Un ano máis, o 30 de xaneiro celebramos o Día da non violencia e a paz. Esta xornada fundouna en España o poeta e pacifista Llorenç Vidal en 1964, e a data elixida coincide co aniversario da morte de Mahatma Gandhi.
Ao longo da semana pasada falamos moito da necesidade de paz en calquera recuncho do mundo. Son moitos os problemas que podemos observar, pero o máis triste é que en moitísimas ocasións se tratan de solucionar de maneira violenta. Este tema levounos de novo á música, xa que foron e son moitas as persoas relacionadas con ela as que tratan de cambiar este mundo levándoo polo camiño da paz. A "Oda a alegría" da Novena Sinfonía de Beethoven, "Imagine" de John Lennon, "Sólo le pido a Dios", de Mercedes Sosa, "We are the world" de Michael Jackson, "No dudaría" de Antonio Flores, etc., son algunhas das composicións que me veñen á cabeza. Pero tamén o grande director Daniel Barenboim, fundador dunha orquestra multicultural na que participan israelíes, turcos, palestinos, iraníes e españois. E tamén iniciativas de músicos que tratan de ofrecer aos rapaces que viven en ambientes de violencia unha oportunidade de cambio...
E para hoxe quero agasallarvos con este vídeo tan fermoso do movemento "Women Wage Peace", no que a cantante israelí Uael Deckelbaum canta a canción "Prayer of the mothers" xunto a mulleres e nais de todas as relixións: hebreas, musulmás, cristiás... Todas xuntas camiñando en Israel pola Paz.
Ningún comentario:
Publicar un comentario