante chamado "Maravillas de la Infancia. Cultivadores de sueños". A canción, "Alegría p'a mi gente" é todo un exemplo do que alí fan e transmite enerxía moi positiva, así que aquí vola deixo, para que comecemos o curso con moita alegría!!!
Ningún comentario:
Publicar un comentario